Alfonso Rueda reivindica que o apoio maioritario dos lucenses ao seu partido se debe a que o PPdeG sempre cumpre con Lugo

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, amósase convencido de que, se cada vez que son chamados ás urnas, os lucenses apostan maioritariamente pola súa formación é porque o Partido Popular sempre cumpre con Lugo.

As últimas enquisas publicadas apuntan que, se se repetisen as eleccións autonómicas e xerais, o Partido Popular non só volvería gañar por maioría en Lugo, senón que volvería obter un porcentaxe de apoio superior ao 50%. O cal demostra, na súa opinión, que os galegos e os lucenses seguen confiando no único partido que devolve a confianza obtida co cumprimento da palabra dada e o traballo diario.

Rueda pon en valor o traballo que está a realizar en Lugo o partido liderado por Elena Candia, coa que hoxe asistiu ás festas de San Froilán. Acompañados tamén pola secretaria xeral do PPdeG e case un cento de representantes do Partido Popular na cidade e na provincia, fixeron un percorrido polo recinto feiral e desfrutaron ao carón dos lucenses desta xornada festiva chea de tradición.

Paula Prado augura unha lexislatura protagonizada polo “Estilo Galicia” que caracteriza ao Goberno de Rueda: “Estabilidade, rigor, xestión e cumprimento da palabra dada”

O PPdeG, logo da comparecencia do presidente Alfonso Rueda esta semana no Parlamento, considera que quedou claro que esta lexislatura estará protagonizada polo “Estilo Galicia” baseado na estabilidade e o rigor na xestión, así como no cumprimento da palabra dada: “O Goberno galego demostrouno durante os primeiros 100 días, co cumprimento do 100% das medidas, e demostrarao durante os máis de 1.400 días de lexislatura”.

“A comparecencia estivo protagonizada polas sete letras de Galicia e por un bo número de medidas para o futuro da nosa terra”, afirmou hoxe en rolda de prensa a secretaria xeral do partido, Paula Prado, destacando que o Goberno galego triplicará o orzamento destinado a vivenda, deseñará unha Estratexia para mellorar a inserción laboral da mocidade, porá en marcha un novo Plan de recursos humanos sanitarios, unificará a tramitación da dependencia e discapacidade e aprobará o Plan galego da investigación.

A isto habería que unir o anuncio realizado onte polo presidente Rueda de que a Xunta reservará para a mocidade o 25% das novas vivendas públicas destinadas á venda e o 40% das promocións destinadas ao alugueiro. Ademais de crear un bono para axudar á xuventude a afrontar os gastos derivados da emancipación.

“Todas estas medidas se levan a cabo grazas a que Galicia cumpre e proba diso é que a próxima semana a Xunta aprobará os Orzamentos de 2025. Co cal xa serán 16 anos consecutivos coas contas aprobadas e sen sobresaltos, sen estridencias e sen liortas”, remarcou insistindo en que “esta Galicia que funciona é un exemplo para o resto de España e un espello no que o Goberno central debería mirarse”.

A número dous dos populares galegos criticou que en España se teña normalizado “funcionar cos Presupostos Xerais prorrogados” e que “dar privilexios a algunhas comunidades sexa a forma de perpetuarse no poder”. Nesta liña afeou o feito de que “o candidato do partido político que goberna poda lanzar unha promesa e uns meses despois matizala facéndolle crear á cidadanía que cumpriu”.

GALICIA CUMPRE, O GOBERNO CENTRAL ENGANA

Referiuse así a que o 5 de febreiro de 2024, durante o debate electoral organizado pola Televisión de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro asumira o “compromiso irrenunciable” de facer gratuítas as peaxes da AP-9 e a AP-53. É máis, o candidato socialista –logo de que meses antes o PSOE e o BNG asinaran a gratuidade da peaxe no papel mollado que foi o pacto de investidura– chegou a afirmar que as peaxes se ían acabar.

“Agora, varios meses despois, o Goberno central inténtanos colar como un gran triunfo unha pequena rebaixa que xa veremos como e cando se materializa. Porque xa sabemos que, ademais, a celebración do Aninovo adoita vir acompañada dunha subida”, engadiu recordando ademais que no Congreso o prazo de emendas á Proposición de Lei sobre a AP-9 xa leva media ducia de prórrogas esta lexislatura “despois de que na pasada se prorrogara ata 15 veces”.

Paula Prado considera que con estas prorrogas o PSOE e o BNG están “obviando a unanimidade do Parlamento de Galicia” e “boicoteando o mandato dos galegos e das galegas”. De aí a súa promesa de que o PPdeG “vai seguir traballando e non vai consentir que o Goberno central e os grupos que o apoian sigan bloqueando a transferencia e gratuidade da AP-9”.

Os populares agardan que o próximo mércores, na comparecencia de Óscar Puente que forzaron os seus deputados nacionais, o ministro cumpra e se comprometa cunha autoestrada gratuíta: “Temos que poñer a AP-9, e por suposto tamén a AP-53, no lugar preferente que demandan todos os galegos e galegas”.

“Estamos ante as autoestradas máis caras de España e, por iso, Galicia seguirá traballando para que a transferencia e a gratuidade sexan unha realidade”, sentenciou a secretaria xeral do PPdeG como remate da súa intervención.

O Parlamento reclama á CHMS que permita tramitar os plans básicos municipais tendo en conta a normativa galega que regula os núcleos rurais

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda á Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) que permita a tramitación dos plans básicos municipais tendo en conta a normativa galega que regula os núcleos rurais. En concreto, respecto ás redes de abastecemento e saneamento, pídese que cando non existan redes regularizadas se permita garantir os recursos hídricos a través de medios individuais a executar polos promotores particulares.

A Lei 2/2016 do solo de Galicia establece no seu artigo 24.5 que, para edificar naqueles núcleos nos que non existan redes autorizadas e con capacidade de servizo suficiente, será requisito indispensable que, con carácter previo á obtención de novas licenzas, os proxectos de construción inclúan a concesión privativa para o abastecemento e a autorización privativa para a vertedura emitidas pola demarcación correspondente de augas.

PROBLEMA ESPECIAL COAS REDES VECIÑAIS

A portavoz popular de Vivenda, María Deza, afirmou que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil está a informar desfavorablemente todos os plans básicos municipais no caso de núcleos rurais con redes de abastecemento e saneamento sen autorizar. No caso de núcleos con redes regularizadas, pero cun caudal insuficiente para posibles necesidades a teito do plan, está informando de xeito favorable, se ben condicionado a que as concesións e autorizacións sexan modificadas e garantan o caudal suficiente para o caso de que se ocupe a totalidade das parcelas edificables residenciais previstas neles.

María Deza demandou que a Confederación Hidrográfica “dea un paso á fronte e teña en conta a regulación normativa galega que se está a incorporar nos plans básicos municipais en tramitación, que establece que, para edificar naqueles núcleos nos que non existan redes autorizadas e con capacidade de servizo suficiente, será requisito indispensable que, con carácter previo á obtención de novas licenzas, os proxectos de construción inclúan a concesión privativa para o abastecemento e a autorización preventiva para a vertedura emitidas pola demarcación correspondente de augas”.

“Este postulado é especialmente problemático no caso das redes de titularidade veciñal, amplamente estendidas nos municipios rurais de Galicia, posto que os concellos non son titulares da rede e, por tanto, a súa capacidade de actuación é inexistente”, dixo a portavoz popular, quen apuntou que “isto está a ocasionar unha situación de atoamento que está nas mans da Confederación Hidrográfica poder emendar”.

Na actualidade, dos 27 expedientes de plans básicos municipais iniciados pola administración en toda Galicia, só 4 alcanzaron a aprobación definitiva, “e moitos destes plans en curso non avanzan porque non se obtén o pronunciamento favorable da Confederación Hidrográfica”, indicou María Deza. En concreto, 11 concellos para os que se están a tramitar estes plans básicos municipais e outros 5 que están a promover os seus plans xerais de ordenación municipal están pendentes de obter o pronunciamento favorable da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para poder aprobar os documentos que ordenen urbanisticamente os seus termos municipais.

O Grupo Popular afirma que Xunta e Concello están a avanzar para dotar ao IES Ferrol Vello dun novo pavillón

A portavoz de Educación do Grupo Popular, Cecilia Vázquez, afirmou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta e o Concello están a avanzar para dotar ao IES Ferrol Vello dun novo pavillón, para o que será preciso a adquisición dunha parcela para a súa localización.

Cecilia Vázquez lembrou que a Consellería de Educación “é plenamente consciente da situación na que se atopa o IES de Ferrol e por iso asinou no seu momento un convenio co Concello para levar adiante a construción dun novo pavillón”.

Respecto da dotación de profesorado neste instituto, a portavoz popular explicou que na actualidade dispón dun cadro de persoal de 20 persoas (18 profesores máis outros dous especialistas en pedagoxía terapéutica, “polo que cumpre coa dotación de profesorado necesario e mesmo se reforza, tendo en conta o tipo de centro do que se trata”.

Con este nivel de profesorado, a portavoz popular subliñou que o rateo global do centro é de 8 alumnos por profesor.

O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central a creación de pasarelas de recoñecemento de créditos entre a FP e os graos universitarios

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que cumpra cos compromisos adquiridos e realice os trámites necesarios, en colaboración coas comunidades autónomas, para crear pasarelas de recoñecemento de créditos entre as ensinanzas de formación profesional de grado superior e os títulos oficiais de grado, co obxectivo de facilitar a mobilidade do alumnado recoñecendo a formación previamente adquirida en ambos sentidos.

A portavoz popular de Educación, Cecilia Vázquez, explicou que “un alumno que remata un ciclo superior de formación profesional pode acceder directamente á universidade a través dunha pasarela directa que recoñece a súa formación, pero non existen pasarelas de recoñecemento de créditos para graduados universitarios que desexen completar as súas competencias cursando un ciclo de formación profesional”.

“É innegable que os vínculos entre os sistemas de formación profesional e os universitarios son cada vez máis estreitos e as administracións públicas deben favorecer e reforzar estes lazos para garantir unha formación continua e adaptada ás realidades sociais e laborais”, sinalou Cecilia Vázquez, quen lembrou que xa no ano 2022 o ministro de Universidades, Joan Subirats, declarou que traballaba co Ministerio de Educación para establecer pasarelas entre a universidade e os ciclos formativos.

Vázquez incidiu que “son moitos os aspectos nos que se pode avanzar, pero un dos máis relevantes é o referido ao establecemento de itinerarios formativos que recoñezan a formación previamente adquirida e, polo tanto faciliten a mobilidade do alumnado entre ambos sistemas”.