O Grupo Popular asegura que a proposta de reforma do regulamento de En Marea xa está recollida na Lei de Transparencia

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, afirmou que a proposición de lei de reforma do regulamento do Parlamento defendida hoxe polo grupo de En Marea “xa está recollida na Lei de Transparencia de Galicia, que no seu artigo 19 esixe que o Goberno galego publique anualmente no portal de transparencia un informe respecto do grao de cumprimento das iniciativas aprobadas na Cámara galega”.

Continue reading

O PPdeG salienta que o obxectivo da ILP sobre o Hospital de Montecelo xa está asegurado co convenio entre a Xunta e o Concello de Pontevedra e coas actuacións en marcha

O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira cualificou hoxe de “loable” a iniciativa lexislativa popular debatida esta mañá no Pleno do Parlamento para a ampliación do Hospital Montecelo de Pontevedra, pero salientou que “o seu obxectivo xa está asegurado co convenio asinado pola Xunta e o Concello, co apoio explícito de todas as forzas políticas presentes na corporación municipal de Pontevedra, e coas actuacións xa en marcha”.

Jacobo Moreira agradeceu “a todas as persoas que están a participar no proceso de elaboración do Plan Funcional e tamén aos impulsores desta iniciativa lexislativa popular a súa actividade en prol dunha mellor sanidade pública na área de Pontevedra e lles aseguramos que os pasos dados ata o de agora garanten que, aínda sen rango legal, as administracións galegas estarán a altura do seu esforzo e dotarán a Pontevedra dun gran hospital público”.

Na súa exposición, Moreira lembrou que “ningún centro hospitalario en Galicia está regulado por lei, nin entendemos razoable que así o sexa, e coido que niso deberíamos estar de acordo todos os grupos políticos”. “Non é o marco legal o lugar para definir xeograficamente a localización de infraestruturas e moito menos os servizos sanitarios”,indicou.

AVANCES

Entre os avances realizados desde a presentación desta iniciativa lexislativa popular, o deputado do PPdeG salientou o “pleno consenso existente entre o Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia, que se fraguou coa sinatura o 26 de xullo de 2016 dun convenio de cooperación para a execución das obras do Gran Montecelo”. “Este convenio ten ademais un plus de consenso: o apoio explícito e por unanimidade de todas as forzas políticas representadas na corporación municipal de Pontevedra, entre as que se atopan o PP, o BNG, o PSOE e Marea, para levar a cabo a ampliación de Montecelo”, subliñou Jacobo Moreira.

 Así mesmo, engadiu que neste acordo “queda garantida o financiamento público da construción deste novo  hospital”, xa que no mesmo a Xunta comprométese a contratar, dirixir e executar as obras de ampliación do hospital con cargo aos seus propios orzamentos.

Respecto do edificio do hospital provincial, Jacobo Moreira afirmou que “manterá o uso sanitario, pero non estamos en disposición de vetar outros usos que sexan compatibles co sanitario”. “Non hai que perder de vista que actualmente xa se desenvolven nese edificio usos non sanitarios, como o uso docente ao atoparse nel a Escola de Enfermería, centro público adscrito á Universidade de Vigo e dependente da Deputación de Pontevedra”, concretou.

PROXECTO COLECTIVO

Moreira tamén sinalou que a iniciativa lexislativa popular “adianta acontecementos ao definir cales son os servizos que deben quedarse no Hospital Provincial antes de coñecer qué novos servizos se van incorporar na ampliación do Gran Montecelo”. Deste xeito, apuntou que “ao definir de xeito tan pechado os servizos estaríamos indo contra o proceso que ten iniciado a Consellería de Sanidade e que dende o Grupo Popular cremos que é o axeitado: un proceso aberto de consultas sobre o plan funcional do Hospital”.

“O deseño do proxecto para o Gran Montecelo de Pontevedra está concibido como un proxecto colectivo, no que se busca a participación e colaboración de todos os axentes implicados, cidadáns,  pacientes e institucións”, salientou o deputado popular, quen lembrou que máis de 300 profesionais traballan no plan funcional do novo hospital público e case 2.400 persoas participaron na enquisa pública realizada para coñecer aspectos como a frecuentación dos pacientes, os accesos ao centro, as habitacións, as consultas, o hospital de día, as urxencias, a área cirúrxica ou as salas de espera.