O Grupo Popular levará ao Parlamento galego o impulso definitivo á cuarta fase do polígono industrial Lalín 2000

O Grupo Popular solicitará no Parlamento de Galicia “o impulso definitivo á tan ansiada cuarta fase do polígono industrial Lalín 2000, unha actuación estratéxica para avanzar no desenvolvemento económico e a creación de postos de traballo neste concello e en toda a comarca do Deza”.

Os deputados do Grupo Popular celebraron hoxe en Lalín a súa habitual reunión dos luns, na que avanzaron os asuntos que levarán mañá á Xunta de Portavoces para a súa inclusión no Pleno da vindeira semana.

Posteriormente, o portavoz popular, Alberto Pazos, acompañado dos viceportavoces, Paula Prado, Julio García Comesaña e Cristina Sanz, trasladáronse ata a Casa Consistorial, onde mantiveron un encontro co alcalde de Lalín, José Crespo.

Nesta xuntanza, os portavoces populares avanzaron que o Grupo Parlamentario solicitará no Parlamento de Galicia impulso definitivo á cuarta fase do polígono industrial Lalín 2000, “unha ampliación que parte do concepto de parque ecolóxico sostible buscando un perfil de uso comercial e con naves de tamaño máis pequeno”.

FIRME COMPROMISO DA XUNTA

“Esta actuación conta co firme compromiso da Xunta para a súa realización, que se manifesta na partida de 4,4 millóns de euros que xa figura nos orzamento da Xunta para o presente ano 2025”, sinalou Alberto Pazos.

Ademais, apuntou que “a boa sintonía existente entre os responsables da Xunta e do Concello de Lalín facilitará que esta obra sexa unha realidade máis pronto que tarde, para que as empresas de toda a comarca poidan dispor de solo para levar adiante os seus proxectos mantendo a Lalín como unha localidade de referencia económica e industrial no interior de Galicia”.

Así mesmo, o alcalde de Lalín trasladou aos portavoces do Grupo Popular a proposta para a posible conexión por autovía de Lalín, Agolada e Melide a través dun ramal que una, desde Agolada, a futura autovía Pontevedra-Cerdedo-Lalín-Lugo coa autovía A-54 Santiago-Lugo en Melide. “Trátase dun proxecto ambicioso que o Grupo Popular vai estudar e valorar na súa xusta medida, porque somos conscientes das necesidades existentes en materia de comunicación que ten o interior de Galicia, esquecido durante moitas décadas en beneficio do litoral atlántico”, manifestou Alberto Pazos.

Os eurodeputados do PPdeG subliñan o respaldo de Bruxelas á tramitación do proxecto de Altri e piden a Pedro Sánchez que non obstaculice o seu acceso aos fondos Next Generation

Os eurodeputados do PPdeG, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, apelan ao respaldo que a Unión Europea deu á tramitación do proxecto de Altri por parte do Goberno galego para demandar a Pedro Sánchez que non obstaculice o acceso aos fondos europeos e á conexión eléctrica que a empresa necesita poder iniciar a súa actividade.

“O Goberno central xa non pode esconderse en palabras ambiguas nin continuar de perfil: ten que actuar para apoiar este proxecto que supón unha gran oportunidade para a modernización e o desenvolvemento económico de Galicia”, insiste Millán Mon recordando que os fondos Next Generation aos que opta esta iniciativa dependen do Executivo estatal.

Vázquez, pola súa banda, lembra que o BNG tentou parar o proxecto en Bruxelas e varias veces a Comisión Europea tivo que pararlles os pés a eles. E, nesta liña, sostén que “poucos argumentos poderán atopar en Madrid para parar un proxecto que é viable e seguro e que ademais conta co aval europeo”, e apela á responsabilidade de Pedro Sánchez fronte as “presións” que poida recibir do seu propio partido e dos seus socios. “A pelota está no tellado de Sánchez”, sentenza.

“Se nega os fondos a Altri, quedará en evidencia algo que xa sabiamos: que ten máis interese en prexudicar ao Partido Popular que en beneficiar a Galicia e que lle importa máis o futuro do señor Besteiro e da señora Pontón que o futuro dos galegos e galegas”, sostén cualificando esta hipótese como “intolerable”.

Ambos parlamentarios coinciden en reivindicar que o proxecto de Altri é “un bo medio de innovación industrial e creación de emprego” e subliñan a necesidade de que “cumpra os requisitos legais e medioambientais”. De aí que celebren como primeiro paso a declaración de impacto ambiental que, partindo de criterios obxectivos, foi aprobada favorablemente e se apoia en 34 informes por parte de 42 técnicos.

“NON É UN CHEQUE EN BRANCO E NUNCA O FOI”

O pontevedrés Francisco Millán Mon explica que “isto non é un cheque en branco e nunca o foi”. Máis ben todo o contrario: “Altri terá que cumprir as numerosísimas condicións adicionais que esixen os informes da Xunta de Galicia e que, nalgúns casos, van máis alá da lexislación vixente”.

Un “traballo rigoroso dos expertos” que, na súa opinión, contrasta coas “críticas xenéricas e sen substancia” da esquerda. Un punto de vista que comparte o seu compañeiro do Deza no Parlamento Europeo: “Fronte ao ruído, Galicia conta cun Goberno que funciona e que se toma en serio o emprego, a sustentabilidade ambiental e a competitividade da nosa terra”.

Agora que “a avaliación rigorosa levada a cabo pola Xunta acredita que estamos a falar dun investimento seguro en termos ambientais”, os eurodeputados do PPdeG poñen o foco na responsabilidade do Goberno central e critican a postura amosada pola oposición durante todo este tempo.

“O BNG, as súas asociacións e toda a esquerda en xeral están mobilizados contra este proxecto. Pero non por verdadeiras cuestións de fondo, senón por claros intereses partidistas e prexuízos ideolóxicos”, sostén un Millán Mon ao que non sorprenden estas críticas dos que “sempre estiveron e estarán en contra de todo”.

Adrián Vázquez, na mesma liña, indica que tanto o independentismo galego como “os restos do PSdeG” sempre se van queixar a que cheguen investimentos a Galicia “digan o que digan os estudios de avaliación ambiental” porque “viven da confrontación e están moi cómodos no canto peor mellor”.

Alberto Pazos reivindica ao PP como un partido que “leva a pesca no seu ADN” e defende que o sector do mar galego “merece un Goberno central mellor”

O portavoz do Grupo Popular no Parlamento galego, Alberto Pazos, reivindicou hoxe que en Galicia a cadea mar-industria é máis unha forma de entender a vida que un sector económico e por iso urxiu a todas as institucións a involucrarse no establecemento dun novo paradigma que garanta a partes iguais a protección medioambiental e a supervivencia da xente do mar.

Así o manifestou na súa intervención na mesa redonda ‘O reto agroalimentario: menos trabas para un sector estratéxico’, celebrada na 27ª Interparlamentaria do Partido Popular en Sevilla e na que aproveitou para subliñar que ninguén ten máis interese en preservar os recursos mariños que aqueles que viven destes recursos.

“Certas institucións deben deixar de tratar ás xentes do mar como unha ameaza medioambiental e asumir que son un elemento esencial na conservación dos nosos mares”, afirmou contrapoñendo os avances por parte da Comisión Europea nesta liña co desleixo do Goberno central cara ao sector.

Recordou así que, mentres a Comisión Europea conta cun comisario específico de Pesca e Océanos logo de que a presidenta Ursula von der Leyen adquirira este compromiso na súa visita a Galicia o pasado ano, o Goberno de España continúa tomando medidas claramente prexudiciais para o sector.

Alberto Pazos amosou deste xeito a súa incomprensión ante a negativa do Goberno central a rebaixar o IVE do peixe e das conservas, así como ante a súa decisión de impoñer un menor consumo de peixe nos menús escolares. “O único que pedimos é que o Goberno de España sexa o noso aliado e non o noso inimigo”, concluíu facendo referencia tamén ao esforzo que están a facer as comunidades autónomas para mellorar a calidade das súas augas e renovar as súas frotas e tripulacións.

AS MALAS ARTES DO GOBERNO DE PEDRO SÁNCHEZ

“En Galicia coñecemos ben as malas artes e os bulos deste Goberno”, sinalou o portavoz dos populares galegos no Pazo do Hórreo recordando o acontecido en plena campaña electoral das autonómicas cando o buque Toconao perdeu parte da súa carga de pélets e os seus restos chegaron ás costas galegas.

Un episodio no que, na súa opinión, o Goberno de Sánchez actuou con deslealdade e irresponsabilidade na medida en que ocultou información ao Executivo galego durante semanas e enviou ás súas hostes a desprestixiar o peixe e o marisco galegos con bulos que puxeron en grave risco a economía de moitas familias.

“Creo que o sector do mar merece un Goberno central mellor”, concluíu trasladando a súa esperanza de que “moi pronto” España contará cun novo Goberno liderado por un partido que leva a pesca no seu ADN, porque, apuntou, xa o din as súas propias siglas: “PP: Partido da Pesca”.

O PPdeG pon de exemplo a “política que serve” de Galicia como “un espello” da que debería exercer o Goberno de Sánchez

Os representantes do PPdeG, á súa chegada á 27ª Interparlamentaria do Partido Popular en Sevilla, puxeron de exemplo hoxe a “política que serve” de Galicia como “un espello” da que debería exercer o Goberno de Pedro Sánchez.

“Imos seguir demostrando que a Galicia que goberna é un exemplo para o resto de España”, sentenciou a secretaria xeral, Paula Prado, que encabeza a delegación de máis de medio cento de parlamentarios do PPdeG, “o partido galego maioritario no Parlamento de Galicia, no Congreso, no Senado e no Parlamento Europeo”.

Prado lembrou que o Partido Popular revalidou hai pouco máis dun ano a maioría absoluta, baixo o liderado de Alfonso Rueda, e hoxe Galicia “segue sendo un espello no que o Goberno central debería mirarse cada día”.

“Podemos mirarlle aos ollos aos galegos e ás galegas porque cumprimos co que se nos esixe. Este 2025, a nosa Comunidade suma xa 16 anos consecutivos cos Orzamentos aprobados en tempo e forma, e faino sen sobresaltos, sen estridencias e sen liortas; sendo un exemplo”, subliñou.

Non obstante, Prado lamentou que mentres Galicia cumpre cos galegos, “hai moito que o Goberno de Sánchez non cumpre con todos os españois”: “Vivimos nun país onde funcionar cos Presupostos Xerais prorrogados é o normal e onde dar privilexios a algunhas comunidades autónomas é a forma de perpetuarse no poder, un país onde o presidente e os seus ministros están cercados pola corrupción e non teñen apoio dos seus socios, pero son incapaces de botarse a un lado”.

Por este motivo, a número dous do PPdeG sinalou que “é o momento de que Sánchez e os seus deixen de mirar cara ao independentismo e miren cara a comunidades como Galicia” e tamén é o momento de cumprir cos traspasos de competencias comprometidos, as transferencias de fondos europeos para proxectos estratéxicos ou as melloras en infraestruturas”.

E, se iso non é así, dixo, “debe deixar pasar a un gran presidente como vai ser Alberto Núñez Feijóo”, porque “el si vai saber representar, como dicimos no Partido Popular, a verdadeira política que serve, a mesma coa que Galicia xa goberna”.

O PPdeG salienta a colaboración da Xunta na implantación nos concellos de transporte público durante os meses de verán

As deputadas do Grupo Popular María Deza e Loli Hermelo salientaron hoxe a colaboración da Xunta de Galicia para a implantación nos concellos galegos de transporte público durante os meses de verán, un servizo que o Concello de Sanxenxo volverá a implantar este ano pero que no Concello de Cangas non se levará adiante, a pesar da demanda veciñal existente, pola negativa dos responsables municipais a solicitalo.

Nunha xuntanza celebrada coa Asociación de Veciños de Nerga en Cangas, María Deza explicou que estes servizos “permitiron reducir o uso do vehículo privado e fomentar o transporte público, a favor dunha mobilidade sostible”. En concreto, as persoas usuarias destas liñas de transporte “se poden beneficiar dos descontos e as vantaxes da tarxeta de mobilidade de Galicia, do mesmo xeito que os menores de 21 anos poden facer ata 60 viaxes ao mes de maneira gratuíta coa tarxeta Xente Nova”.

“Será o segundo ano consecutivo co que o Concello de Sanxenxo conta con este servizo, co que conectamos diversos puntos do municipio entre sí e cos servizos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral, reducindo de forma considerable a conxestión viaria que existía con anterioridade”, dixo a deputada popular.

DESINTERESE EN CANGAS

Pola súa banda, Loli Hermelo criticou que o Concello de Cangas “non se sume a esta iniciativa da Xunta de Galicia polo desinterese dos responsables municipais, a pesar de que melloraría as posibilidades de transporte dos veciños e de todos os que nos visitan, ao tempo que reduciría considerablemente os problemas de tráfico existentes sobre todo na época veraniega”.

“En concreto, existen varias parroquias que están a demandar de xeito reiterado contar cun transporte público cunha frecuencia axeitada, pero o Concello fai oídos xordos a esta solicitude e poñendo como escusa que é a Xunta a que ten que levar a cabo todas as accións de transporte”, lamentou a deputada popular.

O PPdeG traslada a árbitros, adestradores e directivos do deporte a decisión da Xunta de exercer a acción popular nos procedementos penais relacionados coa violencia no deporte

Os deputados do Grupo Popular Argimiro Marnotes e Noelia Pérez mantiveron un encontro con representantes de árbitros, adestradores e directivos do deporte ourensán para recoller as súas propostas de actuación sobre a violencia no deporte e trasladarlles a decisión do Goberno galego de exercer a acción popular nos procedementos penais nos casos de violencia no deporte que teñan lugar en Galicia.

Nunha xuntanza cos presidentes galego e ourensán de árbitros de fútbol, o presidente de adestradores de fútbol de Ourense e directivos do voleibol ourensán, Argimiro Marnotes e Noelia Pérez incidiron no pleno compromiso da Xunta coa erradicación da violencia no deporte, que agora dará un paso máis coa modificación da lexislación vixente para poder exercer a acción popular en procedementos penais derivados de calquera acto que poida considerarse violencia no deporte. “O obxectivo final é facer do deporte un espazo seguro, libre de violencia e respectuoso cos calores da convivencia e o xogo limpo”, indicaron.

MECANISMOS SANCIONADORES E MEDIDAS DE INTERVENCIÓN

Así mesmo, os deputados populares informaron que, logo da aprobación por unanimidade dunha iniciativa no Pleno celebrado esta semana, a Xunta dará comunicación aos concellos e clubs federados de Galicia dos mecanismos sancionadores e de todas as medidas de intervención e protección previstas nos protocolos existentes dirixidos á prevención da violencia no deporte.

En concreto, entre as medidas que a Xunta impulsará figuran o reforzo das campañas de prevención e sensibilización en todo o territorio galego contra a violencia no deporte; o impulso de protocolos de boas prácticas para proporcionar ás entidades deportivas e organizadores de competicións ferramentas eficaces na prevención da violencia; a intensificación da capacidade sancionadora da Comisión Galega de Control da Violencia, que poderá iniciar de oficio procedementos sen necesidade de denuncia previa; ou a creación de mecanismos electrónicos accesibles para que a cidadanía poida denunciar situacións de violencia ou condutas contrarias ás normas en eventos deportivos.

O PPdeG lembra que o vindeiro 4 de abril remata o prazo de matrícula para acceder ás prazas de escolas infantís da Xunta

Os deputados do Grupo Popular Raquel Arias e José Manuel Mato visitaron a gardería de Sober e salientaron que a provincia de Lugo conta neste momento con case 3.500 prazas para nenos de 0 a 3 anos. Neste sentido, lembraron que o prazo de matrícula para acceder ás prazas ofertadas pola Xunta permanece aberto ata o vindeiro 4 de abril.

Raquel Arias e José Manuel Mato salientaron que “será o cuarto ano consecutivo no que todas as escolas infantís de Galicia son totalmente gratuítas, unha medida pioneira para a que a Xunta dedica máis de 65 millóns de euros este ano e que permite un aforro medio de case 3.000 euros por curso a cada familia”.

REFORZO DA CONCILIACIÓN

“Galicia é co 60,5 por cento a comunidade autónoma coa maior taxa de escolarización en escolas infantís, superando xa amplamente o obxectivo da Unión Europea de chegar ao 45 por cento en 2030 e situándose 15 puntos por enriba da media de España”, manifestaron.

Así mesmo, puxeron en valor a aposta do Concello de Sober pola conciliación en colaboración coa Xunta de Galicia, que vén de financiar a posta en marcha dunha nova escola infantil neste municipio que permitirá duplicar o número de prazas para atender aos nenos entre 0 e 3 anos. Porén, lamentaron que outros concellos, como o de Monforte, rexeiten reiteradamente a axuda da Xunta para a creación de novas prazas en garderías, tal e como lle están a demandar as familias. Na actualidade, na comarca de Lemos existen 218 prazas en escolas infantís.

Así mesmo, os deputados populares afirmaron que a Xunta segue reforzando os servizos de conciliación en toda Galicia, con medidas como o Bono Concilia Familia, que na última convocatoria beneficiou a 15.000 familias; a Tarxeta Benvida, que concede ás familias unha axuda directa para facer fronte aos gastos orixinados polo nacemento dun bebé; ou as preto de 100 casas-niño espalladas por toda a xeografía galega e que permiten un recurso de conciliación en concellos sen escola infantil.

O PPdeG traslada ao sector pesqueiro a súa preocupación polas campañas de desprestixio do mar que se están a realizar

Os deputados do Grupo Popular Gonzalo Trenor e Magdalena Pérez reuníronse cos patróns maiores das confrarías de Porto do Son, Portosín e Lira para trasladarlles a súa preocupación polas campañas de desprestixio do sector do mar que están a levar adiante con intereses partidistas. “Hai pouco máis dun ano tomaron como escusa o vertido de pellets que chegou ás nosas praias e agora utilizan demagoxicamente o proxecto de Altri en Palas de Rei para difamar sobre a calidade dos nosos produtos”, lamentaron.

Nunha xuntanza na que tamén participou o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, Gonzalo Trenor e Magdalena Pérez analizaron cos representantes das confrarías a situación do sector do mar en Galicia, “no que se abre unha nova etapa coa recente designación do novo comisario de Pesca e Océanos da Unión Europea, Costas Kadis”. Neste sentido, avogaron porque “se aposte por un desenvolvemento pesqueiro sostible, compatibilizando o traballo dos pescadores co respecto polo medio ambiente, porque os galegos somos os primeiros interesados en coidar os recursos marítimos existentes”.

Porén, os deputados populares manifestaron a súa preocupación aos representantes das confrarías polo ruído e as campañas que se fan desde determinados grupos políticos e as súas organizacións satélites que prexudican a boa imaxe dos produtos pesqueiros galegos e de todo o sector relacionado co mar.

“Resulta lamentable que se utilicen accidentes como o da chegada dos pellets ás nosas praias ou agora o proxecto de Altri para sementar dúbidas respecto da calidade dos produtos galegos e bo estado das nosas augas”, sinalaron os deputados populares, quen trasladaron aos responsables das confrarías que “seguiremos traballando, como o viñemos facendo ata agora, por manter e defender a boa imaxe da pesca galega, facendo todo o posible con contrarrestar estes bulos que tanto mal poden facer a este sector”.

O Parlamento de Galicia pide que a Xunta preserve o prestixio da FP galega na implementación do Real Decreto que permite o acceso a persoas sen titulación básica

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do BNG, a través da que se insta á Xunta a que poña en marcha os mecanismos necesarios para asegurar o prestixio da formación profesional galega, preservando a cultura do esforzo na adaptación e implementación do Real Decreto 86/2025, de 11 de febreiro, de avaliación e acreditación das competencias básicas adquiridas por experiencia laboral, por vías non formais de formación e aprendizaxes informais.

A deputada popular Patricia García salientou que “o modelo de formación profesional galega é un exemplo de éxito, tanto polos seus resultados como polo seu nivel de inserción laboral, e un modelo recoñecido, respectado e que conta co aval da comunidade educativa e do tecido produtivo de Galicia”.

DE XEITO INESPERADO E SEN CONTAR COAS CCAA

Porén, lembrou que o Real Decreto 86/2025, aprobado polo Goberno de Pedro Sánchez de xeito inesperado e sen diálogo coas comunidades autónomas, modifica os criterios de acceso ao sistema de formación profesional, permitindo que persoas sen titulación básica poidan acceder acreditando unicamente competencias mínimas en lingua, matemáticas e dixitalización.

“Non cuestionamos a necesidade de abrir camiños para recoñecer aprendizaxes por vías non formais, pero non pode facerse a costa de desvirtuar o modelo baseado na cultura do esforzo, que é o que lle da valor a unha titulación”, indicou a deputada popular.

Neste sentido, apuntou que “se desvirtuamos os estándares corremos o risco de desvirtuar a FP, de perder a confianza do tecido produtivo e de prexudiciar aos propios estudantes, que poden verse atrapados nun sistema que non lles ofrece unha formación real”.

Para rematar, Patricia García manifestou que “non se pode improvisar coa FP, nin abrir a porta á desvalorización das titulacións, nin ao desprestixio dun modelo que funciona”, polo que considerou “razoable que Galicia poida adaptar a normativa do Estado sen comprometer a excelencia nin o modelo propio; que se garantan criterios claros, esixentes e xustos que aseguren a igualdade de oportunidades, pero tamén a calidade formativa; e que todo isto se faga respectando as competencias autonómicas e contando coa comunidade educativa, co profesorado, coas empresas e co alumnado”.

 

O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central que desbloquee e complete a tramitación do Estatuto do Artista

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que desbloquee e complete a tramitación do Estatuto do Artista, tal e como foi acordado en 2018, por unanimidade, no Congreso dos Deputados. “Sete anos e cinco ministros de Cultura despois, o documento final segue sen ver a luz, e seguen abertas frontes nos eidos fiscal, laboral e da saúde, algunhas delas referidas concretamente ás rebaixas e ás deducións no IVE e no IRPF”, manifestou a portavoz popular de Cultura, Carmen Pomar.

“Pouco despois da chegada de Pedro Sánchez á Moncloa, o 6 de decembro de 2018 o Congreso aprobou o informe para a elaboración dun Estatuto do Artista, un documento que foi desenvolvido pola Subcomisión de Cultura e contou co respaldo unánime de 337 deputados no Pleno”, lembrou a portavoz popular. En concreto, este informe recolle un total de 75 propostas dirixidas a adecuar a regulación que afecta aos autores, artistas e traballadores da cultura para facer máis sostible a súa actividade.

MEDIDAS PENDENTES

Carmen Pomar sinalou que “as e os traballadores do sector cultural tiveron que esperar case catro anos e medio para coñecer as primeiras medidas do Goberno de España que pretenden desenvolver as 75 bases do Estatuto do Artista”. Ademais de estar pendentes medidas referidas á rebaixa e ás deducións no IVE e o IRPF, tamén segue sen ter solución o problema do traballador por conta propia, unha demanda fundamental e moi importante do sector que segue a solicitar unha cota de autónomos adaptada á súa actividade intermitente.

Outras medidas pendentes de resolver fan referencia á dedución de gastos; ás prestacións da Seguridade Social en caso de embarazo ou maternidade; á percepción simultánea de pensión de xubilación e realización de actividades; á ampliación do sistema de representación sindical; á adaptación do IAE á realidade social e cultural; á regulación cos menores de 16 anos; á modificación das regras de cómputo da cotización para a xubilacións e das modalidades na mesma; ás medidas de saúde laboral; ás medidas en materia de transición profesional; ou á consideración dos dereitos de autor como rendementos derivados da propiedade intelectual, nova categoría dentro dos rendementos.

“Moitas medidas sen aprobar pola parálise na que o Goberno de Pedro Sánchez ten sumido ao Estatuto do Artista e que, desde logo, non so únicas, xa que tamén están enriba da mesa as compensacións polo cese de actividade”, indicou a portavoz popular, quen criticou que o Goberno de España “está deixando de lado ao sector cultural e aos seus traballadores, que, ademais da inestabilidade propia do sector, están sumidos nun inferno fiscal que non contribúe a que a súa situación mellore”.