Os senadores do PP lucense afean que “o Goberno de Sánchez non teña intención de rebaixar o status de protección do lobo”

“O Goberno de Sánchez non ten intención de rebaixar o status de protección do lobo e, ademais, deriva aos seguros agrarios”, segundo afirman os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- tras coñecer a resposta oficial a preguntas formuladas no Senado.

 

Os senadores expuxeron nunha reunión celebrada na Pastoriza con alcaldes e portavoces das comarcas da Terra Chá e A Mariña e con gandeiros afectados polos ataques do lobo as explicacións do Goberno de Sánchez á pregunta formulada para coñecer se tiña intención de retirar o lobo da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE) en consonancia coa Unión Europea (UE) que vén de aprobar a rebaixa do seu nivel de protección de ‘estritamente protexido’ a ‘protexido’.

 

O Goberno de España argumenta que o estado de conservación da especie é desfavorable-inadecuado ao norte do río Douro, “con base nun censo nacional que non se actualiza dende fai 6 anos”, segundo puntualizan os populares. Pero, “á vista do número de avisos por ataques dende o 2021 que en Galicia se incrementou nun 72%”, segundo se desprende dos datos provisionais da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, os senadores defenden que o estado de conservación da especie non é desfavorable, a partir da información da que se dispón na comunidade.

 

Así, o Grupo Popular reclamará dende o Senado ao Goberno de Sánchez que retire o lobo da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE), que revise a súa estratexia adecuándoa aos datos do censo actuais e que se aprobe unha nova co consenso das comunidades autónomas.

 

Polo tanto, reclaman ao Goberno de Sánchez que “rectifique e deixe de poñer trabas administrativas ao control da especie para garantir o equilibrio entre a súa protección e a actividade gandeira, tal e como demanda o sector”. E inciden en que “á vista da importante participación nesta convocatoria, se trata dun tema que preocupa aos gandeiros e gandeiras”.

 

Os senadores piden que “o Goberno de Sánchez deixe de dar as costas aos lucenses. E, máis concretamente, aos gandeiros e gandeiras que se vén afectados polos ataques desta especie causando danos e baixas irreparables entre os seus animais e, polo tanto, perdas económicas na súa actividade. O que vimos ata agora é que o Goberno de Sánchez, coa complicidade do PSOE galego e do BNG, defende máis o lobo que aos nosos gandeiros e gandeiras”, segundo afean os representantes do PP por Lugo no Senado.

 

De feito, o pasado mes de setembro, “España foi -xunto a Irlanda- un dos países que votaba no Consello Europeo en contra da proposta aprobada para rebaixar o status do lobo”. Os senadores sinalaron ao respecto que “dende o PP temos claro que estaremos ao lado dos gandeiros da nosa provincia e seguiremos pedindo ao Goberno de Sánchez que retire o lobo da lista de especies ameazadas”.

 

A XUNTA, COS GANDEIROS

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a convocatoria de liñas de axudas de prevención e indemnización polos danos do lobo incrementando nun 50% o orzamento con respecto ao ano 2024.

 

E a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego remitía recentemente unha carta á nova Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico solicitando unha reunión para abordar as peticións da Xunta de Galicia entre as que se atopa a autorización dalgunha medida excepcional de xestión desta especie.

 

EXTRACTO DA RESPOSTA OFICIAL DO GOBERNO

 

O nivel de protección do lobo está adaptado á información técnica e científica dispoñible na actualidade e non existen evidencias científicas nin técnicas que demostren que as circunstancias que xustificaron a súa incorporación á Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial tivesen variado dende entón.

 

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e a maior parte das comunidades autónomas integrantes da Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade apostaron no 2021 por un cambio no modelo de xestión do lobo en España, en liña con outros Estados da Unión Europea.

 

Este cambio, impulsado pola protección legal da especia en toda España, supón priorizar as medidas preventivas ou protectoras do gando fronte á eliminación non selectiva de exemplares e manter unha atención permanente ás indemnizacións causadas polos danos do lobo, con criterios uniformes e sen atrasos.

O PPdeG agarda que Sánchez deixe de pensar só nunha comunidade e pense en todas na Conferencia de Presidentes: “Se de verdade hai vontade de chegar a acordos, haberá acordos”

O PPdeG considera que a Conferencia de Presidentes de mañá é unha oportunidade para que Pedro Sánchez “dea unha boa nova a Galicia” pero ten claro tamén que para iso é necesario que deixe de pensar só nunha comunidade e pense en todas: “A pelota está no seu tellado e, se de verdade hai vontade de chegar a acordos, haberá acordos”.

 

“Todas as comunidades, non só a nosa, agardamos que a Conferencia teña máis utilidade que a rolda de encontros bilaterais”, engadiu hoxe a secretaria xeral Paula Prado rememorando a reunión de Alfonso Rueda con Pedro Sánchez celebrada o pasado 19 de setembro. Unha reunión na que “o presidente Rueda cumpriu defendendo a dignidade de Galicia e os intereses dos galegos e das galegas ante o Goberno central pero a outra parte, que ten a chave para un bo número de asuntos, volveu dicir que non é a quenda de Galicia”.

 

De aí que, de cara á convocatoria de mañá, os populares agarden que Alfonso Rueda poida “regresar non só con boas palabras, senón con acordos beneficiosos para Galicia”. Non en balde, o presidente galego acudirá cunha axenda de importantes asuntos como a vivenda, o financiamento, a inmigración, a dependencia e outros problemas comúns a todos os territorios.

 

Paula Prado lamentou que Pedro Sánchez “só teña ollos para unha comunidade á que se vendeu por 7 votos e que agora mesmo se lle rebela, ou como moito para dúas, porque todos sabemos da devoción do Goberno central polo nacionalismo vasco única a exclusivamente tamén polos seus votos”.

 

A número dous dos populares galegos arremeteu ademais cara unha oposición á que reprochou a súa postura cada vez que se acerca unha cita deste tipo: “Ao BNG e ao PSdeG pedímoslle que defendan, con nós, a dignidade de Galicia e deixen de buscar inimigos onde non os hai”.

 

Neste sentido, amosouse sorprendida de que os nacionalistas teñan “o atrevemento de dar leccións e a cara de dicir que o presidente Rueda non acude coa axenda galega cando foron os primeiros en traizoala apoiando a investidura de Pedro Sánchez, vendendo fume aos galegos cun pacto repleto de incumprimentos”.

 

“O BNG leva anos subordinado ao que lle pide o Goberno central e os seus socios independentistas”, concluíu ironizando con que “en vez de tanto pedir a independencia de Galicia, mellor nos iría se se independizasen de Pedro Sánchez”.

 

No que se refire á actitude do PSdeG, Prado constatou que, como xa se demostrou tantas veces, o socialismo galego “é incapaz de separarase de Sánchez e ver todo o dano que está facendo a Galicia”.

 

O CALENDARIO DE ADVENTO DE AGRAVIOS DO GOBERNO CENTRAL

 

Á vista dos numerosos agravios do Goberno central a Galicia, que os populares galegos están expoñendo estes días nas súas redes sociais en forma de Calendario de Advento, a secretaria xeral do partido ten claro que “este ano Sánchez tampouco vai ser Papá Noel con Galicia”.

 

“Pedímoslle a Pedro Sánchez que neste Nadal non sexa Pedro Grinchez, que deixe de enredarse en tramas e subtramas de corrupción e que exerza dunha vez de presidente do Goberno, que xa vai tocando. E se non o fai, que busque canto antes a porta de saída”, incidiu.