O Parlamento aproba a Lei de creación Colexio de terapeutas ocupacionais de Galicia


O PARLAMENTO APROBA A LEI DE CREACIÓN DO COLEXIO OFICIAL DE TERAPEUTAS OCUPACIONAIS

·    Galicia súmase ás 12 comunidades españolas que xa contan con este colexio profesional

Santiago, 12 de xullo de 2016.- O Parlamento galego aprobou hoxe a Lei de creación do Colexio oficial de terapeutas ocupacionais de Galicia. O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, concretou que se trata “dunha norma demandada polos profesionais destes colectivo e que se fundamenta na protección efectiva do dereito á saúde, dirixida a ordenar o exercicio da profesión, controlando o cumprimento das normas deontolóxicas para protexer os intereses dos usuarios no desenvolvemento das actividades destes profesionais”.

Núñez Centeno xustificou a necesidade de creación dun Colexio oficial de terapeutas ocupacionais en Galicia no elevado número de promocións de diplomados e graduados que saen da Facultade de Ciencias da Saúde de Santiago; a defensa, representación, asistencia e xestión en beneficio dos profesionais; e a promoción, publicación e difusión da terapia ocupacional diante das administracións públicas, institucións, entidades e outros colectivos.

POTENCIAR OU SUPLIR FUNCIÓNS FÍSICAS OU PSÍQUICAS

Coa aprobación desta lei, Galicia súmase ás doce comunidades autónomas que xa contan con colexios profesionais de terapeutas ocupacionais, agrupadas a nivel nacional no Consello Xeral de Colexios de terapeutas ocupacionais creado en 2014.

A función dos terapeutas ocupacionais é a aplicación de técnicas e a realización de actividades de carácter ocupacional dirixidas a potenciar ou suplir funcións físicas ou psíquicas diminuídas ou perdidas, así como a orientar e estimular o desenvolvemento de tales funcións.

Aprobada por unanimidade modificación Lei Área Metropolitana de Vigo


O PLENO DO PARLAMENTO APROBA POR UNANIMIDADE A MODIFICACIÓN DA LEI DA ÁREA METROPOLITANA DE VIGO, QUE RECOÑECE A ESTA CIDADE A SÚA CONDICIÓN DE CAPITALIDADE

·    O deputado popular sinalou que “un dos maiores valores que ten o novo texto lexislativo é o alto grao de consenso acadado

Santiago, 12 de xullo de 2016.- O Parlamento galego aprobou hoxe a modificación da Lei da área metropolitana de Vigo, a través da que se recoñece a capitalidade a esta cidade e se recolle a participación desta entidade supramunicipal nos tributos do Estado e da Xunta destinados ás entidades locais. O deputado do Grupo Popular, Javier Dorado, asegurou que “esta lexislatura que está a piques de rematar pasará á historia como a lexislatura de Vigo, xa que non se recorda outra onde esta cidade focalizara de maneira tan evidente a atención da Xunta”.

Javier Dorado salientou que “un dos maiores valores que ten o novo texto lexislativo é o alto grao de consenso acadado nas distintas fases da súa elaboración, tanto entre alcaldes, as cámaras municipais, a Xunta e este Parlamento”. “Este texto é o froito do traballo de moitas persoas que desde hai oitenta anos, con menor ou maior intensidade, traballaron para construír este gran Vigo de medio millón de habitantes disposto a seguir sendo o motor económico de Galicia”, sinalou.

Na súa intervención, o deputado popular lembrou os antecedentes desta área metropolitana de Vigo: desde a constitución da mancomunidade en 1992, a declaración de Soutomaior de 1999 ou a iniciativa lexislativa popular impulsada pola Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao en 2008. “Tamén é de xustiza recordar o traballo da Lei 4/2012, a primeira Lei da área metropolitana de Vigo; así como ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por ser o seu impulsor e por estar sempre disposto a dialogar, negociar e chegar a acordos sen ningunha condición máis que a de que o ente se poña en marcha canto antes para beneficio dos veciños”, manifestou.


TRES EIXOS FUNDAMENTAIS

Dorado concretou que o Grupo Popular traballou na tramitación deste texto lexislativo baixo a premisa de tres eixos fundamentais. “O primeiro, respectar os acordos plenarios de 13 concellos e o acordo da Xunta de Goberno do Concello de Vigo para manter inalterable o consenso acadado arredor do proxecto de Lei; o segundo, deixar intacta, ou incluso reforzar, a autonomía local para que o desenvolvemento da lei dependa estritamente dos seus protagonistas; e, por último, mellorar tecnicamente o texto sen modificar o seu espírito”, sinalou.

Deste xeito, referiuse ás tres emendas presentadas polo Grupo Popular, co obxectivo de fixar na cidade de Vigo a capitalidade do área e o seu tratamento no referente á dotación de servizos por parte do Estado, a Xunta e a Deputación de Pontevedra.

A segunda emenda trata da participación do área metropolitana de Vigo nos tributos do Estado e da Xunta destinados ás entidades locais, puntualizando que “o feito da existencia desta nova entidade non debe xerar gastos adicionais para os contribuíntes, xa que o sentido do nacemento da área é precisamente unha mellora nos servizos públicos e na súa xestión”.

En terceiro lugar, o Grupo Popular afonda na necesidade de regular as futuras ampliacións que poida ter a área metropolitana. “Entendemos que é precisa a vinculación económica e social e tamén o carácter limítrofe do concello, xa que precísase que haxa cohesión territorial”, sinalou.


LEXISLATURA DE VIGO

Javier Dorado amosou a súa satisfacción porque “esta lexislatura pasará á historia como a lexislatura de Vigo”, facendo referencia “á posta en marca de actuacións como o novo Hospital Público Álvaro Cunqueiro; a limpeza da ría de Vigo coa depuradora que está a piques de rematar; o transporte metropolitano; a chegada do AVE a Vigo; a transformación do Casco Vello; a aprobación da lei que desbloqueou o caos urbanístico municipal; a consolidación de Citröen; o rexurdir do naval; o inicio da primeira estación intermodal de Galicia; a posta en marcha dos mimbres para o Vigo do futuro, coa ampliación de Navia, a Cidade da Xustiza, a Plisán ou  a Biblioteca do Estado; ou da ampliación da ponte de Rande ou do desdobramento do corredor do Morrazo

“Vigo poderá facer balance desta lexislatura e verá como hai políticos que cumpren coas súas obrigas coa cidade, aínda que queda moito por facer”, asegurou o deputado popular, quen engadiu que “rematamos a lexislatura coa sensación do deber cumprido e un compromiso: que a seguinte tamén sexa a lexislatura de Vigo para cumprir cos deberes que aínda quedan por facer”.  

GPP lamenta rexeitamento dunha declaración institucional sobre accidente de Angrois

O GRUPO POPULAR LAMENTA QUE BNG, AGE E GRUPO MIXTO REXEITARAN UNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL SOLICITANDO UNHA NOVA INVESTIGACIÓN INDEPENDENTE SOBRE O ACCIDENTE DE ANGROIS

·    A proposta considera imprescindible que se coñeza a verdade do que pasou a través dun informe técnico incontrovertido

·    O Grupo Popular reitera o seu compromiso de apoiar todas as investigacións técnicas que contribúan a esclarecer as causas deste accidente

Santiago, 12 de xullo de 2016.- O Grupo Popular lamenta que os grupos parlamentarios do BNG, AGE e Mixto priorizaran os seus intereses políticos sobre a investigación das causas do accidente de Angrois, ao rexeitar a proposta de declaración institucional que lles propuxo para que o Parlamento de Galicia solicitara a apertura dunha investigación independente tal e como demanda o informe da Axencia Europea do Ferrocarril. O Grupo Socialista amosou o seu acordo coa lectura desta proposta de declaración institucional.

A proposta de declaración considera imprescindible, como acto de xustiza coas vítimas, os seus familiares e os seus achegados, e como garantía da seguridade do funcionamento dos servizos públicos, que se coñeza a verdade do que pasou a través dun informe técnico incontrovertido.

O Grupo Popular reitera o seu compromiso de apoiar todas as investigacións técnicas que contribúan a esclarecer as causas deste accidente co fin de garantir que non se volva a repetir.

Neste sentido, lembrar que esta negativa da oposición a solicitar unha nova investigación sobre o accidente súmase ao rexeitamento da solicitude do Grupo Popular no Pleno do pasada sesión plenaria para que o Parlamento galego solicitara á Comisión Europea que fixera público o informe sobre este sinistro ferroviario.

O texto íntegro da proposta de declaración facilitada polo Grupo Popular aos demais grupos parlamentarios da oposición é o seguinte:

PROPOSTA DE DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
SOBRE O ACCIDENTE FERROVIARIO DE ANGROIS
DO 24 DE XULLO DE 2013

    O 24 de xullo de 2013 produciuse no lugar de Angrois, nas proximidades de Santiago de Compostela, o accidente de ferrocarril máis grave da nosa historia, no que faleceron 81 persoas e máis de 150, practicamente ata completar a pasaxe, sufriron feridas de distinta gravidade.

Aquela noite, tanto os veciños de Angrois como a sociedade galega, a través do persoal de emerxencias, sanitario, das forzas de seguridade e os servizos de doazón, responderon á grave situación demostrando que o pobo galego é un pobo solidario que soubo estar á altura das circunstancias nunha situación tan dramática como a xerada polo accidente ferroviario de Angrois.

    O Parlamento de Galicia considera imprescindible, como acto de xustiza coas vítimas, os seus familiares e os seus achegados, e como garantía da seguridade do funcionamento dos servizos públicos, que se coñeza a verdade do que pasou.

    O Parlamento de Galicia considera que o accidente de Angrois debe investigarse con independencia técnica e profundidade, á marxe das actuacións xudiciais, de tal maneira que os resultados de dita investigación cheguen a conclusións incontrovertidas sobre as súas causas e as medidas que hai que adoptar para garantir a seguridade do transporte ferroviario que transcorre polo territorio de Galicia e do conxunto de España.

    Por ilo, e á luz da publicación do informe elaborado pola Axencia Europea Ferroviaria (European Railway Agency) para a Comisión Europea “en relación coas fortalezas e debilidades do Informe de investigación do accidente de Santiago de Compostela do 23 de xullo de 2013” (ERA/ADV/2015-6), o Parlamento de Galicia solicita, tal e como demanda o mencionado informe, que “se abra unha investigación que reúna os requisitos de independencia e analice como mínimo as debilidades ás que fai referencia este documento” respecto das investigacións ata o de agora realizadas.