O PPdeG denuncia o plan de Pedro Sánchez para desmantelar á Garda Civil no rural e a falta de efectivos: “Cada día faltan 1.000 axentes en Galicia”

O Partido Popular de Galicia denuncia o plan que está poñendo en marcha o Goberno central para desmantelar os cuarteis da Garda Civil no rural –mediante a redución de horarios de atención presencial ou directamente o seu peche– e reclama solucións ante o déficit de efectivos que sofre a nosa Comunidade: “Cada día faltan 1.000 axentes en Galicia”.

A secretaria xeral do partido, Paula Prado, e a secretaria nacional de Interior do Partido Popular e deputada por Ourense, Ana Vázquez, mantiveron unha xuntanza coas principais asociacións da Garda Civil na que abordaron os principais problemas que afectan a este corpo de cara a colaborar na busca de solucións.

“As noticias que nos chegan son inquietantes na medida en que constatamos que o Goberno de Sánchez está descoidando á Garda Civil e, polo tanto, tamén a seguridade dos galegos e galegas”, apunta con preocupación a número dous dos populares galegos ao respecto de cuestións como o peche de cuarteis ou a redución dos horarios de atención presencial.

Explica neste sentido que as intencións do Ministerio do Interior pasan por “desmantelar a Garda Civil nos pequenos municipios e zonas rurais”, xa que está previsto pechar os postos auxiliares de a lo menos sete concellos: A Pobra do Caramiñal, Touro, As Somozas, Cariño, o Incio, Sober e Baltar.

Ao que habería que engadir o feito de que cada vez son menos os cuarteis abertos con atención presencial as 24 horas de día e cuxos horarios se viron reducidos a un horario de 9:00 a 14:30 horas. Algo que, na súa opinión, é tan “inconcibible e intolerable” como a idea de “substituír os axentes reais por axentes virtuais”.

Esta situación vese agravada ademais pola falta de cobertura dos postos previstos no catálogo e das baixas médicas. O cal deriva en que, segundo os cálculos dos populares, “cada día faltan 1.000 axentes da Garda Civil en Galicia”.

“Esperamos que Sánchez e os seus rectifiquen, polo ben da Garda Civil e da seguridade de todos os galegos e galegas”, conclúen no PPdeG recordando que os seus deputados no Congreso rexistraron unha proposición non de lei para instar ao Goberno a manter os cuarteis e postos existentes da Garda Civil en Galicia, garantir a atención presencial á cidadanía e cubrir o total de prazas previstas por catálogo.

UN ATAQUE DIRECTO CONTRA O MEDIO RURAL

Ana Vázquez sostén que “a seguridade é un dereito” e que, polo tanto, “os galegos e o resto de españois teñen que ver garantido o seu dereito a sentirse seguros e poder camiñar libres pola rúa”. De aí que inste ao Goberno de Sánchez a preservar e manter “unha seguridade igual para todos”.

“É o momento de incrementar o número de axentes, non de pechar cuarteis”, afirma explicando que a Garda Civil presta un servizo fundamental á hora de ofrecer a tranquilidade e a seguridade necesarias para poder vivir no rural.

A responsable de Interior do Partido Popular considera neste sentido que os plans do ministro Marlaska supoñen un “ataque directo contra o medio rural” e pregúntase “como vai protexer Internet aos nosos maiores” ou “como van presentar unha denuncia por Internet aquelas persoas que non teñen acceso a este servizo”.

Baixo o seu punto de vista, o que se pretende reducindo a actividade e a presenza da Garda Civil é que haxa menos denuncias e así maquillar as cifras de criminalidade que non deixan de subir desde a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa.