O PLENO DO PARLAMENTO APROBA POR UNANIMIDADE A MODIFICACIÓN DA LEI DA ÁREA METROPOLITANA DE VIGO, QUE RECOÑECE A ESTA CIDADE A SÚA CONDICIÓN DE CAPITALIDADE
· O deputado popular sinalou que “un dos maiores valores que ten o novo texto lexislativo é o alto grao de consenso acadado
Santiago, 12 de xullo de 2016.- O Parlamento galego aprobou hoxe a modificación da Lei da área metropolitana de Vigo, a través da que se recoñece a capitalidade a esta cidade e se recolle a participación desta entidade supramunicipal nos tributos do Estado e da Xunta destinados ás entidades locais. O deputado do Grupo Popular, Javier Dorado, asegurou que “esta lexislatura que está a piques de rematar pasará á historia como a lexislatura de Vigo, xa que non se recorda outra onde esta cidade focalizara de maneira tan evidente a atención da Xunta”.
Javier Dorado salientou que “un dos maiores valores que ten o novo texto lexislativo é o alto grao de consenso acadado nas distintas fases da súa elaboración, tanto entre alcaldes, as cámaras municipais, a Xunta e este Parlamento”. “Este texto é o froito do traballo de moitas persoas que desde hai oitenta anos, con menor ou maior intensidade, traballaron para construír este gran Vigo de medio millón de habitantes disposto a seguir sendo o motor económico de Galicia”, sinalou.
Na súa intervención, o deputado popular lembrou os antecedentes desta área metropolitana de Vigo: desde a constitución da mancomunidade en 1992, a declaración de Soutomaior de 1999 ou a iniciativa lexislativa popular impulsada pola Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao en 2008. “Tamén é de xustiza recordar o traballo da Lei 4/2012, a primeira Lei da área metropolitana de Vigo; así como ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por ser o seu impulsor e por estar sempre disposto a dialogar, negociar e chegar a acordos sen ningunha condición máis que a de que o ente se poña en marcha canto antes para beneficio dos veciños”, manifestou.
TRES EIXOS FUNDAMENTAIS
Dorado concretou que o Grupo Popular traballou na tramitación deste texto lexislativo baixo a premisa de tres eixos fundamentais. “O primeiro, respectar os acordos plenarios de 13 concellos e o acordo da Xunta de Goberno do Concello de Vigo para manter inalterable o consenso acadado arredor do proxecto de Lei; o segundo, deixar intacta, ou incluso reforzar, a autonomía local para que o desenvolvemento da lei dependa estritamente dos seus protagonistas; e, por último, mellorar tecnicamente o texto sen modificar o seu espírito”, sinalou.
Deste xeito, referiuse ás tres emendas presentadas polo Grupo Popular, co obxectivo de fixar na cidade de Vigo a capitalidade do área e o seu tratamento no referente á dotación de servizos por parte do Estado, a Xunta e a Deputación de Pontevedra.
A segunda emenda trata da participación do área metropolitana de Vigo nos tributos do Estado e da Xunta destinados ás entidades locais, puntualizando que “o feito da existencia desta nova entidade non debe xerar gastos adicionais para os contribuíntes, xa que o sentido do nacemento da área é precisamente unha mellora nos servizos públicos e na súa xestión”.
En terceiro lugar, o Grupo Popular afonda na necesidade de regular as futuras ampliacións que poida ter a área metropolitana. “Entendemos que é precisa a vinculación económica e social e tamén o carácter limítrofe do concello, xa que precísase que haxa cohesión territorial”, sinalou.
LEXISLATURA DE VIGO
Javier Dorado amosou a súa satisfacción porque “esta lexislatura pasará á historia como a lexislatura de Vigo”, facendo referencia “á posta en marca de actuacións como o novo Hospital Público Álvaro Cunqueiro; a limpeza da ría de Vigo coa depuradora que está a piques de rematar; o transporte metropolitano; a chegada do AVE a Vigo; a transformación do Casco Vello; a aprobación da lei que desbloqueou o caos urbanístico municipal; a consolidación de Citröen; o rexurdir do naval; o inicio da primeira estación intermodal de Galicia; a posta en marcha dos mimbres para o Vigo do futuro, coa ampliación de Navia, a Cidade da Xustiza, a Plisán ou a Biblioteca do Estado; ou da ampliación da ponte de Rande ou do desdobramento do corredor do Morrazo
“Vigo poderá facer balance desta lexislatura e verá como hai políticos que cumpren coas súas obrigas coa cidade, aínda que queda moito por facer”, asegurou o deputado popular, quen engadiu que “rematamos a lexislatura coa sensación do deber cumprido e un compromiso: que a seguinte tamén sexa a lexislatura de Vigo para cumprir cos deberes que aínda quedan por facer”.