Alfonso Rueda rebélase contra o sectarismo do nacionalismo: “Somos orgullosamente galegos e orgullosamente españois”

Nun mitin en Baiona ante 400 persoas e no que tamén interviñeron o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e o alcalde Jesús Vázquez Almuiña

Hoxe, nun mitin en Baiona ante 400 persoas e no que tamén interviñeron o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e o alcalde Jesús Vázquez Almuiña

Nun mitin en Baiona ante 400 persoas e no que tamén interviñeron o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e o alcalde Jesús Vázquez Almuiña

Alfonso Rueda rebélase contra o sectarismo do nacionalismo: “Somos orgullosamente galegos e orgullosamente españois”

  • Reivindica o pobo galego como un pobo grande porque é plural, fraterno, aberto e respectuoso con todo o mundo e quere que así siga sendo a partir do 18-F: “Temos que elixir entre a Galicia que funciona desde a estabilidade ou a Galicia da imposición”
  • Avoga por un Goberno que sexa “un sistema de resolver problemas, non unha fonte de problemas, e un mecanismo que sirva para aportar solucións fronte a quen só sabe recrearse nos problemas que non sabe resolver”

8 de febreiro de 2024. O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que non vai aceptar ningunha lección dun nacionalismo ao que criticou o seu sectarismo: “É compatible ser e sentirse galego con ser e sentirse español, do mesmo xeito que é compatible querer o progreso de Galicia sen que lle vaia mal a outros territorios. Porque por moito que non o entendan, nós somos orgullosamente galegos e orgullosamente españois”.

Reivindicou neste sentido que o pobo galego é un pobo grande porque é plural, fraterno, aberto e respectuoso con todo o mundo. E así quere o líder dos populares galegos que siga sendo, tal e como explicou ao tempo que propoñía unha Galicia de todos e para todos, afastada da negatividade e do enfado e na que non se distinga entre bos e malos galegos.

“O 18 de febreiro temos que elixir o modelo de Galicia que queremos: ou a Galicia que funciona desde a estabilidade ou a Galicia da imposición”, afirmou avogando por un Goberno que sexa “un sistema de resolver problemas, non unha fonte de problemas, e un mecanismo que sirva para aportar solucións fronte a quen só sabe recrearse nos problemas que non sabe resolver”.

Rueda asegurou que os 10 días que quedan ata a xornada electoral teñen que ser días de traballo e de ilusión por decidir o futuro de Galicia, tendo claro o que funciona e valorando feitos como as rebaixas fiscais ou a gratuidade da educación pública. Así como todas as medidas pensadas desde o respecto para a xente maior “que todo nos deron e todo merecen”, como poden o Bono Coidado xa en marcha ou o futuro Bono Actívate.

Apostou así mesmo por unha Galicia que atraia investimentos para crear emprego, que aposte polo sector primario – a diferenza dun Goberno central que nin apoia nin respecta a un rural que está levantado contra unhas decisións inxustas que veñen de fóra – e que respecte á xente do mar á que tanto dano fixo a esquerda cos seus inxustos bulos.

“Sei que pido un enorme caudal de confianza e que o reto é maiúsculo, pero tamén sei que é realizable e quero facelo pactando só cos galegos e as galegas”, concluíu pedindo o voto e chamando aos seus a seguir traballando “sen dar ningún voto por gañado nin por perdido”.