O Grupo Popular acusa ao BNG de pretender que a Xunta incumpra a Constitución desautorizando o grao de Dereito na Universidade Intercontinental da Empresa

A portavoz de Educación do Grupo Popular, Cecilia Vázquez, acusou hoxe no Pleno do Parlamento galego ao BNG de pretender que a Xunta incumpra a Constitución Española ao solicitar que non se autorice un grado universitario na Universidade Intercontinental da Empresa, “algo que sería totalmente arbitrario e limitaría a liberdade das persoas á iniciativa empresarial”. “O BNG odia a iniciativa privada e a liberdade de elección, porque so contemplan unha posibilidade: impoñer o pensamento único”, apuntou.

“Pola súa actitude sectaria, no BNG nunca lles gustou a Universidade Continental da Empresa, a pesar de que as universidades privadas son unha realidade en España e noutros países da nosa contorna, e que a súa posta en marcha supuxo ampliar o abano de opcións formativas para os universitarios galegos”, manifestou.

DUPLICIDADE DE TITULACIÓNS

Cecilia Vázquez asegurou que “é falso que a Lei 6/2013 do Sistema Universitario de Galicia impida a duplicidade de titulacións”, e explicou que “limitar que unha universidade privada imparta unhas ensinanzas, despois de superar os trámites preceptivos, é inconstitucional”. Neste sentido, lembrou unha sentenza recente que declarou inconstitucional unha parte da Lei universitaria de Aragón por impedir aos centros privados duplicar o plan de estudos do público.

“En Galicia podemos estar orgullosos de contar cun mapa de titulacións con máis de 130 graos públicos co obxectivo de que cada alumno galego poida cursar os estudos que queira en Galicia”, sinalou a portavoz popular.

Respecto da proposta do novo grao de dereito na Universidade Intercontinental da Empresa, Cecilia Vázquez explicou que “a Xunta non autorizou nada e se limitou a emitir un informe de pertinencia socioeconómica que se remitiu á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), quen deberá emitir o informe final favorable ou desfavorable”.

Para rematar, Vázquez cuestionou aos grupos da oposición “como poden falar de privatización da universidade galega?, cando temos en marcha o Plan de financiamento universitario 2022-2026, dotado co maior apoio da historia por parte da Xunta: 538 millóns de euros; avanzamos no obxectivo de acadar o 1 por cento de investimento de recursos públicos nas universidades fixado polo Estado para antes do 2030; ou coa posta en marcha da matrícula universitaria gratuíta ou a conxelación das taxas universitarias desde hai 14 anos”.

O PPdeG avoga por incentivar a participación voluntaria nas comunidades enerxéticas para impulsar o autoconsumo compartido

O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, avogou hoxe no Pleno do Parlamento galego por incentivar a participación voluntaria da cidadanía nas comunidades enerxéticas para impulsar as vantaxes do autoconsumo compartido, ao tempo que demandou ao Goberno de España a creación, de xeito coordinado coas comunidades autónomas, un marco lexislativo común e un rexistro de comunidades enerxéticas para coñecer a súa natureza e o impacto positivo de cada unha delas onde operan.

Rubén Lorenzo asegurou que “compartimos plenamente os beneficios e vantaxes das comunidades enerxéticas e, por este motivo, o PPdeG levaba no seu programa electoral o impulso destas figuras que permiten acadar un aforro enerxético á cidadanía”. “Debemos seguir avanzando na transición enerxética cara un modelo descarbonizado e dixitalizado”, manifestou o portavoz popular, quen apuntou que “cómpre seguir avanzando nunha maior presenza de enerxías renovables no mix enerxético, e facer un maior esforzo neses obxectivos de descarbonización a través tanto da autosuficiencia enerxética como no aforro enerxético”.

DOUS ANOS ESPERANDO POLO REAL-DECRETO

Porén, criticou que o Goberno central “ten pendente desde hai case dous anos aprobar un proxecto de Real-Decreto polo que se desenvolvan as figuras das comunidades de enerxías renovables e as comunidades cidadáns de enerxía”.

“Resulta fundamental dotar dun marco lexislativo claro ás comunidades enerxéticas, pero sempre tendo en conta as aportacións que se fagan desde as comunidades autónomas”, indicou Rubén Lorenzo. En concreto, esta norma aportaría un marco lexislativo común, ao tempo que contemplaría un rexistro de comunidades enerxéticas compartido para todo o territorio español. “Se falamos das comunidades enerxéticas, a normativa ten que evolucionar e atender a clara evolución na normativa relacionada co autoconsumo, democratizando a súa implantación”, dixo.

Rubén Lorenzo salientou o apoio da Xunta de Galicia ás comunidades enerxéticas e “xa vai pola terceira convocatoria de axudas” para estas iniciativas, a través da que se complementa as liñas de axuda do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) cos programas CE Implementa e CE Oficinas.

O Parlamento galego demanda por unanimidade ao Goberno central que axilice os trámites para construír a Biblioteca Pública do Estado en Vigo

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que axilice todos os trámites necesarios para poñer en marcha o Proxecto da Biblioteca Pública do Estado en Vigo.

O deputado popular Miguel Fidalgo lembrou “a historia do proxecto de Biblioteca do Estado en Vigo comeza no mes de agosto de 2007, cando o entón ministro de cultura galego César Antonio Molina comprometeu unha gran biblioteca nesta cidade, despois da negativa da súa antecesora no cargo, Carmen Calvo a quen non lle facía gracia este proxecto para Vigo”.

“A partir dese momento comeza o baile porque o alcalde de Vigo propuxo neste tempo ata nove localizacións para a Biblioteca do Estado: o antigo Colexio Cluny; a Praza do Rei, xunto á Casa Consistorial; a Escola de Artes e Oficios; o Auditorio Mar de Vigo; o polígono de Navia; a Panificadora, en dúas ocasións; a rúa Lalín, ao lado dos antigos xulgados; e, finalmente, os terreos que o Concello expropiara para ampliar a Cidade da Xustiza”, lembrou.

“Nove posibles localizacións, con nove ministros á fronte de Cultura no Goberno de España e 18 anos esperando”, criticou.

ACORDO DEFINITIVO

As negociacións mantidas o longo de todos estes anos entre o Concello de Vigo (que cede o terreo), o Goberno de España (que se encargaría de financiar a construción) e a Xunta de Galicia (que xestionaría o edificio e os futuros servizos bibliotecarios) frutificaron finalmente en 2022 nun acordo polo que o Ministerio de Cultura aceptaba o programa de necesidades enviado pola Xunta en 2020, que establecía que a futura biblioteca tería unha dimensión de máis de 8.000 metros cadrados para cumprir coas necesidades da cidade máis grande de Galicia.

“Ademais, nos últimos orzamentos xerais do Estado aprobados en 2023 había unha partida específica de 100.000 euros, máis outros 9,3 millóns de euros nos exercicios seguintes, a pesar de que o investimento total no proxecto se estima en 22 millóns de euros”, sinalou o deputado popular.

Deste xeito, Miguel Fidalgo manifestou que “a día de hoxe a pelota está no tellado no Concello de Vigo e do Goberno central”, polo que urxiu ao Goberno de Pedro Sánchez que “axilice os trámites necesarios para que a Biblioteca Pública do Estado sexa unha realidade o máis pronto posible na cidade viguesa”.

O deputado popular lamentou que Vigo “careza na actualidade dunha rede de bibliotecas municipais, xa que so conta con dúas bibliotecas públicas que prestan os seus servizos bibliotecarios completos”. Segundo os estándares de bibliotecas públicas de Galicia, o concello de Vigo, con cerca de 300.000 habitantes, debería contar cunha gran biblioteca central, cunha superficie de entre 5.000 e 8.000 metros cadrados, e 9 ou 10 bibliotecas de proximidade, cunha superficie por centro de 1.200 metros cadrados.

O Parlamento galego reitera a solicitude ao Goberno central para que cumpra a Lei de dependencia e salde a débeda de máis de 2.500 millóns con Galicia

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do PSdeG, a través da que se reitera a solicitude ao Goberno de España que cumpra a Lei de dependencia que lle obriga a cofinanciar o 50 por cento da atención aos dependentes e salde a débeda de máis de 2.500 millóns de euros acumulada con Galicia.

A portavoz popular de Asuntos Sociais, Raquel Arias, criticou que “o Goberno central estea pagando pouco máis do 30 por cento do que lle corresponde coa Lei da dependencia, o que supón unha débeda anual de 200 millóns de euros”.

“Ata que o Goberno central non pague o que debe para a dependencia, a atención que se lle pode prestar aos dependentes non será o que por lei lles corresponde, por moito que a Xunta se esforce”, sinalou a portavoz popular, que salientou que na actualidade a Xunta destina tres veces máis orzamento á dependencia que cando gobernaban o PSdeG e o BNG.

NOVA REFORMA DA LEI SEN FINANCIAMENTO

Raquel Arias criticou que o Goberno de Pedro Sánchez aprobara onte unha nova reforma da Lei de dependencia “con normas desprovistas de financiamento e sen consultar con ninguén”. “Do mesmo xeito que fixo en 2023, cando obrigou aos concellos a dar máis horas de axuda no fogar a cada dependente, provocando serios problemas económicos nos municipios e incrementando en 80 millóns de euros a débeda anual que xa arrastraba con Galicia”, lembrou.

Na súa intervención, referiuse ao recente informe publicado pola Asociación de directores e xerentes de servizos sociais, no que se pon de manifesto que “o Goberno propón unha reforma da lei engadindo novos dereitos cando aínda están moi lonxe de garantir os que recoñece a actual norma”. E engade que “sen incremento de financiamento, os novos dereitos que esta reforma da lei propón recoñecer quedan en papel mollado, pura cosmética do sistema, que so servirá para xerar falsas expectativas ás persoas en situación de dependencia e aos seus familiares”.

Este informe tamén sinala que Galicia está entre as comunidades autónomas cunha maior valoración na prestación da dependencia, cunha puntuación de 6,4 sobre 10 cando a media estatal non chega ao 5; e recoñece que Galicia é unha das comunidades que máis reduciu as listas de agarda, a pesar de que no último ano o número de solicitudes se incrementou o 40 por cento.

INCONGRUENCIAS DA OPOSICIÓN

“O Goberno da Xunta, nunha absoluta lealdade cos galegos, pon 8 de cada 10 euros dos seus orzamentos para políticas sociais e 700 millóns de euros para a dependencia, incrementando nun 23 por cento a axuda aos concellos para esta prestación”, indicou Raquel Arias. Ademais, subliñou que “o Goberno galego puxo en marcha o pasado mes de xaneiro un novo plan de choque da dependencia, que xa beneficiou a máis de 5.000 persoas”.

Para rematar, a portavoz popular puxo de manifesto as incongruencias de BNG e PSdeG cando falan de atención á dependencia, porque “critican que a Xunta externalice algúns servizos de atención aos dependentes, pero eles privatizan todas as residencias que xestionan ou o servizo de axuda no fogar nas administracións e os concellos que gobernan; e tamén piden máis cartos para a atención aos maiores, pero o Concello de Pontevedra, gobernado polo BNG, é o terceiro de España con menor investimento en políticas sociais”.