O PPdeG insta ao Goberno central a permitir o uso dos remanentes orzamentarios por parte dos concellos para mellorar os servizos municipais

O Partido Popular de Galicia solicita á Fegamp que intermedie co Goberno central para defender aos concellos permitíndolles utilizar o superávit orzamentario de 2024 de xeito autónomo e co fin de financiar aqueles servizos públicos que teñan maior necesidade en cada caso.

Unha medida coa que, en opinión do voceiro dos populares galegos no organismo que representa aos municipios e provincias de Galicia, Ángel Moldes, se contribuiría tamén a “paliar os problemas de financiamento que acusa, de xeito xeneralizado, a administración local”.

“Trátase dunha medida fundamental para os concellos tendo en conta, ademais, o incremento xeneralizado dos custes na prestación de servizos. Uns custes que, nalgúns casos, están provocando un aumento das taxas e dos impostos municipais á veciñanza para poder facerlles fronte”, explica.

Foi durante a última Xunta Directiva da Fegamp na que se recolleu a preocupación que comparten todos os alcaldes e alcaldesas polo uso que van poder facer do superávit orzamentario. Unha incógnita que está condicionando nalgúns casos incluso a elaboración dos orzamentos municipais do ano 2025. “É urxente e necesario que escoiten a voz dos alcaldes e tomen medidas ao respecto”, apunta Moldes neste sentido.

Cómpre recordar que durante os exercicios 2020, 2021, 2022 e 2023 o Goberno central suspendeu as regras fiscais en España. Pero esta medida non se fixo extensible ao 2024, no que, en caso de que non se regule algo distinto ao respecto, se aplicaría o artigo 32 da LOEPSF relativo ao destino do superávit orzamentario.

Ángel Moldes recorda que as regras fiscais limitan o gasto do diñeiro que sobra cada exercicio aos concellos e que, polo tanto, “falamos duns cartos que son da veciñanza e que deberían destinarse á prestación de servizos”.

“Os concellos non somos os culpables da débeda pública, polo que é inxusto que sexamos nós os que debamos asumir de xeito directo estas consecuencias con limitacións de gasto dun diñeiro que é da veciñanza e tendo en conta, a maiores, os problemas de financiamento que sufrimos”, conclúe.

O PPdeG esixe ao Goberno central claridade nos seus plans sobre Muface e garantías na continuidade da atención sanitaria aos mutualistas

O Partido Popular de Galicia esixe ao Goberno central unha postura clara sobre os seus plans de futuro para Muface e sobre a atención sanitaria aos mutualistas de xeito que se garanta a súa continuidade asistencial e, de ser necesario, tamén a súa integración progresiva na sanidade pública.

Unha demanda que se produce logo dunha reunión entre deputados do PPdeG no Congreso e representantes do sindicato CSIF na que se abordou a preocupación dos 1,5 millóns de funcionarios que agora están en Muface –máis de 58.000 só en Galicia– polo futuro da súa asistencia sanitaria. Especialmente logo do fracaso que supuxo a primeira licitación efectuada polo Goberno.

“Os prazos vanse rematando e o Goberno central, como en tantas outras cousas, segue sen ter unha postura común e clara sobre esta situación tan complexa”, sostén a deputada Marta González ao tempo que demanda unha maior vontade de negociación coas aseguradoras “para garantir que os empregados públicos reciban a atención sanitaria que demandan”.

Ante isto, os populares galegos trasladaron ao sindicato maioritario de funcionarios o seu compromiso coa defensa, a continuidade e o fortalecemento do modelo de Muface. De aí a súa esixencia dunha solución definitiva por parte do Goberno central que poña fin á incerteza e á intranquilidade de milleiros de empregados públicos que ven perigar a súa asistencia sanitaria.

IMPACTO NA SANIDADE PÚBLICA GALEGA

Cómpre recordar que, ante a falta de información e planificación do Goberno central, o Goberno galego realizou un informe sobre o impacto que suporía dar atención aos 58.000 asegurados de Muface no sistema sanitario público de Galicia.

As principais conclusións deste informe apuntan a un aumento do gasto sanitario de case 170 millóns de euros ao ano e a un incremento da actividade asistencial actual de entre un 2 e un 3%. Tamén aumentarían en 11,4 días a lista de espera cirúrxica e en 4,3 días a de consulta co especialista.

De aí que desde o PPdeG consideren necesario máis información, máis planificación e máis coordinación por parte do Ministerio de Sanidade. Especialmente ante a posible incorporación ao Sergas destes mutualistas, que, apuntan, deberá ser progresiva e escalonada para non colapsar algúns servizos e garantir a continuidade asistencial.