Alberto Pazos afirma, ao propor a Alfonso Rueda como candidato á Presidencia da Xunta, que “convertémonos no instrumento desa gran maioría de galegos que respaldaron o proxecto do PPdeG”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, salientou hoxe, ao trasladar ao Presidente do Parlamento de Galicia a proposta para que Alfonso Rueda sexa o candidato á Presidencia da Xunta no debate de investidura que terá lugar a vindeira semana, que “convertémonos no instrumento desa gran maioría de galegos que o pasado 18 de febreiro respaldaron cos seus votos o proxecto do Partido Popular de Galicia, liderado polo propio Alfonso Rueda”.

Alberto Pazos incidiu que “os votos dos galegos decidiron que o grupo maioritario deste Parlamento fora o Grupo Popular” e sinalou que, “como non podía ser doutra forma, trasladamos ao Presidente da Cámara a nosa vontade e disposición para que Alfonso Rueda sexa o candidato a Presidente da Xunta” na sesión de investidura que se celebrará os vindeiros días 9 e 11 de abril.

Neste sentido, amosou a vontade para que a investidura “se produza canto antes e se poida formar novo Goberno galego, de xeito que nos poidamos volver a poñer a traballar polo benestar dos galegos, ao que nos queremos dedicar canto antes”.

A preguntas dos xornalistas, o portavoz popular insistiu que “está fóra de lugar” as dúbidas respecto dos prazos nos que se vai realizar a sesión de investidura, porque “se están cumprindo escrupulosamente os tempos recollidos na lexislación vixente e no Regulamento do Parlamento de Galicia”. Así, Pazos afirmou que “introducir outro tipo de variables é ridículo” e apuntou que “non sei se alguén tiña algún calendario alternativo que plantexar, pero, desde logo, nos órganos que corresponden non o fixo saber”.