Santiago, 27 de decembro de 2016.- A deputada do Grupo Popular Lupe Murillo criticou hoxe no Parlamento que o BNG solicite o peche de ELNOSA “sen propor aos cidadáns de Pontevedra unha alternativa de traballo para todas as persoas que pretenden mandar ao paro”. Neste sentido, lembrou que “non corresponde á Xunta o inicio dos trámites de cese de ningunha actividade industrial, sempre e cando esta actividade se estea a realizar amparada polo marco xurídico vixente, ao tempo que é competencia da Administración Xeral do Estado conceder ou denegar a ampliación das concesións de ocupación de terreo en dominio público marítimo-terrestre”.
O GPP asegura que a lexislación non impide celebrar concertos con centros educativos que diferencien por sexos
Santiago, 27 de decembro de 2016.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, César Fernández Gil, asegurou hoxe no Parlamento que “no momento actual non existe impedimento legal de celebrar concertos con centros con opción educativa diferenciada por sexos”. “O sistema educativo deseñado pola Constitución aséntase sobre os principios de programación e participación, que, debidamente conxugados, son os que permiten garantir o equilibrio entre o dereito á educación, a liberdade de ensino e o dereito a escoller centro dentro da oferta de postos escolares gratuítos”, apuntou.
César Fernández lembrou que “tanto a lexislación educativa vixente como sentenzas sobre educación diferenciada avalan a posibilidade de concertar aos centros de educación diferenciada por sexo”. En concreto, puxo en valor o Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020, que consta de 28 obxectivos e 87 medidas e réxese por catro principios fundamentais: introducir a igualdade de xénero como un elemento transversal e sempre presente na actividade educativa; construír unha sociedade igualitaria empregando a educación como medio; buscar o obxectivo violencia cero nas aulas e na sociedade; e educar na integración plena de todas as persoas, por riba da súa opción afectiva ou sexual.
Así mesmo, o portavoz popular salientou que no presente curso 2016-2017 estase a impartir por primeira vez Igualdade de xénero, unha nova materia de libre configuración autonómica que polo momento ofertan 24 centros galegos para os seus alumnos de 1º e 2º de ESO. Neste eido educativo, tamén está previsto a implantación dun ciclo formativo de grao superior para incluír a perspectiva de xénero na Formación Profesional e continuar cos cursos de formación do profesorado, nos que se aumentarán os contidos relacionados coa igualdade no ámbito educativo.
MODELO DE COEDUCACIÓN
“Hai que sinalar que o ordenamento xurídico español nunca impuxo un modelo de coeducación, nin antes da entrada en vigor da Lei orgánica 2/2006 de educación, nin agora, coa nova redacción dada a este precepto pola LOMCE, reafirmando a cobertura legal do financiamento con fondos públicos da opción educativa diferenciada por sexo”, explicou.
Ademais, manifestou que “a evolución que se ten producido no marco normativo reflíctese nos pronunciamentos dos tribunais de xustiza”. Así, lembrou que o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, posteriormente á aprobación da LOMCE desestimou no ano 2015 recurso presentado pola Confederación Intersindical Galega (CIG) contra a Orde de 9 de agosto de 2013 pola que se aprobaban os concertos educativos.
O PPdeG afirma que a lingua “debe ser motivo de unión e traballo conxunto, non de confrontación,imposición ou separación”
Santiago, 27 de decembro de 2016.- O portavoz de Cultura do Grupo Popular, César Fernández Gil, afirmou hoxe no Parlamento que a lingua “en ningún caso debe ser motivo de confrontación, de imposición ou de separación, senón de unión e de traballo conxunto”. “É o momento de traballar en serio por esa Galicia e esa lingua que todos queremos de maneira responsable”, subliñou referíndose aos grupos da oposición.
“É absurdo seguir intentando convencer que o Partido Popular é o inimigo principal do noso idioma, porque ninguén entendería que o partido político maioritario en Galicia, nado en Galicia e onde a súa gran maioría de simpatizantes son galegofalantes, vai a ir en contra da súa propia natureza”, manifestou o portavoz popular.
APROPIACIÓN POLÍTICA
Deste xeito, engadiu que “en ningún caso imos a permitir a apropiación política por parte de ningún grupo dun elemento de identidade propio como é a nosa lingua”, indicou César Fernández, ante o que sinalou que “demonizarnos desa maneira é unha batalla perdida e á vista está despois dos resultados nas eleccións galegas do pasado 25 de setembro”. “Foron os galegos e galegas os que elixiron, tanto en 2009, como en 2012 e no 2016, esta forma de actuar con respecto ao uso das dúas linguas oficiais no sistema educativo: equilibrio, non confrontación, liberdade e sentido común”, afirmou.
O portavoz popular lembrou que a política lingüística da Xunta “foi o resultado dun proceso de escoitar á sociedade e decidir”. “Froito dese período de escoitas, a Xunta presentou un decreto cuxas claves fundamentais son o máximo equilibrio entre as linguas oficiais, o galego e o castelán, en todas as etapas educativas; a aposta por un plurilingüismo efectivo coa posibilidade de que os centros poidan chegar ata un terzo do seu horario lectivo semanal impartido en lingua estranxeira; e o compromiso co fomento do galego”, concretou.
O GPP téndelle a man á oposición para traballar pola erradicación da pobreza enerxética
Santiago, 27 de decembro de 2016.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, tendeu este martes a man aos grupos da oposición para acadar amplos consensos en materia de pobreza enerxética. Malia que cualificou a moción presentada polos socialistas de “superada pola realidade”, dado o acordo asinado no Congreso a pasada semana para evitar os cortes de subministro aos consumidores vulnerables, Tellado propuxo tomar este pacto como base para traballar en novas medidas enfocadas á protección destes usuarios.
Deste xeito, Miguel Tellado lembrou que, cando o novo acordo entre en vigor, as comercializadoras eléctricas deberán avisar cando reciban unha falta de pagamento e darlle catro meses de marxe antes de que se considere o corte do subministro. As empresas deberán poñerse en contacto coa Administración autonómica para que se diagnostique a situación do consumidor e, se fose o caso, financiar a atención ás súas necesidades. “O Decreto vai encamiñado a establecer un sistema ben definido de loita contra a pobreza enerxética, e a mellora das prácticas das comercializadoras, dous obxectivos que deberían compartir todos os grupos”, resumiu Tellado.
O viceportavoz popular instou aos socialistas galegos a que continúen coa vontade de acordo nesta materia do PSOE, e lembrou que o alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, gabou recentemente as medidas aprobadas polo ministro de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, Álvaro Nadal.
SOLUCIÓNS, TRABALLANDO
No mesmo sentido, Tellado reprochoulle a En Marea que non se quixesen sumar ao acordo no Congreso, así como que en Galicia “non fagan nin unha soa proposta construtiva” e lembroulles que “os problemas dos cidadáns soluciónanse traballando, e non sacando pancartas”.
“Vostedes en Madrid están máis preocupados por facerlle escraches a Íñigo Errejón en Twitter, e en Galicia de se son partidarios de Luís Villares ou de Xulio Ferreiro, pero cando gobernan non son capaces nin de conceder uns comedores escolares”, concluíu.
O PPdeG impulsará a modificación e actualización da Lei de prevención do consumo de alcochol en menores
Santiago, 27 de decembro de 2016.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, asegurou hoxe no Parlamento que “a modificación e actualización da Lei de prevención do consumo de alcohol en menores é un compromiso que figuraba no programa electoral do PPdeG, polo que imos instar ao Goberno a cumprilo”.
Aurelio Núñez concretou que esta nova normativa incluirá a regulación do consumo na vía pública, a restrición efectiva do acceso de menores de idade ás bebidas alcohólicas e a desnormalización da tolerancia ao consumo.
CONSECUENCIAS NO FUTURO
“O abuso de alcohol non é un problema exclusivo dos menores, ou de mozos e mozas, pero si ten consecuencias para o seu desenvolvemento futuro moi superiores ás dos adultos a nivel de saúde, de estudos, de comportamentos, así como con consecuencias visibles e negativas para a súa saúde física, psíquica e social”, indicou.
Deste xeito, Núñez Centeno sinalou que “o consumo de alcohol en menores ten unha problemática propia e entidade suficiente para que mereza unha lei e unhas medidas diferenciadas”. “O consumo de alcohol en menores é un problema específico e moi importante, no que deben interactuar moitos ámbitos como a familia, a educación, a sanidade, a publicidade ou as propias administracións públicas”, apuntou.
O portavoz popular manifestou que adoptar medidas contra o consumo de alcohol “non é criminalizar á mocidade, senón pelexar contra modos de comportamento moi prexudiciais para a súa saúde, a convivencia e as futuras actitudes cara ao alcohol dos nosos mozos e mozas”. En concreto, dixo que “é grave a intoxicación aguda con resultado de coma e inclusive morte, pero tamén o é a afectación multiorgánica que está cientificamente comprobado que produce a toma masiva de bebidas alcoholicas en días illados, ademais do feito de que un menor que consume ten mais probabilidades de ser un adulto que consume”.
Cristina Romero cualifica a desigualdade salarial como “unha das discriminacións máis inxustas que sufrimos as mulleres”
Santiago, 27 de decembro de 2016.- A deputada do Grupo Popular Cristina Romero cualificou hoxe no Parlamento a desigualdade salarial existente entre mulleres e homes como “unha das discriminacións máis inxustas que sufrimos as mulleres”. Deste xeito, o Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación polo Pleno instar á Xunta a convocar, por mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, a patronal e sindicatos para promover que na negociación colectiva de ámbito galego se considere como obxectivo a acadar en 2020 a igualdade salarial efectiva entre homes e mulleres, así como que o Goberno central promova unha Lei de igualdade retributiva entre homes e mulleres.
Cristina Romero afirmou que “a aposta deste Goberno para atallar esta discriminación que estamos a sufrir é firme” e lamentou “que se utilice a discriminación como escusa para formular outras cuestións xenéricas nas que o Goberno galego xa está a traballar”.
CALIDADE DE EMPREGO IGUALITARIO
“Estamos todos de acordo en que a máxima preocupación do Goberno sexa seguir impulsando a calidade do emprego dun xeito igualitario”, indicou a deputada popular. Neste sentido, apuntou que a Xunta aposta polo emprego feminino e a igualdade de xénero mantendo a discriminación positiva nas políticas activas de emprego, potenciando os plans de igualdade nas empresas, traballando coa Inspección de Traballo con actuacións dirixidas á persecución da discriminación das mulleres e instando ao Consello Galego de Relacións Laborais a un acordo marco interprofesional de ámbito autonómico sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Ademais, engadiu que “se continúa traballando no fomento do emprendemento feminino a través do Programa EMEGA, unha medida integral de promoción da igualdade no eido laboral que apoia e favorece o éxito da iniciativa emprendedora das mulleres”.
CONTINUAR AVANZANDO
“Galicia continuará avanzando cara a unha igualdade efectiva entre homes e mulleres grazas a unha planificación axeitada, que para o próximo ano contará cun novo Plan de Emprego Feminino para que ás mulleres ocupemos o lugar que nos corresponde no mercado laboral, academos participación en todos os sectores e en todas as categorías profesionais e para eliminar, por os todos os medios posibles, esta brecha salarial que tanto nos prexudica”, sinalou.
Cristina Romero manifestou que o discurso da oposición “non é crible porque nas comunidades autónomas gobernadas por socialistas, nacionalistas e a nova política de Podemos teñen unha brecha salarial cinco punto por enriba de Galicia, como está a ocorrer en Andalucía, Cataluña ou Aragón”. “Todos estamos a favor de acabar con esta diferenza que tanto nos prexudica como sociedade”, asegurou.