Paula Prado: “O BNG foi, é e sempre seguirá sendo o partido do ‘non’ ao futuro de Galicia”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegura que o BNG “foi, é e sempre seguirá sendo o partido do ‘non’ ao futuro de Galicia” e censura que o independentismo galego leve décadas “envelenando a política galega” cuns postulados propios de “quen nunca tivo aspiración de gobernar, senón que só busca destruír e intoxicar”.

Facendo un repaso ao pasado recente e tirando de hemeroteca, a número dous dos populares galegos recordou o oposición do “Bloque Negacionista Galego” a Alcoa, a Sogama, a Citröen, á OTAN, á AP-9, a Finsa, ao bilingüismo, á caza, ás minas de Touro e san Fiz, a Inditex, a Ence, ás conserveiras, ás granxas extensivas, á Garda Civil e á Policía Nacional, aos eólicos e a Altri.

“Pensaron nalgún momento no dano que lle fixeron a Galicia en xeral e ao emprego dos galegos e galegas en particular? Non. O único no que pensaron foi e segue sendo no rédito electoral que poden obter e en como afondar na súa estratexia de oposición”, concluíu asegurando que “non todo vale e moito menos o ‘non’ a todo”.

A secretaria xeral do PPdeG centrou precisamente a súa intervención no ‘non’ da esquerda ao proxecto de Altri. Unha negativa que, tal e como recordou, non se daba no pasado: “Hai tres anos presentamos no Parlamento unha iniciativa coa que buscabamos que todos os partidos políticos nos uníramos na defensa da instalación desta planta na provincia de Lugo e foi aprobada por unanimidade do PPdeG, o PSdeG e o BNG. Con 70 votos a favor e cero en contra”.

No debate desa iniciativa a deputada socialista Patricia Otero reclamaba ao Goberno galego que “se asegure de que Altri se instala na nosa comarca” e comprometíase a “traballar entre todos para conseguir que os fondos Next Generation cheguen a este proxecto que é fundamental”. Pola súa banda, Daniel Castro, deputado do BNG, afirmaba: “Calquera proxecto que cumpra toda a lexislación, que se instale en calquera parte do país… Nós seremos os primeiros en alegrarnos”.

Esta non sería a única iniciativa polo PSOE e o BNG neste sentido, pero, tal e como defendeu Paula Prado, unha vez pasaron as eleccións e agora que ese mesmo proxecto está cada vez máis preto de ser unha realidade, a esquerda “volve aos bulos e aos cambios de opinión”. Por iso pídelle a ambos que “expliquen por que en tan pouco tempo pasaron de apoiar a Altri a querer boicotear a súa instalación”.

“No PPdeG, en cambio, dixemos, dicimos e seguiremos dicindo ‘si’ a esta e a todas aquelas iniciativas que fagan que Galicia prospere”, remarcou explicando que “a Galicia que goberna é sinónimo dunha Galicia que aproveita e xera oportunidades, que desenvolve todo o seu potencial e avanza cara o futuro sen medo nin límites”.

INTERPARLAMENTARIA DO PARTIDO POPULAR EN SEVILLA

A secretaria xeral do partido aproveitou para anunciar que Galicia estará “moi ben representada” esta fin de semana na Interparlamentaria que o Partido Popular celebra en Sevilla, á que asistirán máis de medio cento de representantes do PPdeG.

Con Alberto Núñez Feijóo e Miguel Tellado á cabeza, a representación galega tamén inclúe ao voceiro do partido no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, que intervirá o sábado nunha mesa redonda, e á propia Paula Prado. Todos eles demostrarán que o PPdeG é “o partido galego maioritario no Parlamento, no Congreso dos Deputados, no Senado e no Parlamento Europeo”.

O Grupo Popular pide a BNG e PSdeG que deixen de mentir coa quita da débeda porque nin Galicia vai dispor de máis cartos para investir nin o Goberno central a calculou en base á poboación axustada

A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, pediu hoxe no Pleno do Parlamento galego a BNG e PSdeG que “deixen de mentir coa quita da débeda, porque nin Galicia vai dispor de máis cartos para investir en servizos públicos nin o Goberno de Pedro Sánchez a calculou en base á poboación axustada”. Así mesmo, pediu ao Goberno central que “libere os case 1.600 millóns de euros que lle ten retidos a Galicia co retraso das entregas a conta e reúna con urxencia ás comunidades autónomas para acadar un acordo sobre financiamento”.

Cristina Sanz criticou que BNG e PSdeG “falan dunha quita da débeda cando en realidade o que se fai é transferir e cambiar de mans esa débeda, facendo que os galegos teñamos que pagar unha parte importante da débeda xerada por outros territorios incumpridores na xestión dos recursos públicos, como Cataluña”.

Así mesmo, negou que coa condonación da débeda Galicia disporá de 4.000 millóns de euros máis de recursos, “xa que esta operación non xera capacidade adicional de gasto para as comunidades autónomas, o que fará imposible investir eses cartos en vivenda, sanidade, educación ou dependencia”. “Se con este acordo un galego pasa a deber 220 euros máis, estamos ante unha ruína de negocio para Galicia”, afirmou.

NOVO SISTEMA DE FINANCIAMENTO

A viceportavoz popular rexeitou, ademais, que o importe da quita da débeda estea calculada en base á poboación axustada de Galicia. “Non se nos están asignando os recursos que nos corresponderían pola poboación axustada, o 6,7 por cento; nin tan sequera por poboación, o 5,5 por cento; senón que a cantidade ofertada supón o 4,8 por cento, porcentaxe inferior a calquera criterio que se escolla”, explicou.

“Se de verdade a BNG e PSdeG lles preocupa o financiamento de Galicia, pídanlle ao Goberno de Pedro Sánchez que cumpra coa súa obriga constitucional de presentar o seu proxecto de orzamentos no Congreso; que actualice as entregas a conta, xa que o Goberno central ten retidos a Galicia case 1.600 millóns de euros; e que reúna con urxencia a todas as comunidades autónomas para acadar un acordo sobre o financiamento que asigne os recursos de maneira equilibrada e suficiente entre todas as administracións”, manifestou.

Cristina Sanz lembrou que “Galicia necesita un sistema de financiamento que atenda os custes de prestación dos servizos públicos, que obxectivamente son máis caros aquí polas nosas características de dispersión e envellecemento da poboación”.

O Parlamento galego solicita dar traslado a concellos e clubs federados dos mecanismos sancionadores e de prevención previstas nos protocolos contra a violencia no deporte

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o PSdeG, a través da que se solicita dar traslado aos concellos e clubs federados de Galicia dos mecanismos sancionadores e de todas as medidas de intervención e protección previstas nos protocolos existentes dirixidas á prevención da violencia no deporte.

“Queremos un deporte galego libre de violencia, que siga sendo un instrumento de cohesión social, de saúde, de aprendizaxe e de futuro”, manifestou o deputado popular Argimiro Marnotes, quen apuntou que “para iso temos ferramentas que se deben mellorar e poñelas en común”.

MARCO NORMATIVO SÓLIDO E FUNCIONAL

A proposición non de lei aprobada inclúe a solicitude para que a Xunta continúe impulsando as campañas de prevención e represión da violencia e das condutas contrarias á boa orde deportiva; o protocolo de boas condutas, proporcionando ás entidades deportivas e ás persoas organizadoras de competicións deportivas os datos e os consellos que poidan facilitar a prevención da violencia; as competencias sancionadoras, iniciando de oficio pola Comisión Galega de Control da Violencia, na ausencia de denuncia, todos aqueles procedementos dos que teña coñecemento e atenten contra as boas prácticas en materia deportiva; e os mecanismos para que a cidadanía poida por vía electrónica achegar facilmente todas as denuncias de situacións de violencia ou contrarias ás normas que se produzan en eventos ou competicións deportivas.

Argimiro Marnotes asegurou que “Galicia conta cun marco normativo sólido e funcional para previr e combater as condutas violentas no deporte” e concretou que a Lei do Deporte de Galicia establece mecanismos de análise, intervención e sanción ante calquera conduta violenta. “Unha norma que, tal e como anunciou onte o conselleiro na súa comparecencia neste Parlamento, se modificará para que o Goberno galego poida exercer a acción popular nos procedementos penais por violencia no deporte, na forma e condicións establecidas pola lexislación procesual”.

Así mesmo, manifestou que “a Xunta traballa na prevención e na formación a través do programa XOGADE, que ten como obxectivo non só a práctica deportiva dos escolares, senón a educación en valores como o respecto, o xogo limpo, a convivencia e a participación”. Neste sentido, destacou que XOGADE pechou a súa última tempada coa cifra récord de cerca de 150.000 nenos e nenas mutualizados, o que supón o 60 por cento de todos os escolares galegos entre os 6 e os 16 anos.

O deputado popular tamén se referiu á posta en marcha dun proxecto específico coa Unión de Federacións Deportivas de Galicia centrado en tres liñas claras: información, sensibilización e formación, “porque combater a violencia non é só castigar, é sobre todo educar e anticiparse”.

E, por último, dixo que o Protocolo de protección de menores, aprobado o 14 de maio de 2024, é “un documento pioneiro que obriga a clubs e federacións a nomear unha persoa delegada de protección, responsable de garantir a seguridade dos menores”.

O Parlamento de Galicia reitera a demanda ao Goberno de España do traspaso e a gratuidade da AP-9, así como elaborar un estudo que avalíe o custo do rescate e as bonificacións ata o fin da concesión

O Pleno do Parlamento de Galicia demandou hoxe por unanimidade ao Goberno de España, a través de dúas proposicións non de lei do Grupo Popular, que culmine o proceso de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 e implante con carácter inmediato a gratuidade das peaxes desta autoestrada. Así mesmo, pídese que informe sobre o seu posicionamento fronte aos requirimentos da Comisión Europea en relación coa prórroga da concesión da AP-9 e elabore e faga público un estudo que avalíe, como mínimo, o custe do rescate, da implantación da gratuidade e de aplicar as bonificacións vixentes ata final da concesión.

O portavoz popular de Infraestruturas, Roberto Rodríguez, criticou “o desleixo do Goberno de Pedro Sánchez e dos seus socios coa demanda unánime do Parlamento galego para que proceda ao traspaso da AP-9”. “Despois de 25 prórrogas ao trámite de emendas á proposición de lei orgánica remitida por esta Cámara, 40 se sumamos os 15 aprazamentos da pasada lexislatura, non é que estean a negar a Galicia a transferencia, porque o que están é negando a Galicia incluso o debate”, apuntou.

A SUBA DAS PEAXES MÁIS ALTA DE EUROPA

“Os galegos padecen hoxe as peaxes da AP-9 máis altas da súa historia: percorrela de Ferrol a Tui custa desde o 1 de xaneiro 26,85 euros”, lembrou o portavoz popular, quen apuntou que “neste 2025 tamén é a autoestrada na que máis subiron as peaxes de Europa, xa que mentres as principais vías europeas están a actualizar as súas tarifas por baixo do IPC, situando o promedio europeo no 2 por cento, o Goberno de Pedro Sánchez subiu as peaxes da AP-9 un 5 por cento”.

Neste sentido, Roberto Rodríguez sinalou que “ese mantra de PSOE e BNG de que os galegos pagamos as peaxes máis altas da historia a unha concesionaria por culpa da prórroga do ano 2000 do Goberno de Aznar xa non cola máis, porque a partir deste ano xa non hai escusas para non valorar o rescate da AP-9”. Así, o estudo encargado pola Xunta valoraba a transferencia e o rescate da autoestrada entre os 1.612 e os 2.355 millóns de euros, en función das distintas opcións para o cálculo do lucro cesante, “unha cifra que se asemella de maneira considerable ao custo das bonificacións ata o final da concesión, tendo en conta que se elevaron a máis de 81 millóns de euros neste 2025”.

O portavoz popular insistiu que “ao Goberno galego gustaríalle ter a oportunidade de trasladarlle persoalmente ao Goberno de España a petición de que avalíe a oportunidade deste rescate da autoestrada AP-9, pero despois de oito cartas solicitando un encontro o resultado foi cero respostas”.

TRATO XUSTO E EQUITATIVO

“Esiximos un trato xusto e equitativo para Galicia que o Goberno de Pedro Sánchez, co apoio do BNG, nos nega; e tamén esiximos rigor e transparencia en todo o relacionado coa AP-9”, solicitou Roberto Rodríguez. En concreto, pediu “a información que lle foi remitida á Comisión Europa trala apertura dun expediente para analizar a situación da moratoria na concesión; os termos do estudo, si é que existe, realizado polo Goberno de España sobre o custo económico do rescate que lle leva a dicir que ‘non é viable polo seu altísimo gasto’; e as condicións e as negociacións que mantén o Goberno central coa concesionaria”.

Para rematar, insistiu que “ningunha das decisións que poden supoñer a transferencia, a gratuidade ou o rescate da AP-9 están a día de hoxe condicionadas por ningunha decisión pasada”, porque “hai aberto un expediente sobre a prórroga vixente, o custo do rescate á parello ao custe das bonificacións vixentes ata o final da concesión e para o rescate e a liberalización das peaxes noutros territorios de España hai vontade e cartos”.

O Grupo Popular salienta que Galicia foi pioneira na regulación das vivendas de uso turístico, unha modalidade complementaria e non excluínte do resto de tipoloxías

A portavoz de Vivenda do Grupo Popular, María Deza, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “Galicia foi unha comunidade pioneira na regulación das vivendas de uso turístico, incorporándoas á oferta regrada como unha modalidade aloxativa complementaria e non excluínte do resto de tipoloxías”. Porén, demandou que “todas as administracións deben regular a parte que lles toca, con maior ou menor laxitude, dentro da esfera das competencias que a cada unha lle poida corresponder”.

María Deza explicou que as prazas das vivendas de uso turístico “non están activas sempre, xa que poden compatibilizar o seu uso residencial co turístico”, ao tempo que indicou que “existe unha correcta convivencia entre as máis de 26.400 vivendas de uso turístico dadas de alta e o resto de tipoloxías de aloxamento tradicionais”.

“E proba disto son dous datos irrefutables: a demanda turística nas vivendas de alugueiro tradicional medra e a rendibilidade hoteleira é hoxe a máis alta desde que existen rexistros, medrando un 7 por cento; e que o pasado ano aloxáronse nos establecementos tradicionais máis de 7 millóns de persoas, fronte a algo máis de un millón nas vivendas de uso turístico”, concretou.

BASE ERRÓNEA DE PSOE E BNG

Respecto da regulación destas vivendas de uso turístico, María Deza indicou que “a declaración autonómica responsable prevista no decreto non é suficiente para a apertura dunha vivenda destinada a esa actividade, para o que se require, ademais, a autorización municipal correspondente en forma de comunicación previa”.

Deste xeito, apuntou que “os concellos teñen un papel determinante na habilitación ou non desta modalidade aloxativa, así como na comprobación de se unha determinada vivenda de uso turístico incumpre ou non a súa normativa e, nos casos de incumprimento, serán os concellos os que deben comunicarllo a Turismo de Galicia para proceder ao expediente de baixa no rexistro”.

María Deza criticou que BNG e PSdeG “parten da base errónea de que a eliminación destas vivendas de uso turístico garanten que as mesmas vaian pasar ao mercado residencial”, porque “a realidade é testuda e as políticas intervencionistas en materia de vivenda só provocan inseguridade xurídica e que os arrendadores retiren os seus inmobles do mercado”.

“Ademais, a prohibición desta modalidade aloxativa podería conlevar a perda dunha parte da actividade económica xerada en sectores como o comercio, a restauración, o lecer e a cultura, e un enfraquecemento da competitividade da Comunidade galega e da súa potencialidade turística, sen resolver os problemas de fondo do acceso á vivenda”, rematou.

Galicia está en perigo… de bulos

Paula Prado.

A miña terra, Galicia, está en perigo. En perigo de bulos e mentiras que ameazan o seu presente e poderían poñer en risco o seu futuro.

Na nosa memoria colectiva aínda está o acontecido, hai un ano, cun vertido de pélets. Houbo quen o comparou co Prestige e incluso falou dun “desastre ecolóxico” do que supostamente Galicia tardaría décadas en recuperarse. O problema é que que isto viña dos mesmos que argumentaban estas afirmacións con imaxes de peixes de Sri Lanka e con fotografías feitas nos Estados Unidos.

A historia repítese e os que agora falan dunha “bomba ambiental” son os mesmos que hai uns anos se rifaban por que Altri se instalase nos seus concellos da Mariña lucense e que, cando a empresa decidiu non instalarse en ningún deles, cualificaron a decisión de “traizón”. Igualmente, os que agora pretenden boicotear o acceso deste proxecto a fondos públicos son os mesmos que ata hai non tanto mesmo chegaron a comprometelos.

Os autores destes bulos pensaron nalgún momento no dano que lle fixeron ao sector do mar galego ou no dano que lle poden facer ao emprego de milleiros de galegos? Non. O único no que pensaron foi no posible rédito electoral que podían obter, nun caso, e en como afondar na súa estratexia de oposición, noutro. Pero non todo vale. E moito menos o ‘non’ a todo.

O éxito electoral desta estratexia de oposición quedou acreditado nas urnas o 18 de febreiro de 2024, cando os galegos e galegas confiaron maioritariamente nun Goberno que sempre anteporá o interese xeral sobre a ideoloxía e que non ten por que elixir entre xerar riqueza ou protexer o medio ambiente porque ambas cousas son compatibles.

Así o acredita a declaración de impacto ambiental obtida por un proxecto que, ao contrario do que os lectores lerán nas pancartas ou escoitarán nas manifestacións, nin suporá a eucaliptización de Galicia, nin botará auga fervendo aos ríos, nin agredirá recursos naturais, nin expulsará gases contaminantes, nin prexudicará ao Camiño de Santiago.

É un proxecto que creará máis de 2.500 postos de traballo, que contribuirá á loita contra a despoboación do rural e co que Galicia pode ser pioneira en facer da moda unha industria máis sostible. Un proxecto que está avalado medioambientalmente por 34 informes elaborados por 42 técnicos baixo criterios obxectivos e nos que se lle impoñen máis de 60 esixencias específicas, o triplo do habitual.

Alguén cre que na Europa do século XXI e coa normativa ambiental tan estrita que existe, algún goberno se atrevería a aprobar un proxecto que, segundo din os bulos, vai “envelenar” unha ría, un río, unha comarca e a toda Galicia? A crítica é tan esaxerada e manipulada que se descobre por si mesma.

Tanto o BNG como o PSOE sábeno, e por iso antes das eleccións apoiaban o mesmo ao que agora se opoñen con bulos e mentiras que supoñen o verdadeiro perigo para os galegos. Por iso Galicia si está en perigo: polos do ‘non’.

O Grupo Popular avoga pola “transparencia total” sobre os contratos do actual Plan de Transporte Público de Galicia

O portavoz de Mobildade do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, avogou hoxe pola “transparencia total” no que respecta dos contratos dento do actual Plan de Transporte Público de Galicia, os expedientes sancionadores incoados ás empresas, os quilómetros percorridos no transporte ou da frota de autobuses titulares e reservas de todas as concesións de transporte colectivo competencia da Xunta.

Para iso, o Pleno do Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a emenda presentada polo Grupo Popular a unha moción do BNG, na que se insta á Xunta a trasladar aos grupos con representación no Parlamento de Galicia:

1. A relación de expedientes sancionadores incoados ás empresas concesionarias nos anos 2021, 2022 e 2023, e a resolución dos mesmos, indicando o motivo de sanción e o importe da mesma.

2. Os datos de quilómetros percorridos no transporte á demanda por concesión no anos 2021, 2022 e 2023, número de viaxeiros e número de expedicións, engadindo a cada unha delas os datos de kms. e expedicións recollidos no contrato concesional.

3. A documentación que se solicite relativa ás ofertas gañadoras dos contratos dentro do actual Plan de Transporte Público, que non fora declarada confidencial

4. Os datos a 31 de decembro de 2024 da frota de buses titulares e reserva de todas concesións de transporte colectivo competencia da Xunta de Galicia, cos datos de calidade medioambiental e antigüidade.

O Grupo Popular critica que os socialistas pretendan que a Xunta faga en materia de vivenda o traballo que lle corresponde ao Estado

A portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Nicole Grueira, criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “os socialistas pretendan que a Xunta faga en materia de vivenda o traballo que lle corresponde ao Estado, seguindo a súa máxima de ti invitas e os demais pagamos”.

“A diferenza entre o modelo de vivenda da Xunta e do Goberno de Pedro Sánchez está clara, porque mentres o Goberno galego triplica os orzamentos en vivenda, o Goberno de Sánchez nin sequera aproba os seus; mentres a Xunta da axudas directas de ata 20.000 euros para que os menores de 36 anos merquen a súa primeira casa, o Goberno de Sánchez protexe aos que lla okupan; mentres a Xunta aproba dúas liñas de avais para facilitar a compra de vivenda, o Goberno de Sánchez nin executa os avais que prometeu; e mentres a Xunta traballa por duplicar o parque público de vivenda, o Goberno de Sánchez non construíu nin unha das miles que prometeu”, indicou Nicole Grueira.

Ademais, criticou que “foi o Goberno de Pedro Sánchez o que recortou á metade os fondos do bono alugueiro que lle correspondían a Galicia, cuestión que se agravou en 2024 porque nin sequera programou o bono ese ano, obrigando á Xunta a poñer 10 millóns de euros de fondos propios para compensar a súa incompetencia”.

Nicole Grueira destacou que “fronte a ese modelo do Goberno de Pedro Sánchez hai unha Xunta que actúa con medidas para axudarlle á xente nova a acceder a unha vivenda digna”, citando en concreto medidas como as bonificacións fiscais, as axudas directas, os aloxamentos compartidos, a reserva do 40 por cento das novas vivendas públicas en alugueiro para menores de 36 anos, os avais que cobren o 20 por cento da hipoteca ou o bono emancípate.

O Grupo Popular afirma que BNG e PSdeG pasarán á historia de Galicia como o Goberno que máis incrementou os concertos sanitarios e máis pacientes derivou da sanidade pública á privada

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “BNG e PSdeG pasarán á historia por dirixir o Goberno de Galicia que máis incrementou o gasto en concertos e que máis pacientes derivaba da sanidade pública á sanidade privada”.

No debate dunha iniciativa sobre a atención sanitaria no Hospital Povisa de Vigo, Encarna Amigo lembrou que “foi o Goberno bipartito de socialistas e nacionalistas os que blindaron este centro sanitario en virtude dun acordo ao que se chegou en 2006, blindando este concerto incluso a través da Lei de Saúde de Galicia do ano 2008”.

“Ademais, no Acordo básico pola saúde da área sanitaria de Vigo, asinado en 2006 entre a Consellería de Sanidade e a dirección de Povisa, no que tamén participaron representantes sindicais da CIG, recóllese o compromiso polo mantemento do emprego do sector sanitario da comarca viguesa tanto no ámbito público como no privado que preste atención concertada, falando tamén da conveniencia de manter e potenciar os instrumentos de concertación e cooperación público-privada”, explicou.

FERRAMENTA LEXÍTIMA

Encarna Amigo afirmou que “os concertos son unha ferramenta lexítima que socialistas e nacionalistas impulsaron, que lles servían e empregaban cando gobernaban pero que agora os critican”.

Deste xeito, manifestou que desde o Partido Popular “seguiremos apostando por todos os recursos que garantan a mellor prestación sanitaria para os galegos” e, no caso concreto de Povisa, subliñou que “o obxectivo esencial e prioritario por parte da consellería é velar por garantir a equidade e a calidade asistencial da súa poboación de referencia e, máis en concreto, a todos aqueles que libremente elixan este centro hospitalario”.

O PPdeG denuncia que as prórrogas á tramitación da transferencia da AP-9 no Congreso alcanzan xa as 40 desde que Pedro Sánchez é presidente

Os deputados do PPdeG no Congreso denuncian a “enésima aldraxe” de Pedro Sánchez a Galicia logo de coñecerse a aprobación da prórroga número 40 ao prazo de presentación de emendas á proposición de lei relativa á transferencia da AP-9 desde a súa chegada á Moncloa.

Unha prórroga que acordou hoxe a Mesa do Congreso dos Deputados, dominada polo PSOE e Sumar, e que supón que, só no que vai de lexislatura, xa se adiase en 25 ocasións a tramitación parlamentaria desta iniciativa emanada da unanimidade do Parlamento de Galicia.

“É indignante este boicot por parte dunha Mesa totalmente servil a Pedro Sánchez e que non permite nin sequera que esta proposición poida pasar a Comisión para debatela e que os grupos poidan facer as súas aportacións”, asegura o deputado galego Celso Delgado, que, xunto a Tristana Moraleja e Pedro Puy, forma parte da ponencia encargada debater a iniciativa.

Os representantes do PPdeG neste órgano denuncian neste sentido que o Goberno de Sánchez está a exercer un “autoritarismo” inadmisible sobre a institución na que reside o poder lexislativo. Ao que habería que engadir o seu “desprezo” cara o Parlamento galego na medida en que é desta cámara da que procede a demanda de transferencia da AP-9.

“Reclamamos unha vez máis que se poña fin a esta lamentable situación e que, dunha vez por todas, se proceda a elaborar un estudo sobre o custo do rescate da AP-9 e a liberación das súas peaxes”, conclúen apelando ao “anhelo” dos galegos de que esta autopista sexa xestionada por e para Galicia.

A INSUFICIENCIA DAS BONIFICACIÓNS ÁS PEAXES DA AP-53

En relación ao anuncio da aprobación no Consello de Ministros de hoxe de bonificacións ás peaxes da AP-53 entre Santiago de Compostela e Dozón, os populares galegos celebran esta “boa nova” pero lamentan que “chega tarde” e que, ademais, é “insuficiente”.

Recorda Celso Delgado que tanto os usuarios desta vía como a Xunta de Galicia e o Parlamento galego levan anos demandando a liberación total da AP-53 das peaxes coas que conta desde a súa posta en marcha. Ou, cando menos, que o Goberno central siga o exemplo do Goberno galego, que habilitou a gratuidade do tramo da súa competencia –entre Lalín e Ourense– a través dunha peaxe na sombra.