Hoxe, na Xunta Directiva do PP da provincia da Coruña xunto ao presidente provincial, Diego Calvo
O Grupo Popular lamenta que o BNG rexeitara un acordo unánime do Pleno do Parlamento de apoio ao sector vacún de carne
Santiago, 28 de setembro de 2022.- A portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Elena Candia, criticou que o BNG rexeitara hoxe no Pleno do Parlamento galego a aprobación dunha proposición non de lei consensuada de apoio ao sector de vacún de carne, que inclúa a solicitude á Comisión Europea de novas axudas para facer fronte á suba de prezos e o encarecemento dos custes de produción, así como flexibilizar as esixencias incluídas na condicionalidade reforzada para o cobro das diferentes axudas directas dentro da PAC.
O Parlamento pide ao Goberno central que solicite con urxencia a anulación do novo regulamento europeo sobre pesca en augas profundas
Santiago, 28 de setembro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insiste ao Goberno de España que rexeite os ataques que o sector do arrastre de fondo está a sufrir por parte da Comisión Europea e solicite urxentemente a anulación do novo regulamento europeo polo que se determinan as zonas de pesca en augas fondas e se estableza unha lista de zonas nas que se coñece a existencia de ecosistemas mariños vulnerables ou a posibilidade de que existan, que entrará en vigor a comezos do mes de outubro.
O Grupo Popular saúda que o PSdeG pida agora o cumprimento do Plan Forestal “co que non estaban de acordo cando se presentou no Parlamento”
Santiago, 28 de setembro de 2022.- O deputado do Grupo Popular José Antonio Armada saudou hoxe no Pleno do Parlamento galego que os socialistas “insten á Xunta ao cumprimento do Plan Forestal, co que non estaban de acordo cando se presentou en sede parlamentaria para a súa aprobación”
O Parlamento pide ao Goberno central que acelere o proceso para regular a dispensación de medicamentos por parte de enfermeiros
Santiago, 28 de setembro de 2022.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do BNG nin do PSdeG, a través da que se solicita continuar desenvolvendo a carteira de servizos para o persoal de enfermería e se demanda ao Goberno de España que acelere o proceso de elaboración e publicación de normas que regulen a indicación, uso e autorización de dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano por parte de enfermeiros para os doentes con patoloxías crónicas.
Solicitude dun PERTE singular para dar viabilidade aos proxectos industriais priorizados pola Comunidade Autónoma
Solicitude ao goberno de España dun PERTE singular para destinar os fondos necesarios que permitan dar viabilidade aos proxectos industriais priorizados pola Comunidade Autónoma
Demandas de interese para Galicia na presidencia española do Consello da UE no 2023
No segundo semestre de 2023, España ocupará a presidencia rotatoria do Consello da UE. Trátase dunha valiosa oportunidade para que o Goberno impulse os dossieres lexislativos e non lexislativos de especial interese para Galicia e o resto de España.
Por desgracia, e atendendo ao calendario electoral, existe o risco de que Goberno teña a tentación de desnaturalizar esta circunstancia, primando o electoralismo sobre a defensa dos intereses nacionais.
Historicamente, os presidentes socialistas aferráronse ás presidencias españolas do Consello da UE como táboas de salvación para rescatar a gobernos en horas baixas, buscando unha lexitimación externa da que carecían a nivel interno. Así ocorreu con Felipe González en 1995 e con José Luis Rodríguez Zapatero en 2010.
Todo apunta a que, no segundo semestre de 2023, e por terceira vez, un goberno socialista en crise tratará de converter a presidencia española da UE nunha plataforma propagandística orientada ás seguintes eleccións.
O PP de Galicia, como partido de goberno e partido de Estado, é plenamente consciente de que a presidencia española da UE no segundo semestre de 2023 é unha gran oportunidade para que España coloque na axenda política da Unión asuntos do seu interese e impulse os dossieres que considere prioritarios. É por tanto unha empresa de país, que vai máis aló das cores políticas do Goberno en cuestión.
Tras o último Debate del Estado de la Nación, o venres 15 de xullo, o Congreso de los Diputados aprobou unha proposta de resolución presentada polo Grupo Popular na que se pedía, entre outros puntos, “impulsar el papel de España en la UE, especialmente a través de una agenda ambiciosa con ocasión de la presidencia española de la Unión que contemple entre otras medidas el reforzamiento del Estado de Derecho con la reforma de la Euroorden, la adaptación de los procedimientos internos de la Comisión que permitan agilizar la incorporación de Ucrania a la UE y el pleno desarrollo de una política común de seguridad y defensa.”
Ademais, a celebración en A Coruña do cumio hispano-alemán os días 4 e 5 de outubro é tamén unha gran oportunidade para que a principal economía da Unión Europea coñeza de primeira man os intereses e as demandas de Galicia.
Neste contexto, o Grupo Parlamentario Popular presenta unha serie de demandas de especial interese galego en materia europea, para que o Goberno de España as inclúa na súa axenda lexislativa, as aborde co Goberno alemán en A Coruña e as incorpore no seu programa de prioridades para a presidencia española do Consello da UE. O noso obxectivo é acadar un gran acordo entre as forzas parlamentarias e consensuar unha posición común.
Por todo o exposto, as deputadas e deputados do Grupo Parlamentario Popular presentamos a seguinte proposición non de lei en Pleno.
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno central que incorpore, na súa axenda de cuestións a tratar co Goberno alemán na Coruña e no programa de traballo para a Presidencia española do Consello da UE de 2023, os seguintes elementos de especial interese para Galicia:
1. Fondos europeos. Asegurar unha xestión e execución eficaces dos fondos Next Generation EU, de xeito que cheguen ao tecido produtivo galego, especialmente as PEMES.
a) Reorientar o deseño e a xestión dos fondos europeos de recuperación Next Generation EU, como xa se propuxo recentemente no Plan Económico que o Presidente do PP remitiu ao Goberno.
b) Confirmar a inclusión nos PERTEs correspondentes, ou calquera outra fórmula de apoio efectivo aos proxectos estratéxicos que Galicia ten trasladado ao Goberno central en diversas ocasións, dado o seu potencial transformador e o seu elevado impacto no emprego e ao seu aliñamento coas principais temáticas do Next Generatión EU.
c) En particular, acadar a participación no PERTE do Vehículo Eléctrico e Conectado, ou de calquera outra fórmula de axuda, do alto potencial de Galicia na industria automobilística e do seu principal produtor, Stellantis, que lidera desde o centro de Balaídos en Vigo a fabricación de vehículos en España.
2. Pesca. Reorientar as normas europeas para asegurar a sustentabilidade social, económica e medioambiental da cadea mar-industria galega.
a) Promover unha reforma da Política Pesqueira Común (PPC), en liña co ditame aprobado recentemente polo Consello Galego da Pesca, para adaptar a PPC ás necesidades das comunidades costeiras europeas e aos novos retos globais, en concordancia das normas con ela conexas, como é o Regulamento de Control que se está a debater para a súa modificación.
b) Garantir a seguridade xurídica na planificación territorial da cadea mar- industria, en aplicación da Directiva de Ordenación do Espazo Marítimo, a Carta de Dereitos Fundamentais da UE e as Orientacións da Comisión Europea e o Consello en materia de acuicultura.
c) Cumprir na UE cos principios do Manifesto en defensa da pesca, o marisqueo, a acuicultura e a cadea mar-industria europeas, subscrito o pasado 5 de xullo pola Xunta de Galicia e as entidades máis importantes da industria pesqueira galega rexeitando que a Comisión Europea avance de maneira unilateral na prohibición da pesca de fondo en augas europeas.
3. Medio Rural. Adaptar as normas europeas sobre agricultura, gandeiría e montes á realidade de Galicia.
a) Asegurar que a Política Agraria Común e o Plan Estratéxico Nacional inclúan e respecten as particularidades do medio rural galego.
b) Que a UE estableza criterios homoxéneos a nivel supranacional para compatibilizar de xeito adecuado a conservación do lobo coa actividade agrogandeira no medio rural e co mantemento da biodiversidade.
c) Acadar o apoio da Comisión Europea e financiación para o futuro Centro Integral de Loita contra o Lume na localidade ourensá de Toén, que se converterá nun auténtico campus forestal de ámbito internacional e será unha referencia en materia formativa para bombeiros de toda Europa.
4. Cultura. Promover o fenómeno xacobeo na Unión Europea como parte da Nova Axenda Europea para a Cultura e a Estratexia da UE para as Relacións Culturais Internacionais:
a) Impulsar a sinalización dos Camiños de Santiago e outras rutas culturais de maneira homoxénea en toda a UE, co obxectivo de incrementar a súa visibilidade e a súa presenza.
b) Que o logo da presidencia española da UE sexa alusivo aos Camiños de
Santiago, que son tamén Camiños de Europa.
c) Que o “flagship cultural project” (“proxecto cultural destacado”) da
presidencia española estea relacionado cos Camiños de Santiago.
d) Que se instale en Santiago de Compostela unha “Casa Europa” do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, seguindo a senda da Casa América en Madrid, a Casa Asia en Barcelona e a Casa África en Canarias.
5. Enerxía. Apostar por un modelo de transición enerxética ordenada, garantista, sustentable e respectuoso co medio ambiente, que permita achegar a familias, pemes e industria un prezo competitivo.
a) Que o Goberno aprobe un marco regulatorio competitivo e, en particular, acelere a aprobación e desenvolvemento do PERTE de descarbonización orientado á industria intensiva en enerxía, de xeito que se poida beneficiar dos fondos Next Generation EU; que oferte a enerxía do RECORE (Renovables, coxeneración e residuos) a un prezo regulado; que exonere o
80% das peaxes da enerxía e que active o servicio substitutivo das poxas de interrumpibilidade.
b) Que se alcance un acordo coa UE para a concesión de axudas estatais e mecanismos de compensación para evitar o peche e a deslocalización de empresas.
c) Cimentar Galicia como hub gasístico en Europa coa reconversión nun hub de hidróxeno a medio prazo. Garantir o financiamento europeo para as interconexións enerxéticas.
6. Transportes. Aproveitar ao máximo os fondos europeos dispoñibles para impulsar as sinerxías entre Galicia e Portugal co fin de poder reforzar a competitividade.
a) Completar o antes posible a conexión ferroviaria de Galicia co Norte de Portugal.
b) Que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana impulse canto antes a saída Sur de Vigo, que aínda segue en estudo de alternativas e sen planificación orzamentaria para a súa execución.
7. Demografía e despoboamento. Integrar a demografía e o despoboamento nos distintos programas de financiamento da Unión Europea.
a) Dar continuidade aos traballos desenvolvidos pola Vicepresidenta da Comisión Europea para Democracia e Demografía, a popular croata Dubravka Šuica (Libro Verde sobre Envellecemento, Atlas da Demografía, Informe sobre o Impacto do Cambio Demográfico na Unión).
b) Converter o despoboamento rural nunha emerxencia de ámbito europeo, en liña coas propostas da Visión a longo prazo para as zonas rurais da Comisión Europea, e incorporar beneficios automáticos na concesión de fondos europeos para as rexións despoboadas.
c) Que se adopte o antes posible o novo Acordo de Asociación do FEDER, incorporando o plan de acción en materia de demografía ao que fai referencia o considerando 43 do Regulamento do FEDER.
d) En cumprimento do Regulamento 2021/1060, de Disposicións Comúns aos fondos europeos, que tanto os Acordos de Asociación coma os Programas Operativos que conclúa o Goberno incorporen un enfoque integrado para abordar os retos demográficos.
8. Política exterior. Reforzar a protección consular dos europeos en terceiros países. a) Que as Delegacións da UE exerzan unha maior presión política ante os
Gobernos estranxeiros en casos de emerxencia consular, coma por exemplo,
no caso do terrible asasinato no coruñés Diego Bello en Filipinas, o tráxico afundimento do Villa de Pitanxo en Terranova ou o recente sinistro do Albacora Cuatro en Seychelles.
9. Relacións con América.
a) Impulsar a firma e ratificación dos novos acordos comerciais entre a UE e Iberomérica (Mercosur, México e Chile), que beneficiarían especialmente ás pemes galegas.
b) Estudar un programa de intercambio académico entre universidades
europeas, latinoamericanas e estadounidenses (“Erasmus transatlántico”).
c) Reforzar o compromiso coas liberdades nas ditaduras iberoamericanas de Venezuela, Cuba e Nicaragua, esixindo unha posición europea máis clara en apoio da causa democrática.
10. Defensa. Velar por que a renovada importancia da política europea de defensa beneficie a Galicia.
a) Reforzar o papel da Unión como provedor de seguridade marítima internacional.
b) Insistir na necesidade de que os Estados membros marítimos reforcen as súas capacidades navais militares.
c) Que, entre os proxectos aprobados pola UE no marco da chamada “cooperación estruturada permanente no eido da defensa” (PESCO), e entre eles o desenvolvemento dun proxecto de patrulleiro europeo oceánico, inclúan alomenos un Buque de Acción Marítima (BAM) nos asteleiros de Navantia na ría de Ferrol.