Tellado: “A todos nos gustaría subir máis as pensións, pero a política consiste en distinguir entre o que se quere e o que se pode facer”

Santiago, 16 de marzo de 2018.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, asegurou que “é evidente que a todos nos gustaría subir máis as pensións, pero moitas veces a política consiste en distinguir entre o que se quere e o que se pode facer”, subliñando tamén que “ningunha formación lle pode dar leccións ao PPdeG de políticas para os nosos maiores”.

Continue reading

O GPP critica que o PSOE traia ao Parlamento un debate sobre o superávit municipal cando xa existe un acordo entre o Ministerio e a FEMP

Santiago, 16 de marzo de 2018.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, criticou que “o Grupo Socialista traia hoxe ao Parlamento unha proposición non de lei sobre o superávit municipal cando xa existe un acordo entre o Ministerio de Facenda e a Federación Española de Municipios e Provincias, sobre o que o propio alcalde socialista Abel Caballero ten manifestado a súa satisfacción”.

Paula Prado lembrou que o Ministerio de Facenda ten aceptado nove das dez propostas que lle formularon desde a FEMP para o investimento do superávit dos concellos españois, co compromiso de aprobar o decreto para este fin no presente mes de marzo.

POSICIONAMENTO DO GRUPO POPULAR

“Todos, desde grupos parlamentarios ata partidos políticos, alcaldes de todas as cores políticas, representantes da FEMP e o propio Ministerio, estamos interesados en darlle saída ao superávit”, indicou Prado.

Así mesmo, lembrou que desde o Grupo Popular “xa temos manifestado en varias ocasións neste Parlamento o noso posicionamento sobre o superávit dos concellos, polo que consideramos que non procede volver a votar sobre algo no que xa nos temos manifestado”.

A viceportavoz popular lamentou, ademais, que os socialistas “pidan que se cambie a regra de gasto para permitir gastar máis aos concellos, unha cuestión que depende da Unión Europea e que non compete a este Parlamento a súa modificación”.

O PPdeG avoga porque a negociación aberta entre Sanidade e traballadores dos PAC “chegue a bo porto”

Santiago, 15 de marzo de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, avogou hoxe porque a negociación aberta entre a Consellería de Sanidade e os traballadores dos puntos de atención continuada “chegue a bo porto para continuar coa importante labor que estes profesionais realizan para atender as necesidades sanitarias da poboación galega”.

Aurelio Núñez sinalou que a mesa sectorial de sanidade celebrada o pasado 23 de febreiro acordou a constitución dunha comisión técnica delegada para avaliar as demandas do persoal dos PAC galegos. “Esta comisión celebrou a súa primeira xuntanza o pasado 9 de marzo e acordouse manter unha nova reunión no entorno da Semana Santa, co tema monográfico da xornada dos puntos de atención continuada”, apuntou.

ESTUDOS SOBRE AS DEMANDAS

Máis en concreto, o portavoz popular lembrou o compromiso da Consellería de Sanidade de realizar os estudos pertinentes para comprobar as demandas dos profesionais e continuar mantendo reunións desa comisión técnica co debate sobre distintas reclamacións dos profesionais sanitarios dos PAC.

Núñez Centeno lembrou que “todos os traballadores públicos galegos sufriron as consecuencias da crise económica nas súas retribucións e condicións laborais a causa das medidas tomadas polos gobernos central e autonómico para paliar esta crise”.

“Pero tamén é certo que se teñen reposto moitos destes dereitos que se perderan, como a devolución de pagas extras, a recuperación dos complementos das mesmas, os días de libre disposición, os días adicionais de vacacións, os incrementos salariais, as OPEs, o Plan de Estabilidade, o Pacto de Contratación, os concursos de traslados abertos e permanentes ou as subas salariais”, concretou.

Ademais, indicou que “continúase a a negociar cos sindicatos na mesa sectorial e xa se ten chegado a distintos acordos en varios temas, como a carreira profesional e outras aspectos retributivos e de condicións laborais”.

O Grupo Popular apoia que aXunta dote ao CHUO dunha cociña propia e de calidade, adaptada ás necesidades do Hospital

Santiago, 15 de marzo de 2018.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento solicitar á Xunta que dote ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) dunha cociña propia e de calidade, adaptada ás necesidades do hospital.

A deputada popular Marta Rodríguez-Vispo explicou que o proceso de contratación da nova cociña do CHUO “está en fase de licitación, colgado na páxina web da Xunta desde a pasada semana por un importe de 3.750.000 euros”. O período de recepción de ofertas rematará o vindeiro 11 de abril.

Rodríguez-Vispo explicou que, logo de estudar os beneficios e inconvenientes dos modelos de cociña de liña fría ou quente, a Consellería de Sanidade decidiuse por instalar un sistema mixto.

Respecto do persoal, a deputada popular subliñou que “a situación laboral dos traballadores que prestan neste momento servizos na cociña será a mesma que actualmente”.