Alfonso Rueda defende unha Galicia aberta e hospitalaria que siga mellorando os seus resultados turísticos desde a calidade e o sentidiño

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe Galicia como unha terra aberta, acolledora e hospitalaria apuntando a estas características como as claves do éxito do modelo turístico galego, baseado na sustentabilidade, o sentidiño e o respecto.

Durante a súa participación na tradicional romaría das Cabezas en Meis, o líder dos populares galegos apuntou a esta celebración como o mellor resumo dos moitos tesouros que agocha Galicia e que fan que cada vez nos elixan máis turistas para pasar uns días de descanso.

Defendeu que os visitantes acoden á nosa Comunidade buscando tanto relaxarse como desfrutar da natureza, do patrimonio ou da gastronomía. E que todo isto fai que falar de Galicia signifique falar de calidade e dunha marca que os galegos xa fixemos nosa e que cada día descobren máis e máis persoas de todo o mundo.

Avoga así por crer e potenciar os nosos valores materiais e inmateriais a través dunha fonte de riqueza como é o turismo, que na súa opinión debe seguir medrando pero con sentidiño e mantendo aquelo que nos fai diferentes e atractivos.

O PP, LÍDER NA COMARCA DO SALNÉS

Acompañado polo presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López e por outros representantes do partido, Rueda mantivo posteriormente unha xuntanza cos alcaldes e portavoces na comarca do Salnés.

Nela quixo agradecerlles os bos resultados colleitados nas eleccións autonómicas do pasado 18 de febreiro, nas que o PPdeG foi a primeira forza comarcal. O apoio recibido polo partido foi de preto do 50% e, en casos concretos como o de Meis, superior incluso a esta porcentaxe.