Alfonso Rueda, tras gañar as eleccións do 18-F: “Galicia votou pola igualdade, o entendemento, a dignidade e o sentidiño”

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, compareceu esta noite logo de coñecer o escrutinio das eleccións autonómicas –nas que o seu partido acadou o apoio maioritario dos galegos cun 47,36% do voto– para valorar os resultados e asegurou que “Galicia votou pola igualdade, o entendemento, a responsabilidade, a dignidade e o sentidiño”.

Amosando o seu profundo agradecemento aos máis de 700.000 galegos que apoiaron as candidaturas populares nas catro provincias, o presidente recalcou a “honra” e o “privilexio” que supón para el continuar á fronte da nosa Comunidade e comprometeuse a traballar para estar á altura dese apoio: “Voume dedicar a propoñer a Galicia do futuro”.

Asegurou que Galicia, da que “todos estaban pendentes”, envía tamén unha mensaxe a España con estes resultados: “Aquí non queremos chantaxes nin sometementos. Votamos polo sentidiño e foi a decisión correcta para Galicia e para España tamén”.

“Por se houbese algunha dúbida, nós sentímonos orgullosos de ser galegos e de ser españois. Sen tensións, sen disputas e sen problemas”, engadiu.

Tras acadar a súa primeira maioría absoluta, Alfonso Rueda subliñou que non vai decepcionar aos galegos, tanto aos que votaron ao PPdeG como aos que non. E, neste sentido quixo agradecer as felicitacións recibidas polos candidatos dos partidos da oposición: “Se todos somos conscientes de que a nosa misión é traballar por Galicia e somos capaces de facelo, todo irá moito mellor”.

Prometeu facer todo o posible para “estar á altura da misión que me encomendaron os galegos” e afirmou que “Galicia funcionará coa axuda de todos”.

“Hoxe gañou a Galicia aberta, que quere resolver e avanzar sen mirar aos lados, sen envexas, sen levantar muros e sen ir contra ninguén. Gañou a Galicia que se sinte máis potente que nunca”, concluíu.