O Grupo Popular salienta que Galicia sumará este ano 1.100 novas prazas públicas en residencias ou centros de día

A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que Galicia “sumará ao longo deste ano 1.100 novas prazas públicas en residencias ou centros de día”, ao que se engade a posta en marcha desde este mesmo mes do plan de choque para axilizar as valoracións e simplificar as solicitudes de dependencia.

Raquel Arias criticou que BNG e PSdeG “se poñan constantemente do lado do Goberno de Pedro Sánchez e non apoien ao Goberno galego esixindo que se lle abonen os 2.500 millóns de euros que o Goberno central lles debe aos dependentes galegos, cifra que se incrementa en 200 millóns de euros cada ano”.

“A pesar desta falta de axuda por parte do Goberno de España para o cumprimento da Lei de Dependencia, a Xunta atende na actualidade a máis de 77.000 dependentes, cinco veces máis que cando gobernaban Galicia nacionalistas e socialistas; multiplicamos por tres o número de prazas públicas en residencias; multiplicamos por seis as prazas en centros de día; multiplicamos por oito as persoas con servizo de axuda no fogar; e se crearon 143 casas do maior”, concretou.

Porén, a deputada popular explicou que “o modelo do PPdeG non se centra so nas residencias, senón porque sexan os propios maiores os que decidan onde queren pasar esta etapa da súa vida, porque en Galicia maioritariamente queren pasala na súas casas”. “Por iso somos líderes en axuda a domicilio, pero tamén noutras prestacións complementarias como Xantar na Casa, teleasistencia, o carné +65, o programa de balnearios ou outras actividades de ocio e tempo libre para os nosos maiores”, apuntou.

Raquel Arias destacou, ademais, que “Galicia é un exemplo en canto ao novo modelo de residencias posto en marcha pola Xunta, un novo modelo que empeza xa no momento da construción, facendo unidades máis pequenas, con mobiliario e decoración máis próximas ás súas casas, pero que incorporan tamén áreas específicas para os pacientes psiquiátricos, con todos os avances tecnolóxicos e interconectadas co Sergas”.

O Grupo Popular salienta que “Galicia é unha comunidade pioneira en medidas a favor da mocidade do rural”

A portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Nicole Grueira, salientou hoxe que “Galicia é unha comunidade pioneira en medidas a favor da mocidade do rural galego, con axudas para o acceso a novas tecnoloxías, a vivenda ou o transporte público”, e criticou a “visión negra e interesada do nacionalismo galego sobre o noso rural, que non ten nada que ver coa realidade”.

“Mentres o BNG se aferra a esa visión negra do noso rural, o Goberno de Alfonso Rueda está traballando a pe de campo con feitos para reforzar, impulsar, modernizar e continuar garantindo que o rural galego siga sendo un referente en España e en Europa”, sinalou Nicole Grueira.

En concreto, a portavoz popular referiuse ao Plan de Remuda Xeracional, baseado na formación, sensibilización e na incorporación para asegurar a supervivencia dun rural vivo, resiliente e sostible. Así, salientou que “máis de 5.000 mozos e mozas galegas incorporáronse ao rural desde 2009 gracias ás axudas da Xunta, que este ano incrementará o seu orzamento nun 21 por cento”.

MOBILIDADE E VIVENDA

No ámbito da mobilidade, Nicole Grueira sinalou que “mentres a Xunta aposta por mellorar o transporte público, poñendo en marcha o transporte compartido e baixo demanda para mellorar as conexións do rural, dándolles aos máis novos a tarxeta xente nova para viaxar gratis por Galicia, aumentando liñas, reforzando horarios e mellorando o servizo cada vez máis; o Goberno de España propón eliminar 22 paradas, prexudicando a máis de 130.000 galegos, e usa a bonificación do transporte como moeda de chantaxe”.

Para rematar, Grueira destacou as axudas á mocidade galega de ata 10.800 euros para comprar unha casa en concellos de menos de 10.000 habitantes, “unha medida á que se engadirá o bono Emancípate que apoia aos mozos con ata 3.000 euros para os primeiros gastos de emancipación”.

“Todas estas axudas son claves para que Galicia sexa unha comunidade pioneira en medias a favor da xuventude do rural, para que o 33 por cento dos produtores de leite de Galicia teñan menos de 45 anos, para evitar o abandono das explotacións, para garantir o relevo no sector agrogandeiro galego, e, en definitiva, para que o rural de Galicia sexa un lugar de oportunidades, no que calquera mozo que queira emprender poida facelo”, rematou.

O Pleno do Parlamento pecha definitivamente a Comisión de Investigación sobre a contratación pública da Xunta coa aprobación do seu ditame

O Pleno do Parlamento de Galicia pechou definitivamente a Comisión de Investigación sobre a contratación pública da Administración autonómica coa aprobación do seu ditame, no que se constata que “non hai nin unha soa tacha de legalidade nin no proceso de construción do Hospital Público Álvaro Cunqueiro, nin nos procesos de contratación menor da Xunta, nin na contratación de emerxencia efectuada pola Administración Pública autonómica e, particularmente, polo Servizo Galego de Saúde durante a pandemia”, subliñou o deputado popular Roberto Rodríguez.

En concreto, sobre o Hospital Álvaro Cunqueiro, Roberto Rodríguez explicou que a fórmula de colaboración público-privada utilizada para a súa construción “era a única opción viable naquel momento de gravísima crise económica, ausencia de recursos financeiros e imposibilidade de recorrer á débeda pública”. “A decisión adoptouse, nun primeiro momento, co aval da Intervención Xeral do Estado e o Banco Europeo de Investimentos, e posteriormente a legalidade da concesión foi avalada en 2010 por un informe do Grupo de Traballo de Contabilidade Nacional, integrado polo INE, o Banco de España e a IGAE”, concretou.

MÁIS BARATO E EN MENOR TEMPO

“O Goberno bipartito de BNG e PSdeG xa explorara no seu momento a posibilidade de utilizar unha fórmula público-privada para a construción deste hospital, pero nada deixou feito, nin proxecto nin crédito orzamentario”, dixo o deputado popular, quen engadiu que “executar o Hospital con fondos públicos esixiría que a Xunta renunciase ao seu gasto corrente ou aos demais investimentos previstos”. “Aínda no suposto de ter contado con orzamento suficiente, a construción tería resultado máis cara e tardaría máis tempo, prazo do que a Área Sanitaria non dispoñía, dado o colapso que presentaban daquela as infraestruturas sanitarias de Vigo”, matizou.

Roberto Rodríguez asegurou que na Comisión tamén “se acreditou que non houbo modificación do prazo de duración da concesión nin se reduciu a superficie hospitalaria construída”, do mesmo xeito que “quedou plenamente acreditado que non houbo sobrecuso”.

Respecto da contratación da Administración autonómica, Roberto Rodríguez subliñou que a Comisión “acreditou que a Xunta cumpre escrupulosamente a normativa legal, sometendo os expedientes a todos os controis internos e externos esixibles, tanto por parte da Asesoría Xurídica e a Intervención, como polas posteriores auditorías externas por parte dos organismos competentes”.

“Ademais, acreditouse a ausencia dunha relación causa-efecto entre a identidade dos cargos directivos e a facturación das empresas que prestan servizo á Xunta”, manifestou. Referíndose ao caso concreto da empresa Eulen, o deputado popular dixo que “o Goberno bipartito adxudicoulle unha media anual de 4,67 millóns de euros, mentres que os gobernos posteriores acadaron unha media de 4,72 millóns de euros”.

Sobre os contratos menores, explicou que durante o Goberno bipartito supuxeron o 8,2 por cento do orzamento e nas lexislaturas posteriores foron o 8,6 por cento, “aínda que a comparativa non resulta homoxénea porque en 2023 inclúense os datos de 30 entidades do sector público autonómico, a metade das cales non transparentaban as súas contas co Goberno bipartito”.

NON BUSCARON A VERDADE

Roberto Rodríguez acusou a BNG e PSdeG de “non buscar en ningún momento a verdade, porque non lles interesou nunca atopala”. “Comezaron a Comisión fuxindo da verdade da inexistencia da corrupción allea e a rematan fuxindo de verdade da existencia da corrupción propia: da súa paranoia corrupta no PP ao nacionalismo de amiguetes alá onde goberna o BNG ou onde os nacionalistas apoian ao goberno do PSdeG”, apuntou.

“A oposición fracasou na consecución dos verdadeiros obxectivos cos que chegaron a esta Comisión: o BNG, para apuntalar o liderado da señora Pontón ante unha UPG que, en vésperas da súa Asamblea Nacional, viuse na obriga de recordarlle que os marcos do seu nacionalismo están no comunismo e na independencia; e porque o PSdeG tiña como único obxectivo que esta Comisión axudara a tapar a corrupción que asolagaba ao Goberno de Pedro Sánchez”, sinalou o deputado popular, para concluír que “teñen motivos dabondo para considerar fracasada a Comisión, porque o liderado da señora Pontón sae da Comisión mais feble do que entrou e o Goberno do número un, por imposible que parecera hai dous meses, sae aínda mais afundido na corrupción do que xa estaba”.

Continúa a tramitación parlamentaria do proxecto de Lei de medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, unha norma “rigorosa, necesaria e útil”

A deputada do Grupo Popular Carmen Pomar reiterou hoxe no Pleno “a nosa sincera oferta de pacto para sacar adiante o proxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital”, unha vez superou esta mañá o debate de totalidade. En concreto, salientou que “falamos dunha norma rigorosa, necesaria e útil para o conxunto de Galicia, que blinda a vocación dos medios públicos de comunicación audiovisual de titularidade autonómica, obrigados a producir os seus programas, contidos e servizos en lingua galega, garantindo tamén a edición e difusión en galego da produción allea”.

Carmen Pomar explicou que o descenso do consumo da televisión tradicional e o incremento do número de espectadores a través de internet “fai imprescindible aprobar unha nova lei galega que regule os medios de comunicación de titularidade pública para adaptala á lexislación española e europea, pero, sobre todo, para dotar a estes medios dun marco normativo co que poidan dar resposta aos retos de futuro nun mercado tan competitivo como é o audiovisual”.

CON TODAS AS GARANTÍAS

En concreto, afirmou que é unha lei rigorosa “porque o anteproxecto foi tramitado con todas as garantías, sometido a información pública e a un proceso de alegacións”, ao tempo que “se axusta aos novos requirimentos derivados das últimas reformas normativas de ámbito estatal europeo e está sendo tramitado polo procedemento ordinario neste Parlamento, coa plena participación da oposición”.

“E falamos dunha lei necesaria, porque as novas posibilidades tecnolóxicas derivadas da dixitalización e os novos, imparables e cambiantes patróns de consumo propios desta segunda década do século XXI fan necesaria unha nova regulación dos medios públicos audiovisuais de titularidade autonómica”, apuntou.

A deputada popular lembrou que o director xeral da CRTVG “poderá ser elixido por maioría cualificada deste Parlamento, pero o que non lles interesa é chegar a acordos: van ser os que non queiran o consenso nin para a elección por dous terzos, nin para a elección por dous quintos desta Cámara”. “Por iso hai unha disposición adicional que, como último recurso e para evitar situacións de bloqueo e interinidade indefinida, faciliten a elección democrática do director xeral por maioría absoluta”, concretou.

BNG E PSdeG CARECEN DE CREDIBILIDADE

“Non queren unha CRTVG independente, porque a realidade é que vostedes aspiran a unha Corporación ao seu servizo, como fixeron cando tiveron responsabilidades de Goberno en Galicia”, subliñou Carmen Pomar. Ademais, considerou “sorprendente escoitar aos socialistas galegos falar de ataques ao pluralismo e á liberdade informativa ou de golpes á democracia, cando é o que levan facendo desde a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa”.

Así, dixo que “son os mesmos que, coa complicidade do BNG, reformaron a lei da CRTVE por decretazo para colocar a un director xeral afín ao sanchismo e dar asento no Consello de Administración a todos os seus socios parlamentarios para contentalos, pero deixando fóra ao partido máis votado”.

“BNG e PSdeG carecen de total credibilidade cando esixen diálogo na tramitación desta lei, porque demostraron que entenden como diálogo aprobar un decreto por sorpresa, dun día para outro, para a renovación da Lei da CRTVE, coa modificación no sistema de elección do director xeral e o seu blindaxe, atribuíndolle a el só as competencias que antes estaban no Consello de Administración”, rematou.

Millán Mon insiste na necesidade dun diálogo efectivo da Comisión Europea co sector pesqueiro máis alá da “mera retórica”

O eurodeputado popular Francisco Millán Mon interveu onte no debate e intercambio de puntos de vista coa Directora Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, á que preguntou polo amplo desenvolvemento normativo que require o novo Regulamento de Control pesqueiro. “Son cuestións complexas, técnicas e de gran importancia, polo que o sector ten que estar implicado”, apuntou.

Fixo novamente mención á carta que enviou, xunto ao tamén eurodeputado popular Gabriel Mato, ao Comisario Kadis, onde se facían eco do malestar do sector pola falta de diálogo coa Comisión Europea. Nesta liña reiterou a necesidade de levar a cabo o desenvolvemento normativo en estreito contacto co sector –“pero que sexa un contacto efectivo, de fondo, non mera retórica”, subliñou– de cara á elaboración do Pacto polos Océanos, insistindo en que o diálogo non podía ser só coas ONG, nin ver o pacto desde unha perspectiva unicamente ambiental.

O eurodeputado galego abordou tamén a problemática de Tailandia e a conserva do atún e denunciou novamente o retroceso na lexislación de pesca aprobado polo Parlamento tailandés a finais do pasado decembro: “Quero reiterarlle a miña preocupación por que as negociacións do tratado de libre comercio poidan afectar ao sector conserveiro europeo, español e galego en particular”.

En canto á prohibición da pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico nororiental, Millán Mon apuntou que “se necesitan estudos de impacto serios, que non houbo e, se a sentenza non nos dá a razón, será imprescindible reformar o Regulamento correspondente”.

Pediu igualmente unha reforma do Regulamento do plan plurianual do Mediterráneo Occidental. “Quero lembrar que, desde o Partido Popular español, votamos en contra deste Regulamento cando se aprobou en 2019”, apuntou.

O eurodeputado popular celebrou o optimismo da Comisión con respecto ás relacións pesqueiras co Reino Unido. “Espero que ese optimismo se traduza en resultados positivos cando termine o período de transición”, sinalou Millán Mon antes de concluír preguntándolle á Comisión pola súa análise do alcance da sentenza do Tribunal de Xustiza da UE sobre o acordo pesqueiro con Marrocos.