O GPP defenderá no pleno o mantemento da figura da prisión permanente revisable

Santiago, 30 de xaneiro de 2018.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se solicita o apoio do Parlamento galego á figura da prisión permanente revisable e que os grupos parlamentarios do Congreso reconsideren a súa postura sobre a derrogación desta figura penal. Así mesmo, pedirase ao Goberno central que os residentes en países que non pertenzan á Unión Europea tamén tributen no caso de herdanzas ou doazóns de acordo coa normativa da comunidade autónoma e non a estatal.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria da vindeira semana debaterá a toma en consideración do proxecto de Lei de reforma da Lei de Saúde de Galicia, “un texto lexislativo que é
unha mostra máis do compromiso do Goberno galego para manter e mellorar o sistema público de saúde”.

Puy explicou que este proxecto de lei “entrou no Parlamento o pasado 14 de decembro e está a seguir os trámites ordinarios” dos textos lexislativos. Ademais, apuntou que “trata de racionalizar a organización territorial da sanidade, establecendo un mapa sanitario que blinda os  hospitais comarcais, que pasan a ser distritos propios”.
 

“Esta lei consolida un modelo sanitario que xa beneficiou a 260.000 galegos que, gracias á atención no seu hospital comarcal por especialistas dos grandes hospitais aforraron o desprazamento ás cidades”, destacou. Porén, lamentou que “calquera decisión que se adopta no ámbito da sanidade galega, das mellor valoradas en España, vese suxeita a críticas que despois non se confirman na realidade, desde pagar pola sanidade ata pechar uns hospitais comarcais nos que o Goberno galego está a facer importantes investimentos para a súa ampliación e mellora”.

COMPARECENCIA SOBRE O PLAN GALICIA INNOVA 2020

O Pleno continuará coa comparecencia do conselleiro de Economía e Industria para informar do Plan Galicia Innova 2020, “un novo modelo de colaboración coas empresas de Galicia para avanzar na especialización, na investigación e no liderado empresarial introducindo novas tecnoloxías para o desenvolvemento do noso tecido empresarial”.

Respecto das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular, Pedro Puy incidiu na que solicitará o apoio á figura da prisión permanente revisable, incluída en diversos ordenamentos xurídicos democráticos e avaliada polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. “Trátase de previr a presenza na sociedade de persoas que non están debidamente rehabilitadas nin adaptadas para deixar de cometer crimes especialmente atroces”, puntualizou.

En segundo lugar, o Grupo Popular defenderá que o Goberno central aplique nos casos de herdanzas ou doazóns de residentes en países que non pertencen á Unión Europea o mesmo criterio que para os casos de residentes da UE, tributando o imposto de sucesións e doazóns de acordo coa normativa da comunidade autónoma e non do Estado.

Pedro Puy tamén deu conta das preguntas que o Grupo Popular realizará ao Goberno galego na sesión plenaria. En primeiro lugar, cuestionará sobre o balance da viaxe que hoxe inicia o Presidente da Xunta a Israel; pero tamén sobre as axudas aos proxectos de transformación de produtos agrarios concedidas nos últimos anos; e sobre o fomento e a dinamización da lectura en Galicia.

SUPRESIÓN DE PEAXES

Cuestionado sobre os peaxes na autoestrada AP-9, Puy criticou que os socialistas “digan que hai caos cando aprobaron que Galicia pagara unha peaxe entre Vigo e Morrazo que correspondía ao Estado, deixando fóra da liberación desa peaxe ao tramo entre Vigo e Redondela”. “A solución adoptada para a supresión da peaxe de Redondela vén paliar a existencia dun caos e dunha cuestión absurda que ninguén explicou no seu momento”, dixo.

“Galicia e a Xunta teñen conseguido suprimir unha peaxe que era irracional e aforrarse os cartos que estábamos pagando pola supresión da peaxe entre Vigo e O Morrazo”, subliñou o portavoz popular, polo que considerou que “algo se vai mellorando”.