O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central que cumpra o compromiso de financiar o Centro de orientación ao emprendemento de Galicia

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do BNG, a través da que se demanda a posta en marcha de novas accións de emprendemento como un xeito de afrontar o reto demográfico e fixar poboación no territorio, ademais de dirixirse ao Goberno central para reclamarlle os fondos necesarios relativos ao financiamento do custo do Centro de orientación ao emprendemento de Galicia, comprometidos nunha reunión sectorial celebrada con todas as comunidades autónomas.

A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez, afirmou que “unha das mellores formas para facer fronte aos retos de crear emprego de calidade en Galicia, asegurando a competitividade e a viabilidade do tecido deportivo e comercial, é seguir traballando a prol do colectivo autónomo, que representa o 19 por cento do noso tecido produtivo, tres puntos por enriba da media nacional”.

Noelia Pérez manifestou que “o impulso ao emprendemento en Galicia é un xeito de fixar poboación no rural, polo que o obxectivo desta iniciativa parlamentaria é que a Xunta siga impulsando accións para favorecer o emprendemento e reclamar ao Goberno de España que cumpra co seu compromiso de financiar o Centro de Orientación ao Emprendemento”.

Na actualidade, a Comunidade galega conta con 15 polos de emprendemento onde se identifican as necesidades e oportunidades para emprender que presenta cada un dos territorios, onde se detectan as actividades económicas con potencial que xorden en cada territorio e onde se fomentan os proxectos que permitan desenvolver novos sectores innovadores da man dos traballadores dos polos que acompañan e asesoran ao galegos que teñan unha idea de negocio.

Un cento de representantes do PPdeG reivindicarán na Intermunicipal do Partido Popular que “Galicia é un exemplo de estabilidade, xestión e sentidiño”

O PPdeG terá un papel protagonista na Intermunicipal do Partido Popular que celebrará este fin de semana en Valladolid, á que asistirán un cento de representantes galegos co obxectivo de “deixar claro a importancia dos 313 concellos” e reivindicar que Galicia é un exemplo de estabilidade, xestión e sentidiño para toda España.

Tal e como anunciou hoxe a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, entre eses representantes intervirán alcaldes como o de Vedra, Carlos Martínez; o de Ferrol, José Manuel Rey Varela; o do Pereiro de Aguiar e presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; e a de Mos, Nidia Arévalo. “Catro grandes valores do noso partido e que serán a nosa voz nesta Intermunicipal”, explicou.

Unha Intermunicipal que servirá para reivindicar que “somos o partido da estabilidade, a xestión e o sentidiño, que non só goberna nos concellos, senón que o fai tamén na Xunta co apoio maioritario de todos os galegos e galegas”. Así como para deixar claro que “Alberto Núñez Feijóo é a alternativa que necesitamos os españois fronte a Sánchez e a corrupción”.

En declaracións aos medios acompañada polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez, a secretaria xeral do PPdeG sinalou que o seu partido é tamén “o partido da Galicia que funciona, tamén en cada un dos municipios, sexan cidades, vilas ou pequenos concellos”. Así o testemuñan, engadiu, tanto as 154 alcaldías populares –case a metade na Comunidade e 37 na provincia da Coruña– como o feito de que foi o partido máis votado en moitos outros concellos “onde fai oposición fronte a pactos de perdedores”.

A IMPORTANCIA DO SENTIDIÑO NOS GOBERNOS MUNICIPAIS

Para Paula Prado o rexedor vedrés é un “referente” para o partido logo de “13 anos de mandato e de benestar para os seus veciños e veciñas”. Unha traxectoria que, puxo en valor, foi referendada nas urnas  cun 56% de apoio (máis de 1.600 votos) nas últimas eleccións municipais e 8 de 13 concelleiros na Corporación municipal.

Carlos Martínez, pola súa banda, quixo agradecer a oportunidade de poder participar na Intermunicipal popular e así “poder dar voz ao rural e compartir a experiencia dos concellos rurais gobernados polo Partido Popular”. Uns concellos que, explicou, se caracterizan por contar con “gobernos que aportan tranquilidade, sensibilidade, estabilidade e sentidiño aos veciños”.

Incidindo na necesidade de traballar para que a xente que queira vivir no rural poida facelo contando cos mesmos servizos que nas vilas ou nas cidades, o alcalde –que tamén é vogal da Xunta de Goberno da FEMP– incidiu en que os gobernos populares son garantía de “saber xestionar os recursos coa máxima eficiencia e lograr facer máis con menos”.

A DESUNIÓN E A DEBILIDADE DA ESQUERDA

A secretaria xeral do PPdeG contrapuxo a unión e fortaleza que vai demostrar o Partido Popular na Intermunicipal coa “desunión” e a “debilidade” que van mostrar tanto Pedro Sánchez no seu Congreso como Ana Pontón na súa Asemblea.

“A corrupción ten acurralado a Sánchez, que xa non sabe que máis escusas poñer e que máis cortiñas de fume inventar para tapar os seus escándalos”, afirmou referíndose ao “cada vez menor apoio” do PSOE ao seu líder.

No que se refire á desunión nas filas do nacionalismo, con tres candidaturas diferentes na Asemblea deste fin de semana, Prado sostén que “o corazón do BNG está roto” e que “cada vez hai máis voces críticas contra Ana Pontón”. Sobre todo, daqueles sectores que queren a independencia de Galicia e que son maioría no partido. “Se eu fose do BNG, estaría molesta co triunfalismo e a nula autocrítica de Pontón, que perdeu xa tres veces as eleccións”, concluíu.

O Parlamento de Galicia pide ao Goberno de España que garanta a plena asistencia aos usuarios de MUFACE e licite urxentemente o novo concerto

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do BNG, a través da que se solicita ao Goberno de España que adopte cantas medidas sexan precisas para garantir a plena asistencia aos mutualistas, licitando de maneira urxente o concerto con MUFACE, e impedindo que esta situación, na que ten responsabilidade directa, impacte nos sistemas sanitarios públicos das distintas comunidades autónomas. Así mesmo, pídese que, en caso necesario, prorrogue o servizo actual, de acordo co articulo 29.4 da Lei de contratos do sector público, ata que non se produza a nova adxudicación.

A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, lembrou que “o pasado 5 de novembro quedou deserta a licitación do concerto para prestar asistencia sanitaria no ámbito de MUFACE a consecuencia dun infrafinanciamento do servizo, xunto cunhas coberturas máis esixentes das que presta o propio Sistema Nacional de Saúde nalgúns aspectos”.

DÚAS CORRENTES NO GOBERNO DE PEDRO SÁNCHEZ

“A desaparición de MUFACE tería un notable impacto na asistencia sanitaria pública, pois so en Galicia tería que absorber máis de 60.000 adscritos que se estiman na Comunidade galega, coa conseguinte necesidade de contratar decenas de médicos de familia”, indicou.

Ademais destes problemas na atención da sanidade pública, esta situación “produciría unha discontinuidade asistencial, pois os pacientes deixarían de estar atendidos polo seu médico de toda a vida; e unha desconexión da historia clínica, xa que o sistema IANUS de historia clínica da sanidade pública galega non conta cos datos da sanidade privada á que acoden os usuarios de MUFACE”, engadiu Encarna Amigo.

A portavoz popular criticou que, diante desta situación, no Goberno de Pedro Sánchez “apareceron dúas correntes: por un lado, Función Pública, que propón volver a licitar cun maior importe; e, por outra parte, o Ministerio de Sanidade, partidario de eliminar MUFACE e que a sanidade pública absorba a todos os seus adscritos”.

“É urxente que o Goberno de España adopte todas as medidas que sexan precisas para garantir a continuidade do sistema, completando canto antes a nova licitación do concerto e prevendo as medidas necesarias que garantan a atención sanitaria a estes mutualistas en caso de non conseguir ofertas”, rematou Encarna Amigo.

O Grupo Popular salienta que o Plan de atención domiciliaria en atención primaria 2024-2025 potenciará a asistencia nas zonas rurais

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, salientou ho que o Plan galego de atención domiciliaria en atención primaria 2024-2025 potenciará a asistencia nas zonas rurais, con equipos especializados de enfermería para unha atención máis próxima e personalizada.

Encarna Amigo asegurou que o Goberno galego “busca continuar garantindo os principios de equidade, calidade e accesibilidade para facer fronte ás necesidades de todos os galegos”.

“A pesar de todas as incertezas producidas pola pandemia e o déficit manifesto de profesionais sanitarios da medicina e da enfermería, a cobertura de atención ao domicilio estase despregando en todo o territorio galego e seguirase despregando ao longo dos próximos anos”, afirmou a portavoz popular. Na actualidade, Galicia conta con 50 equipos de hospitalización a domicilio, que dan servizo a máis de 5.600 pacientes, unha cifra que se incrementou un 19 por cento respecto a 2018.

A portavoz popular manifestou que “estase a traballar en novas estratexias coa finalidade de que a cobertura sexa do 100 por cento, un obxectivo ao que non renunciamos sempre que existan profesionais suficientes para cubrir os equipos que estean autorizados e dotados orzamentariamente”.

O Grupo Popular pide manter o clima de diálogo para consensuar propostas que axuden á promoción e uso do galego na sociedade actual

O portavoz de Lingua do Grupo Popular, José Luís Ferro, instou hoxe aos grupos da oposición a “manter un clima de diálogo, de acordo e de encontro” para consensuar propostas que axuden na promoción e o uso do galego na sociedade actual, “apartando as liortas e traballando en serio con propostas de efecto inmediato e a longo prazo en favor da nosa lingua”.

Ao remate da xuntanza que mantivo co conselleiro de Cultura, José López, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, na que tamén estivo acompañado da portavoz popular de Cultura, Carmen Pomar, José Luís Ferro enmarcou o encontro “no camiño que iniciamos hai un mes para sacar adiante un Pacto pola Lingua”.

En concreto, Ferro indicou que “recibimos unha proposta para proceder á renovación integral do Plan Xeral de normalización da lingua do ano 2004, xa que entendemos que hai moitos aspectos que non concordan coa realidade e co contexto histórico e temporal da actualidade”.