A portavoz de Vivenda do Grupo Popular, María Deza, cualificou hoxe no Pleno do Parlamento galego de “rotundo éxito” a xestión das axudas ao alugueiro para xente moza do Plan de Vivenda 2022-2025, esgotando o crédito de 22,8 millóns de euros en dous meses e concedendo máis de 5.200 axudas.
María Deza sinalou que “a pesar dos atrasos, da falta de comunicación e dos erros detectados na convocatoria realizada polo Goberno central, que mesmo foron recoñecidos polo propio Ministerio, o Goberno galego foi quen de executar con éxito esta liña de axudas ao alugueiro para xente moza”.
Neste sentido, explicou que estas axudas, “que o Goberno de Pedro Sánchez vendeu como unha liña da que se podería beneficiar practicamente todo o mundo, estaban limitadas a apenas 4.000 persoas, pero a boa xestión do Instituto Galego da Vivenda e Solo fixo posible aumentar o número de beneficiarios un 25 por cento, chegando ata un total de 5.253 axudas”.
CONDICIÓNS RÍXIDAS
Ademais, a portavoz popular criticou “as ríxidas condicións para a concesión da axuda establecidas polo Ministerio, que impediron acceder ás mesmas incluso a persoas que cumprían os requisitos, como é o caso dun solicitante que comparte vivenda con outras persoas que non compren os requisitos, aínda que cada unha faga fronte ao pago da parte que lle corresponde do alugueiro”.
Respecto das nova edición da axudas ao alugueiro, María Deza considerou que “está abocada ao fracaso” porque, entre outros motivos, a oferta de vivendas en alugueiro por prezos mensuais inferiores a 600 euros é de tan so o 6 por cento do total de España, ao tempo que os alugueiros que non superan os 900 euros ao mes supoñen tan so o 31 por cento da oferta total no mercado. “Se o que se persegue é que o novo bono chegue a quen máis o necesita, sería necesario revisar e ampliar o límite da cota mensual, xa que o prezo do alugueiro medio en España xa supera os 1.000 euros de media”, concretou.
Ademais, este novo bono resultará insuficiente xa que so chegou ao 0,8 por cento dos mozos españois. “En Galicia, segundo o orzamento previsto, apenas cubriría un 1 por cento dos mozos, existindo máis de 360.000 mozos con idade comprendida entre os 24 e os 36 anos”, dixo.