O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, salientou hoxe que “tres de cada catro euros dos orzamentos da Xunta para 2025 destinaranse a gasto social, é dicir, sanidade, educación, políticas sociais e emprego, o que é a mellor demostración de que o máis importante para o Goberno de Alfonso Rueda é a atención ás necesidades reais de todos os galegos”.
Alberto Pazos subliñou que os orzamento da Xunta de Galicia para 2025 ascenden a 13.954 millóns de euros, “a cifra máis alta da historia e que tamén recollen o maior gasto social da historia de Galicia: 10.267 millóns de euros”. Neste sentido, afirmou que “pouco se pode dicir en contra destes orzamentos, que incrementan os investimentos máis dun 5 por cento ata achegarse aos 1.300 millóns de euros”.
DÉBEDA EN DESCENSO
Así mesmo, o portavoz popular referiuse a “un dato fundamental para botar abaixo un mantra da oposición: estamos diante dos maiores orzamentos da historia de Galicia, pero cunha previsión de endebedamento cero”. “Galicia continuará un ano máis coa súa liña descendente de débeda pública, ata fixala o vindeiro ano no 14,1 por cento do PIB, pero mantendo as rebaixas fiscais que gozan neste momento os galegos, e incluso incrementándoas no imposto de sucesións, de xeito que dúas de cada tres herdanzas non tributen; e no imposto de transmisións patrimoniais, co obxectivo de fomentar a posta no mercado de vivendas destinadas ao aluguer”, indicou.
Por outra banda, Pazos lamentou que os socialistas galegos “estean intentando copiar a forma de actuar do seu “número 1” en España, buscando aproveitar os poucos cargos que a súa, cada vez menor, representación política lles facilita”. En concreto, referiuse ao “preocupante afán de protagonismo do conselleiro no Consello de Contas designado polos socialistas galegos, máis preocupado de criticar a actuación da Xunta e do Goberno galego que de actuar cumprindo fielmente a finalidade que se lle recoñece a este órgano na súa lei constitutiva”.
UTILIZAR O CONSELLO DE CONTAS
“É a primeira vez na historia do Consello de Contas de Galicia, un órgano estatutario creado en 1985, que un dos seus conselleiros pretende facerlle sombra ao conselleiro maior, a persoa que ten a representatividade desta entidade estatutaria e que, segundo se recolle no seu propio regulamento, é quen debe informar tanto ao Parlamento como publicamente das actividades do Consello”, explicou.
Ademais, o portavoz popular considerou “inxustificado que esta persoa estea a utilizar o seu cargo no Consello de Contas, co que elo supón de acceso á información privilexiada facilitada por parte de entidades públicas e privadas, para a súa promoción persoal e utilización partidista, polo que lle esiximos que se ateña ao recollido tanto na Lei como no Regulamento do Consello de Contas e deixe de utilizar e servirse deste órgano con fins persoais ou políticos”.
O DEMO E UN SANTO AO MESMO TEMPO
Por último, Alberto Pazos demandou “un pouco de sentidiño” ao BNG, logo de que no día de onte rexeitara reprobar ao ministro de Transportes no Congreso, cando hai un mes si que o fixo no Parlamento de Galicia. “Para os nacionalistas galegos, o señor Puente é ao mesmo tempo o demo, cando apoian en Galicia a súa reprobación por afirmar que ‘o tren vive en España o mellor momento da súa historia’; e un santo, cando o seu único deputado en Madrid rexeita a mesma reprobación ao ministro no Congreso, coa escusa de que ‘é parte dunha campaña de desgaste’ do Partido Popular cara ao Goberno de Pedro Sánchez”.
“Parece razoable que o que vale en Galicia tamén debería servir para Madrid, ou é que o galeguismo do BNG só vale cando teñen enfronte ao Goberno do Partido Popular e se dilúe cando lle falan castelán en Madrid e teñen que poñerse do lado dun Goberno que defenden e apoian, a pesar de que día tras día se estea rindo e desprezando a todos os galegos”, cuestionou.