O PPdeG destaca que máis de 320 autónomos da provincia de Lugo xa se beneficiaron esta ano das axudas á promoción do emprego

Os deputados do Grupo Popular Raquel Arias e José Manuel Mato destacaron hoxe en Paradela que máis de 320 autónomos da provincia de Lugo xa se beneficiaron este ano das axudas da Xunta á promoción do emprego.

Nunha visita á Lavandería Lavar e Lecer aberta no polígono industrial de Paradela, Raquel Arias e José Manuel Mato indicaron que este establecemento ten solicitado este ano as axudas da Xunta para a promoción do emprego autónomo, co obxectivo de mellorar a atención ao seus clientes, principalmente establecementos turísticos da comarca de Sarria. Estas subvencións da Administración galega xa beneficiaron durante 2024 a sete autónomos deste concello lucense, que se repartiron case 35.000 euros.

A nivel provincial, e tamén durante o pasado ano, estas axudas da Xunta chegaron a 1.949 autónomos, entre os que se repartiron máis de cinco millóns de euros. Polo que respecta ao presente 2025, xa se concederon máis de 300 axudas, por un importe total superior aos seis millóns de euros.

FACER FRONTE AOS PRIMEIROS GASTOS

Os deputados populares lembran que estas axudas están dirixidas a aquelas persoas desempregadas que inicien a súa actividade empresarial ou profesional como traballadoras autónomas por conta propia, co obxectivo de facer fronte aos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.

En concreto, os interesados poden optar por dos tipos de axuda: unha primeira, para o inicio da actividade económica e o mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e unha segunda opción equivalente a 12 meses da cota reducida á Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais.

As solicitantes deben atoparse en alta no imposto de actividades económicas e ter iniciada a actividade con anterioridade á data de solicitude de subvención, ter domicilio fiscal en Galicia e desenvolver a actividade empresarial ou profesional na Comunidade galega.

O Debate sobre Política Xeral péchase coa aprobación de 53 resolucións, das que 7 saíron adiante co apoio unánime do Parlamento galego

O Pleno do Parlamento de Galicia pecho hoxe o Debate sobre Política Xeral coa aprobación de 53 resolucións, das que sete saíron adiante por unanimidade.

A viceportavoz popular, Paula Prado, asegurou na súa intervención nesta última xornada que “todo se reduciu a dous modelos: a Galicia que goberna con sentidiño, con esixencia, con rigor, con estabilidade e con identidade propia que o noso grupo parlamentario e o Goberno que apoia ofrecemos aos galegos; e a Galicia que bloquea con ruído, con división, con confrontación e con visións cortoplacistas que os partidos da oposición pretenden impoñernos”.

A modo de balance do traballo feito ao longo deste primeiro ano de lexislatura, Paula Prado salientou que “podemos dicir que Galicia goberna, cunha sanidade pública gratuíta, universal e referente en Europa; co sistema educativo máis igualitario de España; con medidas para facer fronte ao reto do acceso á vivenda; con políticas que non deixan a ninguén atrás e coidan de todos os galegos; e consolidando os nosos sectores produtivos nos postos de liderado nacional en termos de produción e exportación”.

MÁIS FALAR COS GALEGOS

Neste sentido, pediu aos grupos da oposición “menos consultar o arquivo histórico do NO-DO e máis falar cos galegos, coas familias dos estudantes que se aforraron cartos coa matrícula universitaria; coas persoas que coidan aos dependentes; cos máis de 5.600 mozos e mozas que se beneficiaron das axudas de acceso á vivenda ou con todos aqueles galegos que viven en vivendas públicas ou reciben o bono alugueiro; ou as persoas enfermas de cancro ás que os cribados do Sergas lles permitiron un diagnóstico precoz da enfermidade, ou que saben que Galicia vai ser a primeira comunidade en contar cun centro público de protonterapia”.

Paula Prado criticou que a oposición “perdera hoxe unha oportunidade de rectificar o seu negacionismo industrial ao votar en contra das resolucións do Grupo Popular para que favorecer políticas dirixidas ao impulso industrial, sempre que cumpran a normativa ambiental vixente, ou que se transfira ás comunidades autónomas a xestión directa dos fondos europeos de recuperación, en particular os relacionados co ámbito industrial”.

“En definitiva, ao longo destes tres días falamos do futuro de Galicia e da Galicia do futuro: de esa terra que hoxe construímos co fin de legarlla ás vindeiras xeracións”, manifestou a viceportavoz popular, quen incidiu que desde o PPdeG “sempre diremos si a esa Galicia en grande da que falaba o Presidente Rueda: con realismo, con optimismo, con confianza e sen medo a demostrar que xuntos temos máis camiños para facelos ben”.

39 DO GRUPO POPULAR, 5 DO GRUPO MIXTO E 9 TRANSACCIONADAS

O Debate sobre Política Xeral pechouse esta mañá coa aprobación de 53 resolucións: 39 das presentadas polo Grupo Popular, 5 do Grupo Mixto, 2 transaccionadas entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista (sobre a posta en marcha dun novo Plan de saúde mental e a redefinición do programa de educación E-Dixgal) e 7 transaccionadas entre o Grupo Popular e o Grupo Mixto (sobre a cesión de vías autonómicas aos concellos; un plan de recuperación de centros históricos e barrios degradados; o establecemento de diálogo da Xunta coas administracións locais e co tecido social para definir investimentos prioritarios; a elaboración dun informe anual sobre a execución dos orzamentos da Xunta por provincias; a mellora de espazos públicos en contornos urbanos degradados; o impulso dos vínculos coa lusofonía a través do recoñecemento do traballo de Isaac Alonso Estraviz; e o impulso de axudas para os agricultores e gandeiros afectados pola declaración de zonas vulnerables e o mantemento dos compromisos na mellora do regadío da Limia).

Ademais, das 53 resolucións aprobadas, sete saíron adiante co apoio unánime dos deputados do Parlamento galego: 5 presentadas polo Grupo Popular (Declaración do Xacobeo 2027 como evento de excepcional interese público, a localización en Ouresne do futuro Centro Nacional de Ciberseguridade, a cesión dos inmobles baleiros propiedade da SAREB, a ampliación do calendario vacinal dos grupos de poboación máis vulnerables e a implantación do Bono Peixe para promover a compra e consumo de peixe e marisco fresco); unha do Grupo Mixto (sobre o reforzo das medidas de seguridade viaria nas contornas escolares) e unha máis logo da transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Mixto (sobre o impulso das axudas destinadas a agricultores e gandeiros afectados pola posible declaración de zonas vulnerables e o mantemento dos compromisos na mellora do regadío da Limia).

O Grupo Popular centra as súas propostas de resolución no autogoberno, a economía, o benestar das persoas, os sectores produtivos e as infraestruturas de comunicación

Autogoberno e economía, benestar das persoas, sectores produtivos e infraestruturas de comunicación son os catro apartados nos que se dividen as 40 propostas de resolución que esta mañá rexistrou o Grupo Popular ao Debate sobre Política Xeral que se está a celebrar no Parlamento de Galicia. A viceportavoz popular, Paula Prado, valorou a xornada celebrada onte, na que, “por unha parte tivemos a Galicia do si, liderada polo Presidente Alfonso Rueda e con propostas pioneiras, que pensa en grande e que ten o benestar dos galegos como principal obxectivo; e, pola outra, a Galicia do non a todo e que celebra que lle vaia mal á nosa terra porque pensan que así lles irá mellor a eles”.

Paula Prado asegurou que o PPdeG “estará sempre no camiño da prosperidade, do futuro e da estabilidade, con medidas como a nova estratexia para o sector aeroespacial, o bono para estimular o consumo de peixe ou a construción de 24 residencias con 1.800 prazas públicas”. “Pero, o mellor de todo é que a acción do Goberno galego non se reduce a este Debate sobre o Estado da Autonomía, senón que se estende os 365 do ano”, indicou.

“Un PPdeG liderado por Alfonso Rueda, que pensa nunha Galicia en grande, afastada da apocalipse, a demagoxia e as mentiras que queren trasladar á sociedade desde outras formacións políticas, que só buscan que a Galicia lle vaia mal, porque pensan que así lles irá mellor a eles”, manifestou.

ENLACE A: PROPOSTAS DE RESOLUCIÓN

ECONOMIA E AUTOGOBERNO

Respecto das 40 propostas de resolución rexistradas polo Grupo Popular, Paula Prado explicou que “se poden dividir en catro grandes grupos”. Un primeiro apartado está centrado na economía e no autogoberno de Galicia, onde se considera fundamental que o Goberno de España cumpra co seu deber constitucional e presente ante as Cortes Xerais un proxecto de Orzamentos Xerais do Estado, que dea estabilidade institucional e posibilidade de afrontar os novos desafíos que ten por diante España.

Relacionado con isto, o Grupo Popular insiste na necesidade de que se convoque urxentemente un Consello de Política Fiscal e Financeira para proceder á reforma do financiamento autonómico e que se transfira ás comunidades autónomas a xestión directa dos fondos europeos de recuperación, en particular os relacionados coa industria. Neste apartado, inclúese a solicitude ao Goberno galego para que siga avanzando en alivios fiscais para os cidadáns, incluíndo nos orzamentos de 2026 novas rebaixas fiscais.

Pasando máis concretamente ás iniciativas relacionadas co autogoberno, o Grupo Popular insiste na transferencia da AP-9 e o rescate da súa concesión; a xestión do ingreso mínimo vital; o traspaso dos servizos de meteoroloxía; e as competencias en materia de permisos de traballo vinculados a permisos de residencia. Relacionado con este último punto, solicítase o desenvolvemento da Estratexia Galicia-Retorna 2023-2026 para promover a chegada de persoas de alta cualificación académica e profesional, ao tempo que se pide ao Goberno de España que axilice o procedemento de homologación de títulos universitarios e a concesión de permisos de residencia e traballo dos cónxuxes e descendentes.

Unha vez se teñan traspasado os medios humanos e materiais relacionados coas competencias sobre o litoral, o Grupo Popular pide que se unifiquen as autorizacións e os permisos nun só procedemento e que se cree unha rede de sendas e unha guía para a integración dos establecementos hostaleiros do litoral.

E, como novidade, se demanda ao Goberno de España que o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil sexa nomeado e separado a proposta da Xunta, do mesmo xeito que acontece na actualidade cos presidentes dos portos de titularidade estatal.

Neste apartado de autogoberno de Galicia, inclúese tamén a solicitude para que o Goberno de España localice en Galicia o futuro Centro Nacional de Ciberseguridade ou que rectifique a redución de efectivos da Unidade de Policía Adscrita, ao tempo que cubre a totalidade das prazas vacantes no Corpo Nacional de Policía e da Garda Civil. Para rematar con este primeiro apartado, avógase porque a Xunta avance no Pacto pola Lingua e a renovación do Plan Xeral de Normalización da lingua galega, se condene os totalitarismos nazi e comunista, en cumprimento da resolución do Parlamento europeo do 19 de setembro de 2019; e se aprobe unha nova Lei de Administración Local de Galicia.

BENESTAR DOS GALEGOS

Un segundo apartado de propostas de resolución ten que ver co benestar dos galegos. Así, en primeiro lugar, e dentro do ámbito da sanidade, se pide a implementación de medidas para loitar contra a falta de profesionais sanitarios, en concreto: que se axilice o proceso de homologación de títulos dos profesionais sanitarios; que se eleve a idade máxima para o exercicio da profesión aos 72 anos; ou que se acelere a implantación da especialidade de urxencias, así como a aprobación dun Plan para a atención do paciente crónico, a promoción dunha alimentación sostible a través da implantación do Bono Peixe; a ampliación do calendario vacinal aos grupos de poboación máis vulnerables e o reforzo da atención á saúde mental, coa posta en marcha dun novo Plan de Saúde mental que inclúa a creación dunha rede de psicoloxía en atención primaria.

Neste segundo apartado de propostas dirixidas ao benestar dos galegos, tamén teñen cabida medidas para a xuventude, para facilitar o seu acceso á vivenda, a incorporación ao mercado laboral ou a mellora da súa formación; para os maiores, coa solicitude dun plan específico que incremente a rede de centros residenciais ou o incremento da achega aos concellos para a prestación do servizo de axuda no fogar; para as mulleres, coa posta en marcha de servizos de información, asesoramento e acompañamento ás mulleres en localidades de ámbito rural e nas universidades galegas; para a correcta atención aos menores non acompañados; para a axuda ás familias nos gastos educativos dos seus fillos; para a creación dunha rede de centros de innovación avanzada en formación profesional; e para o incremento do parque de vivendas, a través da cesión de inmobles baleiros propiedade da SAREB ou con axudas para a rehabilitación de vivendas baleiras.

SECTORES PRODUTIVOS

Un terceiro apartado de propostas de resolución teñen como obxectivo o apoio aos sectores produtivos galegos. Así, demándase continuar favorecendo políticas dirixidas ao impulso industrial en Galicia, sempre que cumpran a normativa ambiental vixente, dotándoos das infraestruturas eléctricas e das axudas necesarias para a súa viabilidade e implantación no territorio. No caso concreto de Alcoa, pídese seguir traballando para asegurar o futuro da factoría de San Cibrao, axilizando a autorización dos parques de enerxía renovable e desenvolvemento as medidas de apoio necesarias para as industrias electrointensivas.

Neste ámbito, considérase fundamental facilitar o abaratamento do solo empresarial; así como aumentar e diversificar a subministración de materias primas fundamentais e das materias primas estratéxicas para reducir a dependencia do exterior.

No que respecta ás enerxías renovables, o Grupo Popular considera necesario que Galicia manteña unha posición de liderado en España e, en concreto, solicítase que o hidroxenoduto A Coruña-Zamora non sufra retraso con respecto aos que tamén foron declarados como proxectos de interese común en 2024.

Tamén se pide apoio ao sector agrario, especialmente ao viño, afectado polos novos aranceis. No ámbito da pesca, demándase que Galicia participe no proceso de toma de decisións a nivel europeo.

Por último, reitérase a solicitude da declaración do Xacobeo como Evento de Excepcional Interese Público, ampliando a solicitude de axuda ao Goberno central para o “Lustro Xacobeo 2027-2032”, e tamén se avoga por un turismo sustentable e rexeitamos totalmente a turismofobia, convencidos de que toda actividade turística debe ser compatible coa vida cotiá dos cidadáns e co respecto á convivencia.

INFRAESTRUTURAS DE COMUNICACIÓN

O último dos apartados das propostas de resolución de resolución do Grupo Popular ten que ver coas infraestruturas de comunicación. En concreto, en materia de estradas, solicítase que se estenda a rede viaria de alta capacidade, se limite a contía das peaxes e que o Goberno central proceda á construción das autovías pendentes, as actuacións nas contornas urbanas ou a prolongación da A-52 en Vigo e Mos, así como o impulso das variantes esquecidas, como a de A Estrada ou Ponteareas.

En materia ferroviaria, se insiste na necesidade de mellora do servizo que se presta en Galicia e a súa conexión co exterior, solucionando as innumerables deficiencias e incidencias que padecen os usuarios, recuperando as frecuencias suprimidas con motivo da pandemia e impulsando infraestruturas pendentes e necesarias, como o AVE Vigo-Porto, as conexións de alta velocidade de Lugo e Ferrol ou o Plan director para a adecuación e mellora do Corredor Atlántico.

 

 

Rueda pon en valor as axudas do Goberno galego fronte aos aranceis e apela á responsabilidade das administracións estatal e europea

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe a nova liña de préstamos flexibles, dotada con 50 millóns de euros, que o Goberno galego puxo en marcha ante a actual situación económica e as incertezas que afectan ao tecido produtivo.

“Queremos evitar calquera prexuízo e mesmo converter este momento nunha oportunidade. E para iso, imos estar ao carón das empresas, acompañándoas, asesorándoas e dándolles as ferramentas que precisan”, explicou durante unha visita á adega Paco & Lola, en Meaño.

Alí estivo xunto ao presidente do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, a responsable de Medio Rural no Goberno galego, María José Gómez, o alcalde Carlos Viéitez e o director da adega, Carlos Carrión, así como outros rexedores e portavoces da comarca, e representantes do sector.

O líder dos populares galegos apelou tamén á responsabilidade das administracións estatal e europea fronte as ameazas arancelarias: “Galicia non pode afrontar soa este reto. Necesitamos unha implicación maior do Goberno central e unha Europa que defenda a quen, como estas familias do Salnés, están facendo un traballo excepcional e non merecen verse prexudicadas por causas alleas”.

Así mesmo, Rueda aproveitou para destacar o papel fundamental do sector vitivinícola galego na visita á adega Paco & Lola, unha das máis representativas da Denominación de Orixe Rías Baixas e integrada por 430 familias viticultoras.

Neste sentido, salientou o traballo e o esforzo do sector, que contribuíu de forma destacada ao récord de exportacións alcanzado por Galicia o pasado ano: “O viño galego non só destaca pola súa calidade e volume de facturación, senón por proxectar unha imaxe excelente da nosa terra no mundo. Esta adega é o reflexo do que Galicia pode ofrecer cando se fan as cousas ben”, sinalou.

O presidente do PPdeG abundou tamén no apoio do Goberno galego ao longo dos últimos anos a proxectos coma o que visitou hoxe: “Ás veces, cun pequeno impulso público, conséguense grandes cousas. Foi un investimento moi ben feito”, afirmou.

Rueda rematou agradecendo a presenza do presidente Alberto Núñez Feijóo, quen coñece de primeira man a realidade do sector e da Comunidade: “A súa presenza aquí non é só un xesto, é unha mostra clara de compromiso coa nosa xente e co futuro do rural galego”.

Alfonso Rueda subliña que a provincia da Coruña tamén se beneficiará das medidas anunciadas no DEA como parte da Galicia Calidade

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, subliñou hoxe que a provincia da Coruña tamén se beneficiará das medidas anunciadas esta semana no Debate do Estado da Autonomía como parte de Galicia Calidade.

Ante os membros da Xunta Directiva Provincial do PP da Coruña celebrada esta tarde e na que tamén participaron o presidente do partido na provincia, Diego Calvo, e o secretario xeral provincial, Evaristo Ben, o líder dos populares galegos asegurou que a folla de ruta presentada esta semana no Parlamento recolle moitas das inquedanzas que os alcaldes e portavoces da provincia trasladaron desde cada un dos seus territorios.

Trátase, dixo, de medidas ambiciosas e realistas, pensadas para mellorar a vida das persoas e para dar resposta ás necesidades reais da sociedade; e con elas demostrarase que o Goberno galego non vai fallar nin a Galicia nin á provincia.

Así mesmo, Rueda valorou que a casa común que é o PP da provincia da Coruña é, sen dúbida, un exemplo do que significa facer política desde a proximidade, coa mirada posta sempre nas persoas, falando de xestión, servizo público, e de resolver os problemas concretos da veciñanza en cada parroquia, barrio e concello.

Por ese motivo, quixo aproveitar para recoñecer o papel fundamental que fan todos os alcaldes, portavoces e representantes nas diferentes cámaras como pezas chave deste engrenaxe, porque sen o seu traballo, sen a súa aposta diaria polo rigor e a estabilidade, o proxecto do PP non sería o que é hoxe.

O PP SUMA AS ALCALDÍAS DE OUTES E CAMBRE

Pola súa banda, Diego Calvo salientou que o PP conta xa con 39 alcaldías na provincia, despois de sumar a de Fran Calo en Outes e a de Diana Piñeiro en Cambre, aos que lles pediu traballo e máis traballo.

Nese sentido, sinalou que os rexedores son os mellores embaixadores populares e, alí onde goberna o PP, hai estabilidade, seriedade e futuro, moi lonxe do que ocorre en lugares como a cidade da Coruña, cunha Inés Rey cada día máis desnortada e enfrontada con todo o mundo, ou en Santiago, que é o caos absoluto.

Calvo engadiu que os portavoces non son menos importantes e animounos a seguir facendo oposición e levantando a voz alí onde as cousas están a facerse mal: “Cada día que pasa é un día menos para que sexades alcaldes”, díxolles.

Por último, a dous anos das eleccións municipais, apuntou que é o momento de empezar a perfilar os equipos: abrindo o partido, chegando á xente, estando na rúa e sumando para gañar e ser aínda máis fortes.

Alberto Pazos salienta que Galicia goza “dun estilo propio que aposta polo rigor e o sentidiño, alonxado de vaivéns, caprichos, liortas e inestabilidade”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, salientou hoxe no Debate de Política Xeral que se celebra no Parlamento galego que hai un ano “Alfonso Rueda prometeu estabilidade e Galicia goza hoxe da estabilidade institucional prometida”, e apuntou que neste tempo “avanzamos no cumprimento do programa electoral que o Partido Popular presentou aos galegos, fomos quen de reclamar un trato xusto para Galicia alí onde se nos estaba negando e aprobamos iniciativas lexislativas de gran calado”. “Un estilo propio, alonxado dos vaivéns, dos caprichos, das liortas e da inestabilidade, que aposta polo rigor e polo sentidiño”, subliñou.

Alberto Pazos comezou a súa intervención salientando que “o Presidente Rueda decidiu solicitar a celebración deste Debate no primeiro instante en que resultaba legalmente posible, apenas transcorrido un ano de goberno, e esta prontitude acredita unha vontade de transparencia e diálogo fóra de toda discusión e digna de todo recoñecemento”.

ORZAMENTOS PRORROGADOS

“O mundo vive momentos convulsos, nun momento de enorme estabilidade internacional, en plena guerra comercial entre bloques e superpotencias e recuperadas as regras fiscais suspendidas primeiro pola pandemia e despois pola invasión de Ucraína”, lembrou o portavoz popular, quen lamentou que neste contexto “o Goberno de Pedro Sánchez acaba de prorrogar os orzamentos do Estado de 2023, que veñen da anterior lexislatura, pero despreza ao Congreso ao furtarlle a celebración dun Debate sobre o Estado da Nación”.

Respecto da industrialización de Galicia, Pazos criticou que “escoitamos á oposición defender a necesidade dunha fábrica de fibras sostibles de orixe vexetal, pero sen aproveitar a masa forestal que serve de materia prima e sen producir a celulosa soluble coa que se fabrican esas fibras sostibles”. Neste sentido, afirmou que “este Goberno vai continuar facendo o que prometeu, con independencia dos cambios de opinión da oposición, dos seus exercicios de hipocrisía e, incluso, da súa capacidade para inventar unha nova linguaxe”.

“Comparar a produción de pasta de papel coa produción de celulosa soluble é simplemente unha burda manipulación: nin son comparables os seus procesos de produción, nin son comparables os consumos de auga, nin son comparables as emisións”, asegurou.

E, dirixíndose aos grupos da oposición, sinalou que “o seu plan industrial é converter a Galicia na terra de Nunca Xamais, e así pódese escribir un conto, pero non o futuro de Galicia”. “Non queremos elixir, queremos industria e queremos agro, queremos minería e queremos gandería, queremos enerxía e queremos pesca, queremos todo porque Galicia o merece todo, menos esa oposición triste, gris e pontoniana que non merece ninguén”, dixo.

REPARTO EQUILIBRADO E CONSENSUADO

Sobre o financiamento autonómico, Alberto Pazos lembrou que “neste Parlamento acordamos que era imprescindible un novo sistema que atendese ao custe real de prestación dos servizos públicos, un sistema que establecese un reparto atendendo á poboación axustada e no que pesase máis o envellecemento e a dispersión, que tanto encarecen os servizos en Galicia”.

“Porén, Pedro Sánchez négase a avanzar nun reparto equilibrado e consensuado dos recursos públicos que corresponden ás comunidades autónomas, pero a cambio accede graciosamente a perdoar unha parte da débeda autonómica a petición dun partido independentista, que non goberna ningunha autonomía pero que si parece gobernar ao Goberno de España”, manifestou o portavoz popular. Ademais, cualificou a proposta feita polo Goberno de Pedro Sánchez de “burda, que a esquerda galega tivo que dar o mellor de si para tentar xustificar este novo e inxustificable abuso, que basicamente consiste en que aqueles que temos menos débeda fagamos un esforzo extra para pagar os pufos daqueles que máis se endebedaron”.

O portavoz popular afirmou que para a oposición “os servizos públicos non son máis que unha oportunidade para a demagoxia”, a pesar de que “Galicia experimentou nos últimos anos un incremento sen precedentes”. En concreto, destacou que “o noso sistema educativo é hoxe envexado, tanto pola súa equidade como pola súa calidade”. “Somos a primeira comunidade autónoma que garantiu que calquera neno ou nena galego poida completar a súa vida educativa, desde a escola infantil ata rematar a súa formación universitaria ou profesional, de maneira gratuíta, ao tempo que a redución do fracaso escolar acadou os mellores datos da súa historia”.

A GALICIA QUE DEMANDAN OS GALEGOS

No ámbito das políticas sociais, subliñou que “multiplicamos por cinco o número de dependentes atendidos, triplicamos as prazas de residencia, multiplicamos por seis as prazas de centros de día e por oito os usuarios do servizo de axuda no fogar, adiantando máis dun ano o acordo de mellora do financiamento deste servizo”. Así mesmo, engadiu que “no último ano reducimos sete puntos a taxa Arope, situándonos como a cuarta comunidade autónoma con menor risco de exclusión social e que Galicia teña hoxe a taxa de pobreza máis baixa da súa historia”.

Alberto Pazos destacou que “hoxe dedicamos a sanidade 1.740 millóns de euros máis que os que se dedicaban durante o goberno do Bipartito, traballan 7.000 profesionais máis que daquela e dedicamos un 39 por cento do orzamento, fronte ao 34 por cento que dedicaban nacionalistas e socialistas cando gobernaban”. “Os programas de cribados de cancro, os cribados neonatais, o calendario vacinal ou a extensión de mamógrafos a todas as áreas sanitarias supuxeron avances sen precedentes na prevención”, indicou o portavoz popular, quen criticou á oposición porque “seguen contabilizando camas cando hoxe a cirurxía ambulatoria é unha realidade completamente estendida ou cando operacións que antes implicaban estancias hospitalarias de semanas agora obteñen altas en 48 horas”.

Por último, Pazos avogou por “seguir traballando ata acadar as 4.000 vivendas publicas prometidas; avanzar nunha igualdade real, completa e definitiva entre homes e mulleres; na desaparición da fenda entre o rural e o urbano; ou no desenvolvemento do noso autogoberno”. “En definitiva, comprometéndonos coa Galicia que demandan os galegos, os mesmos que co seu voto decidiron manter alonxada esta terra dos extremismos”, rematou.

O Parlamento galego demanda reforzar a loita contra as enfermidades fúnxicas do pinus radiata

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non delei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a reforzar a loita integrada contra as enfermidades fúnxicas en Pinus radiata, mediante accións de tratamento fitosanitario, medidas silvícolas e apoio á investigación forestal; mellorar os medios do Servizo de Saúde e Vitalidade do Monte, dotándoo de recursos humanos especializados en sanidade forestal; e potenciar a colaboración entre a administración, o sector forestal e os centros de investigación para o desenvolvemento de estratexias eficaces de xestión e prevención destas enfermidades.

O deputado popular Ángel Rodríguez manifestou que as enfermidades fúnxicas que afectan ás masas de pinus radiata “están a provocar unha redución significativa da produtividade forestal, afectando tanto á viabilidade económica das plantacións como á subministración de materia prima para a industria da madeira”. En concreto, apuntou que as curtas de radiata en Galicia poden xerar máis de 65 millóns de euros anuais aos propietarios forestais, representando unha parte significativa dos aproveitamentos forestais e sendo fundamental para a industria madeireira.

Ángel Rodríguez lembrou que o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán está a desenvolver un programa de investigación centrado na loita contra as enfermidades fúnxicas que afectan ao pinus radiata, ao que acompaña un protocolo estandarizado para identificar árbores desta especie con resistencia natural ás bandas vermella e marrón.

“Precisamos dunha implicación activa dos propietarios e da industria, porque os fondos públicos están aí pero tamén se require un cambio cultural: entender que a saúde dos montes é un deber común que nos afecta a todos”, sinalou o deputado popular, porque “a protección da sanidade forestal é clave para garantir a sustentabilidade e a rendibilidade do sector madeireiro galego”.

Celso Delgado denuncia o “boicot inxustificable” do Goberno de Pedro Sánchez á transferencia da AP-9: “É un agravio infame a Galicia”

O deputado do PP por Ourense e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado, denunciou hoxe “o persistente e inxustificable boicot” do Goberno de Pedro Sánchez ás iniciativas aprobadas por unanimidade polo Parlamento de Galicia.

Delgado amosou a súa indignación tras coñecerse que a Mesa do Congreso, controlada por PSOE e Sumar, vén de aprobar a vixésimo novena prórroga desta Lexislatura —a 44 desde que Pedro Sánchez é presidente— da tramitación da proposición de Lei Orgánica para a transferencia da titularidade e das competencias da AP-9 a Galicia.

“O Congreso dos Deputados está totalmente dominado polo Executivo de Pedro Sánchez, que nin convoca un Debate sobre o Estado da Nación, nin presenta os Orzamentos Xerais do Estado, e tampouco permite tramitar iniciativas democráticas que veñen dun Parlamento tan relevante como o galego e que contan co respaldo unánime das forzas políticas”, sinalou o deputado ourensán.

Delgado lembrou que esta proposición foi admitida a trámite pola vía de urxencia, pero “segue encadeando prórrogas que impiden o seu paso á Comisión de Transportes, onde debería ser obxecto de debate e acordo, que é o que nós realmente perseguimos”.

“Insisto —afirmou—, rexeitamos con rotundidade este boicot, denunciamos que é absolutamente inxustificable e seguiremos traballando sen descanso ata que remate este agravio infame e aldraxe á nosa terra, Galicia.”

O Grupo Popular afirma que na nova convocatoria de axudas para mellora e incorporación á actividade agrogandeira darase prioridade ás persoas mozas

A portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Nicole Grueira, afirmou hoxe no Parlamento de Galicia que a nova convocatoria de axudas da Xunta para plans de mellora e incorporación á actividade agrogandeira darase prioridade ás persoas mozas que soliciten a incorporación ou que, tendo a axuda xa aprobada, non dispoñan por agora do plan de mellora, para que desta forma poidan levar adiante o seu proxecto.

Nicole Grueira asegurou que os plans de mellora e as axudas de incorporación á actividade agrogandeira son “dúas ferramentas clave que reflexan o compromiso do Goberno galego con este sector, xa que, por unha banda, garanten que as granxas dispoñan dos recursos necesarios para modernizar ou ampliar as súas infraestruturas e, por outro lado, ábrelle as portas ás novas xeracións de agricultores e gandeiros que apostan polo sector e, consecuentemente, polo futuro do rural galego”.

Respecto das convocatorias do ano 2024, a portavoz popular salientou que se aprobaron a totalidade das solicitudes admisibles, cun incremento notable tanto do número de solicitudes como da axuda media aprobada por solicitude, que aproximouse aos 80.000 euros.

“O obxectivo é axudar ao sector agrogandeiro galego e garantir o seu futuro, para o que a Xunta está a actuar con responsabilidade, compromiso e visión a curto e longo prazo”, indicou Nicole Grueira.

O Parlamento de Galicia demanda axudas para o fomento de exposicións e concursos de gando

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non foi apoiada por BNG nin PSdeG, a través da que se insta á Xunta a promocionar a gandaría galega a través do fomento de exposicións e concursos de gando coa habilitación dunha liña de axudas para a súa materialización.

O portavoz popular do Medio Rural, Miguel Viso, avogou por “fortalecer a visibilidade e o orgullo do noso rural, e para iso as exposicións e concursos de gando son ferramentas tan valiosas como calquera tecnoloxía punteira”. “Estes eventos permiten non só mostrar a calidade das nosas razas, senón tamén mellorar a rendibilidade das explotacións, modernizar o sector en ámbitos como a xenética ou a sanidade, e formar ás novas xeracións de gandeiros e gandeiras”, indicou.

ESPAZOS DE ENCONTRO, FORMACIÓN E DIVULGACIÓN

“Estes eventos non son só un escaparate, senón espazos de encontro, de formación, de divulgación e de relevo xeracional”, manifestou Miguel Viso, quen engadiu que “son ocasións para compartir coñecemento, para aprender boas prácticas, para poñer en valor a excelencia do noso gando autóctono, para establecer contactos comerciais e, sobre todo, para dignificar o traballo do gandeiro”.

Nos dous últimos anos, a Xunta financiou a celebración de 13 certames en 9 concellos galegos, para os que destinou preto de 80.000 euros. A convocatoria para o presente ano 2025 conta cunha partida de 150.000 euros para apoiar a estes eventos en réxime de concorrencia non competitiva. Por primeira vez, estas axudas están abertas tamén ás asociacións e entidades sen ánimo de lucro, alén dos concellos, para ampliar a rede de certames en todo o territorio galego, así como a asociacións de criadores e a certames cabalares.