Novas Xeracións de Galicia aproba a designación da nova xestora provincial da organización na Coruña e reivindica o papel da xuventude na vitoria de Alfonso Rueda

Os órganos directivos de Novas Xeracións de Galicia veñen de aprobar a designación dunha nova xestora da organización na provincia da Coruña que contará coa sonense Ximena Louro como presidenta e o cercedense Yannick Juncal como secretario xeral.

Nunha reunión conxunta do Comité de Dirección, o Comité Executivo e a Xunta Directiva de Novas Xeracións celebrada na sede autonómica do PPdeG e presidida por Nicole Grueira, aprobouse a composición desta xestora que contará como vogais con Carlos Moledo, Andrea Iglesias, Araceli López, Manuel Ortigueira, Alba Miramontes, Nerea Mosquera, Brais Alonso, Jose Zar, Rafael Penide, Alberto Castellanos e Bea Quintía.

“Un equipo aberto e con moitas gañas de traballar para que as Novas Xeracións da Coruña sigan funcionando”, tal e como o define Nicole Grueira, quen ademais aproveitou a reunión para agradecer o traballo ao longo destes oito anos ao equipo encabezado por José Miguel Mahía.

O presidente saínte asegurou que “pecha unha etapa política e persoal brutal deixando unha provincia unida, forte e con relevo, cumprindo co compromiso adquirido no seu día” e desexou toda a súa sorte ao novo equipo nesta “aventura increíble”.

A MOCIDADE QUE FUNCIONA

Na xuntanza tamén se fixo unha análise dos resultados acadados nas eleccións autonómicas do 18 de febreiro e especialmente do papel que xogou a mocidade galega na consecuención da primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda.

De feito, desde Novas Xeracións de Galicia destacan que o PPdeG foi a primeira opción e o partido máis votado entre o electorado menor de 30 anos e con iso, aseguran, demostrouse que “Galicia e a súa mocidade funcionan”.