Paula Prado, trala investidura de Alfonso Rueda como presidente: “Fronte aos do non, o PPdeG seguirá sendo o único partido do si a Galicia”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, fixo hoxe un balance do debate de investidura no que Alfonso Rueda foi designado como presidente da Xunta de Galicia amosando a súa tranquilidade ante o “programa de goberno a longo prazo” presentado polo presidente e o compromiso de “cumprir a palabra dada” manifestado durante a campaña e reiterado estes días: “Fronte aos do non a todo, seguiremos sendo o único partido do si a Galicia”.

“O presidente Rueda presentouse ante os galegos coa experiencia de quen leva anos traballando polo benestar dos galegos, coa responsabilidade de quen é consciente do moito que acadamos xuntos e dos retos que temos por diante, e coa ilusión de quen quere encabezar o proxecto colectivo de construír a Galicia da próxima década”, afirmou.

A número dous dos populares galegos definiu acto seguido ao presidente como “un humilde camiñante que se compromete a gobernar con palabra e a traballar pola Galicia que funciona” e apuntou que este compromiso “se materializa nun programa pensado para as persoas, destinado a facer prosperar a nosa Comunidade e que marca o camiño a seguir cada a Galicia do futuro”.

“Todo o que foi dito será feito”, remarcou ao tempo que enumeraba algunhas das medidas recollidas neste programa como a extensión da fecundación in vitro ata os 45 anos, o incremento do número de prazas públicas en residencias para maiores, a posta en marcha dunha axuda para financiar os gastos das actividades extraescolares, a implantación da gratuidade na totalidade do ciclo educativo, o aumento do parque público de vivenda ou a posta en funcionamento de Centros de Información á Muller móbiles.

“AOS GALEGOS NON LLES GUSTA QUE LLES MINTAN”

A secretaria xeral do PPdeG afeou aos partidos da oposición que xa tivesen decidida a súa postura antes de escoitar ao presidente Rueda e ironizou con que nin o BNG nin o PSdeG obtiveron o apoio dos galegos nas urnas porque “se presentaron ante eles agochando o seu programa ou presentándose co programa doutros”.

Afirmou que Ana Pontón “segue sen entender nada” e así o acreditou onte no debate de investidura: “Segue presentándose como sempiterna candidata a unha investidura hipotética que nunca chega por moito que a busca e, ademais, nótase que non sabe o que é unha maioría porque segue sen asimilar que foi Alfonso Rueda quen gañou as eleccións por maioría absoluta”.

Neste sentido recomendoulle que “dedique menos tempo a faltar o respecto aos máis de 700.000 votantes do PPdeG e máis tempo a reflexionar sobre os motivos que a levaron a engadir catro anos máis ás súas dúas décadas na oposición”.

“Aos galegos non lles gusta que lles mintan e por iso non apoiaron o verdadeiro programa do BNG. Ese que agocharon tras o seu falso disfrace de moderación e que propoñía a independencia de Galicia, a imposición do monolingüismo nas aulas, a eliminación das provincias ou a expulsión das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”, explicou.

“OS SOCIALISTAS GALEGOS NIN SE ESFORZAN EN TER UN PROXECTO PROPIO”

No caso do PSOE galego, explicou Paula Prado, “xa non é que agochen o seu programa, senón que nin se esforzan en ter un proxecto propio”. O programa do PSdeG, concluíu, é “o programa de Pedro Sánchez”.

“Onte víronse as poucas ganas que ten o portavoz socialista de defender ao seu partido no Parlamento. Está claro que se lle vía moito máis enérxico cando participaba nas reunións da comisión negociadora da amnistía de Cataluña”, subliñou.

A número dous dos populares galegos fixo así un chamamento a que o PSOE “retome a senda do diálogo e, sobre todo, loite por Galicia cando se trata de esixir a Sánchez cuestións tan importantes como a gratuidade da AP-9 ou a chegada da Alta Velocidade a toda a Comunidade”.