A Xunta aproba un ano máis o complemento extraordinario de máis de 200 euros para os preto de 40.000 perceptores de pensións non contributivas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación do complemento extraordinario de 206 euros para os perceptores de pensións non contributivas da Seguridade Social, no cal o Goberno galego investirá case 8,2 millóns de euros. Un complemento que, segundo precisou, chegará a arredor de 40.000 persoas, entre perceptores de pensións non contributivas, do Fondo de Asistencia Social e do Subsidio de Garantía de Ingresos Mínimos.

Continue reading

O Parlamento solicita a instancias do GPP, a creación dunha consulta especializada de oncoloxía no Hospital da Costa

Santiago, 22 de decembro de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a impulsar a creación dunha consulta especializada de enfermería oncolóxica no Hospital da Costa de Burela. O obxectivo é que este servizo complemente a prestación asistencial do novo hospital de día de oncohematoloxía posto en marcha na pasada lexislatura e que está a contribuír dun modo altamente eficaz á mellora da atención, tratamento e calidade de vida dos enfermos de cancro.


A deputada popular Encarna Amigo afirmou que esta consulta de enfermería oncolóxica no Hospital de Burela permitiría “seguir mellorando e complementando” o hospital de día de oncohematoloxía posto en marcha en novembro de 2014. En concreto, dixo que “hoxe existen dúas enfermeiras que atenden este servizo e o que queremos é reforzalo cunha enfermeira máis especializada na atención deste tipo de doentes, onde a sensibilidade e a transmisión de información específica é fundamental”.

 

“A posta en marcha da consulta de enfermería oncolóxica permitirá que os doentes conten cun persoal encargado de explicarlles os coidados que teñen que seguir, os efectos dos tratamentos e as fórmulas para palialos e, en xeral, resolver todas as dúbidas ou calquera cuestión referente á enfermidade”, apuntou a deputada popular.

 

Así mesmo, Amigo engadiu que esta nova consulta permitirá “diminuír o grao de ansiedade que produce a enfermidade e axilizar os procesos de valoración, así como a frecuencia das visitas dos pacientes á área de urxencias, como garantía para mellorar os obxectivos terapéuticos e de calidade de vida dos enfermos”.

 

PAPEL ESPECIAL

 

A deputada do Grupo Popular destacou que “os profesionais de enfermería oncolóxica “teñen un papel moi especial en ámbitos tan importantes como a prevención de complicacións e a detección e control dos efectos secundarios, coa finalidade de proporcionar atención especializada nos episodios críticos”. Ademais, sinalou que estes profesionais “incorporan aos coidados os aspectos psicosociais do enfermo e da súa familia, para conseguir unha atención integral que responda as necesidades dos mesmos”.

 

Encarna Amigo explicou que o hospital de día de oncohematoloxía de Burela ocupa unha superficie de 120 metros cadrados e conta con 12 postos para tratamentos “nos que os enfermos de cancro poden recibir os tratamentos de quimioterapia preto dos seus fogares e sen necesidade de desprazarse a Lugo ou A Coruña”. “Aída que a súa implantación foi progresiva ao longo do tempo, desde o mes de setembro as consultas xa funcionan os cinco días á semana, o que significa que o servizo xa está a pleno rendemento”, indicou.

O GPP asegura que o Sergas dispón de financiamento para a licitación do proxecto do novo centro de saúde de Cangas

Santiago, 22 de decembro de 2016.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, asegurou hoxe que “coa partida xenérica do Sergas para centros de saúde poderase facer fronte ao custo que suporía a licitación do proxecto do novo centro de saúde de Cangas”. Neste sentido, sinalou que “o Sergas traballará nos vindeiros meses para definir, conforme ás necesidades asistenciais do concello de Cangas, os requirimentos deste novo centro de saúde e no momento que haxa acordo entre todas as partes procederase á licitación do proxecto definitivo para poder comezar a construción do novo centro de saúde”.


Aurelio Núñez considerou “aconsellable unificar nun centro de saúde equidistante os servizos que se prestan no centro de saúde de Aldán e o consultorio de Hío, cunhas instalacións máis tecnificadas e actualizadas, e cunha mellor cobertura de persoal ao unificarse nunha única edificación”.

 

DISCREPANCIAS COS TERREOS

 

Porén, lembrou que “os terreos proporcionados en O Viso están a xerar discrepancias entre os veciños”, pero indicou que o Sergas procederá a definir o proxecto do novo centro que atenda as necesidades asistencias do concello de Cangas. “No momento que haxa acordo entre todas as partes, procederase á licitación do proxecto definitivo”, apuntou.

 

Aurelio Núñez concretou que na actualidade 64 profesionais atenden aos veciños de Cangas, tanto no centro de saúde da capital municipal como no de Aldán e no consultorio de Hío. “Préstase todo tipo de servizos, incluída saúde mental, radiodianóstico con teleradioloxía, odontoloxía e fisioterapia, ademais de consultas de especialidades en xinecoloxía e oftalmoloxía”, sinalou.

O GPP salienta o incremento do 36% das prazas públicas en residencias de maiores de Ourense entre 2009 e 2016

Santiago, 22 de decembro de 2016.- A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, salientou hoxe no Parlamento o incremento do 36 por cento das prazas públicas en residencias para maiores rexistrado na provincia de Ourense entre os anos 2009 e 2016. “Unha destas residencias é a de Cornuval, no concello do Carballiño, cen por cento pública, de titularidade pública da Xunta, que presta un servizo público e está financiada pola administración pública”, sinalou.


Marta Rodríguez concretou que a Xunta de Galicia creou 334 novas prazas públicas en residencias para maiores de Ourense desde o ano 2009, ao pasar de 917 ás 1.251 actuais.

 

“Os compromisos se demostran con feitos, porque son as cifras e os orzamentos os que permiten prestar os servizos sociais ás persoas e abrir residencias e atender”, sinalou.

 

VISIONARIOS SOCIALISTAS

 

A portavoz popular cualificou ao PSOE de “visionarios, porque foron eles os que, a través da Lei de servizos sociais aprobada en tempos do bipartito, inventaron unha nova fórmula de xestión dos servizos públicos que permite ás administracións públicas prestar os servizos sociais de forma directa ou indirecta”.

 

Neste sentido, lembrou exemplos desta privatización socialista, como o servizo Xantar na casa, o comedor e transporte nos centros de día, a axuda no fogar ou o xantar sobre rodas nos concellos onde gobernan. Ademais, sinalou que “crearon unha empresa específica para construír e xestionar residencias de maiores, que xustificaron baseándose na eficiencia económica”.