Alberto Pazos asegura que Alfonso Rueda será “o presidente de todos os galegos” con tres eixos de acción: defensa dos intereses de Galicia, progreso económico e mellora dos servizos públicos

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, asegurou hoxe no Parlamento galego que Alfonso Rueda “relegará desde hoxe o seu papel de candidato da maioría para volver a ser o Presidente de todos os galegos con tres eixos fundamentais de acción do seu Goberno: a defensa dos intereses de Galicia, o progreso económico do país e a mellora dos servizos públicos”. “Ten unha ardua labor por diante e seguro que non faltarán obstáculos e dificultades, pero sabemos que esa mochila, que habitualmente o acompaña, está chea de ilusión, de gañas e de vocación de servizo”, apuntou.

Alberto Pazos incidiu na oferta de diálogo realizada por Alfonso Rueda na súa intervención do pasado martes, que “está avaliada pola súa traxectoria política”. “Tampouco teño dúbidas sobre a vontade dos galegos para fuxir dos extremismos e da intransixencia, pero non podemos ser optimistas respecto do clima político no que se vai desenvolver esta lexislatura, unha sensación baseada nos acontecementos e actitudes que xa observamos nas escasas semanas que pasaron desde a xornada electoral”, manifestou.

Deste xeito, o portavoz popular insistiu “na necesidade de preservar Galicia como illa de estabilidade”, polo que lamentou “os intentos que se produciron nas últimas semanas por importar a conflitividade e a crispación existentes noutros territorios de España”. Así, dixo que “merecemos un debate político que se centre en atender as necesidades reais dos cidadáns, na mellora realista da nosa sanidade, da atención aos maiores e dependentes e na procura da excelencia da educación para os nosos fillos; un debate sereno sobre como debemos desenvolver o enorme potencial que temos como país e sobre cal vai a ser o futuro dese proxecto común chamado Galicia”.

ACEPTAR A REALIDADE

“O 18 de febreiro foi unha data de enorme relevancia, na que os galegos fomos convocados ás urnas e na que decidimos cal é o modelo de país que desexamos, cal é a maioría social do país e quen debe liderar a Galicia dos próximos catro anos. E non deixamos dúbida sobre a nosa decisión: Alfonso Rueda Valenzuela”, lembrou Alberto Pazos, quen engadiu que “para calquera que se dedique á actividade política non debera existir maior motivación que a de resultar útil ao seu pobo, e tal utilidade non é posible se non aceptamos a realidade na que nos situaron os galegos e superamos os sinsabores que nos teña causado a súa decisión”.

Porén, lamentou que “da igual o exitoso que sexa o resultado, porque tras cada nova vitoria do PPdeG seguimos condenados sen remedio a escoitar a mesma letanía dunha oposición absolutamente impermeable aos mensaxes da sociedade galega”. “Resulta imprescindible que todos fagamos un esforzo por non confundir coherencia con intransixencia, e por entender que a firmeza dos principios debe ser compatible coa necesaria flexibilidade para alcanzar acordos”, sinalou.

O portavoz popular recordou que Alfonso Rueda “concorreu ás eleccións galegas cun programa claro, concreto e detallado, que debe servir de marco para o diálogo e de base para o acordo e que foi presentado aos galegos como o contrato do candidato do PPdeG con Galicia”. Así, subliñou que “desde hoxe mesmo tendemos a man para estudar con atención cada achega que se nos faga co afán de mellorar, de enriquecer e de perfeccionar os 870 compromisos adquiridos cos cidadáns”.

“Pero, pedirnos que renunciemos aos obxectivos, compromisos e medidas que contén este contrato e tanto como pedirnos que traizoemos a confianza dos galegos, e iso non vai suceder”, explicou Pazos. Ademais, anotou que “imos ser escrupulosamente fieis ao compromiso que adquirimos con Galicia, sen que iso implique renunciar a incorporar novas sensibilidades que permitan que máis galegos se sintan representados nese proxecto que desexamos común”.

VONTADE DE ACORDO

Alberto Pazos criticou que, desde a celebración das eleccións, a vontade de acordo político amosada polos grupos da oposición “brillou pola súa ausencia”. En concreto, indicou que ante o anuncio do Goberno do Estado de renunciar a presentar os orzamentos, “o BNG dedicou os seus esforzos a convencernos de que non pasa nada e que os compromisos que Pedro Sánchez non cumpriu durante catro anos con orzamento en vigor se van cumprir este ano sen orzamento; ao tempo que o PSdeG subiu a aposta pedíndonos apoio para un orzamento que non existe”.

Respecto do pacto en materia de política industrial, o portavoz popular criticou que BNG e PSdeG “non só fixeron oídos xordos, senón que racharon o pacto que alcanzamos na lexislatura anterior” respecto do proxecto de Altri en Palas de Rei. “As nosas premisas seguen sendo exactamente as mesmas: estrito cumprimento da lexislación e totais garantías medioambientais con esixencia previa ao desenvolvemento do proxecto”, concretou.

Neste sentido, lamentou “a volta do BNG de sempre: o que gritaba en San Cibrao que Alcoa non se abre, para anos despois berrar que Alcoa non se pecha; o que boicoteaba a construción da AP-9 e anos despois esixe unha AP-9 galega e gratuíta; ou o que tenta paralizar calquera iniciativa eólica, pero que esixe que se manteña todo o emprego eólico”. “Non se pode prometer en campaña un incremento sen precedentes da produción industrial galega e despois vetar calquera iniciativa de investimento neste país”, apuntou.