O deputado nacional pola provincia de Lugo e portavoz de Industria do Partido Popular no Congreso, Francisco Conde, valorou a situación actual do proxecto de Altri, subliñando que conta cun informe medioambiental que avala a súa viabilidade desde o punto de vista do impacto no territorio.
Neste contexto, Conde reclamou compromiso tanto por parte de Altri como do Goberno central. A empresa debe garantir o cumprimento de todos os condicionantes establecidos pola Xunta de Galicia, así como demostrar a viabilidade económica e financeira do proxecto e o seu impacto positivo en Galicia, sinalou o deputado popular.
Así mesmo, instou ao Goberno de Pedro Sánchez a rectificar e cumprir coa súa responsabilidade. Lembrou que o Ministerio de Industria mantén o proxecto bloqueado e que lle corresponde defendelo en Bruxelas, xa que cumpre cos requisitos medioambientais e industriais establecidos pola Comisión Europea.
Ademais, Conde destacou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica coñece a necesidade de dotar ao proxecto das infraestruturas necesarias para a súa conexión á rede, elemento fundamental para garantir a súa viabilidade.
En definitiva, o deputado popular fixo un chamamento á rectificación por parte do Goberno para permitir o desenvolvemento dun proxecto que pode xerar novas oportunidades para a mocidade galega, especialmente na provincia de Lugo.
Conde subliñou tamén que Altri está aliñado cos obxectivos de loita contra o cambio climático, sustentabilidade e transformación dixital. Por este motivo, instou ao ministro de Industria a comparecer no Congreso dos Deputados para comprometerse coa viabilidade deste proxecto, asegurando un trato igualitario con outras iniciativas industriais que cumpren cos criterios ambientais e industriais marcados pola Unión Europea.
O PPdeG denuncia o “veto” do Goberno central ao Xacobeo 2027 e insiste en reclamar que se declare acontecemento de excepcional interese público
O Partido Popular de Galicia fala abertamente de “veto” por parte de Pedro Sánchez ao Xacobeo 2027 ante as “negativas” e as “evasivas” do Goberno central no que se refire á declaración do próximo Ano Santo como acontecemento de excepcional interese público.
Así o denuncia a senadora pola provincia de Pontevedra e portavoz de Xustiza do Grupo Popular na Cámara Alta, Pepa Pardo, ao tempo que insiste no “fundamental” desta declaración “para os intereses de Galicia” e censura a actitude amosada neste sentido polo Executivo central. “Non podemos entender as súas negativas e evasivas máis que como un novo desprezo a Galicia”, sostén.
Recorda que o Ministerio de Cultura adquiriu no seu día o compromiso de promover a declaración do Xacobeo 2027 como acontecemento de excepcional interese público e incorporar as exencións fiscais vinculadas a esta figura nos Presupostos Xerais do Estado. Un compromiso que viu motivado logo da aprobación unánime en maio de 2024 dunha proposición non de lei no Parlamento de Galicia na que, a iniciativa do Grupo Popular, se solicitaba esta declaración.
De feito, esta semana o Parlamento de Galicia aprobou tamén por unanimidade unha iniciativa do PPdeG no mesmo sentido.
“A realidade é que o Ministerio de Cultura non só non cumpriu o seu propio compromiso, senón que tampouco atendeu ás demandas do Parlamento galego”, alega Pepa Pardo ao tempo que recorda que os populares tamén levaron esta reclamación ao Congreso dos Deputados a través dunha proposición de lei cuxa tramitación foi vetada pola Mesa desta Cámara (dominada polo PSOE e Sumar).
De aí que, ante a consideración de que “é fundamental garantir as exencións fiscais ás empresas patrocinadoras do Xacobeo 2027”, con efectos desde o 1 de xaneiro de 2025, por tratarse dunha ferramenta “esencial e eficaz para dotar a tan importante acontecemento de maior capacidade económica”, os populares galegos trasladen agora esta cuestión ao Senado a través dunha moción que defenderá a próxima semana o senador José Manuel Barreiro e coa que agardan que, por fin, o próximo Ano Santo sexa declarado acontecemento de excepcional interese público.
“A ver que fan os senadores galegos do PSOE”, pregúntase ironicamente Pepa Pardo apuntando ao acontecido no que se refire á AP-9 e ás contradicións do socialismo galego “dicindo unha cousa en Galicia e votando a contraria en Madrid”.
O CAMIÑO DE SANTIAGO E A SÚA PROXECCIÓN INTERNACIONAL
O patrocinio tense revelado como clave e moi eficaz para incentivar a participación de empresas privadas na celebración deste evento e dotalo dunha maior capacidade económica. Tamén é unha oportunidade excepcional para que Galicia, e por extensión España, consoliden a súa marca e a proxección internacional do Camiño de Santiago.
Ademais, medidas coma esta contribúen a desenvolver un programa de dinamización turística, social e cultural. De feito, grazas ao desenvolvemento do programa de patrocinios que permiten as desgravacións fiscais das achegas no marco da lexislación de mecenado, no Xacobeo 21-22 adheríronse un total de 40 empresas, o que se traduciu nunha achega total de 28 millóns de euros.