O Grupo Popular cualifica de “burla e tomadura de pelo” que o BNG defenda hoxe no Pleno do Parlamento o sector mineiro de Galicia

O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, cualificou de “burla e tomadura de pelo que o BNG veña hoxe a defender no Pleno do Parlamento de Galicia o desenvolvemento do sector industrial e mineiro de Galicia, cando son vostedes e as súas organizacións satélites os máximos opositores a todos e cada un dos proxectos presentes, pasados e futuros neste sector no noso territorio”.

“Veñen hoxe aquí nun exercicio de postureo impropio dun grupo que pide respecto a este Parlamento”, criticou Rubén Lorenzo, quen demandou ao BNG que “fale claro aos galegos e galegas e dígalles que non queren absolutamente ningún proxecto mineiro en Galicia”.

En concreto, o portavoz popular lembrou que “están en contra dos proxectos mineiros de Touro, de San Fins, de Corcoesto, de Doade ou de Penouta, entre outros moitos”, pero apuntou que “afortunadamente temos en Galicia un sector mineiro dunha longa tradición, e que é estratéxico, xa que proporciona materias primas a moitos dos sectores considerados fundamentais para a economía galega, ademais de crear case 4.000 postos de traballo directos e mellorar a produción ano a ano”.

MEDIOAMBIENTALISMO RADICAL OU APROVEITAMENTO SOSTIBLE

“Estamos ante un debate que debe ir máis alá da planificación ou dun censo mineiro, porque estamos ante un debate entre o medioambientalismo radical, que busca o inmobilismo, ou a aposta dun goberno responsable por un aproveitamento dos recursos dun xeito sostible respectuoso cos territorios que obrigue aos promotores a deixar un retorno para quen vivimos neles”, manifestou.

Rubén Lorenzo asegurou que “no Partido Popular cremos firmemente que temos unha oportunidade de aproveitar os avances tecnolóxicos e esixir aos promotores o uso destas tecnoloxías limpas acompañadas de plans de restauración ambiciosos”, polo que avogou por “atopar un equilibrio entre a oportunidade e a precaución, para o que temos un marco normativo máis estrito que o que aplica o Goberno central, que debe velar por ese desenvolvemento sostible que todos desexamos”.

O Grupo Popular afirma que o descenso de 12.000 a 1.300 enfermos de Covid persistente entre 2022 e 2024 permitiu integrar a súa atención sanitaria nos servizos hospitalarios e en atención primaria

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, explicou hoxe que as unidades post-Covid pasaron de atender máis de 12.000 persoas en 2022 a pouco máis de 1.300 en 2024, “o que permitiu a reorganización dos recursos sanitarios e integrar a atención dos pacientes con Covid persistente nos servizos hospitalarios e en atención primaria”. Deste xeito, garantiu que “a atención sanitaria a todos estes pacientes está plenamente garantida no sistema público de saúde de Galicia”, polo que pediu a BNG e PSdeG que “non sementen dúbidas nin alarmas inxustificadas, cuestionando a profesionalidade dos equipos sanitarios que agora atenden a estas persoas”.

Encarna Amigo indicou que “o que se fixo cos pacientes con Covid persistente foi unha reorganización asistencial baseada en criterios clínicos, de demanda e na que continúan participando os mellores equipos profesionais que xa viñan atendendo a estas persoas”.

MESMO COMPROMISO E CALIDADE ASISTENCIAL

“O descenso de pacientes entre os anos 2022 e 2024, pasando de 12.104 a 1.302, foi o que permitiu reorganizar os recursos sanitarios e integrar a atención a todos estes pacientes con Covid persistente nos servizos hospitalarios e en atención primaria, gozando da mesma profesionalidade, do mesmo compromiso e da mesma calidade asistencial que no pico da pandemia”.

A portavoz popular afirmou que “Galicia non só garante asistencia aos enfermos, senón que está na vangarda da investigación en Covid persistente” e lembrou que o Hospital Lucus Augusti lidera un proxecto punteiro, financiado con 150.000 euros, centrado na definición probabilista desta enfermidade. “Isto é compromiso coa saúde baseada na evidencia e unha mostra máis de que aquí non se improvisa, senón que se planifica con criterios científicos”, incidiu.

“En Galicia aténdese aos enfermos diagnosticados de Covid persistente e ofréceselles unha resposta médica adaptada ás súas necesidades, con profesionais de medicina perfectamente formados e que incorporan os avances científicos acaídos”, rematou Encarna Amigo.

O Grupo Popular salienta que a Estratexia galega no aeroespazo, a seguridade e a defensa da Xunta mobilizará ata 2030 arredor de 900 millóns de euros

O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Estratexia galega no aeroespazo, a seguridade e a defensa aprobada pola Xunta “mobilizará ata o ano 2030 arredor de 900 millóns de euros e permitirá a creación ou transformación substancial dun cento de empresas en Galicia”.

“Estamos a falar dunha estratexia que permitirá aproveitar unha extraordinaria oportunidade para xerar nova actividade económica e tamén xerar emprego de calidade, así como a transformación dun sector como o aeroespacial que a Xunta vén impulsando desde o 2015”, subliñou. En concreto, esta estratexia apoiarase no desenvolvemento de cinco grandes obxectivos, tres grandes programas de investimento e 21 actuacións específicas.

APOIO DECIDIDO, ESTABLE E A LONGO PRAZO

Rubén Lorenzo manifestou que “a Xunta da un paso adiante e compromete un apoio decidido, estable e a longo prazo para que o tecido produtivo desta industria, e doutros sectores que estean interesados en ampliar ou reorientar a súa actividade, poidan desenvolver tecnoloxía, fabricar e comercializar produtos e servizos de alto valor en Galicia”.

“Todo isto farase a través dun diálogo estratéxico coa industria do aeroespazo, da seguridade e da defensa que o Goberno galego abrirá nos vindeiros meses para coñecer as súas necesidades e os seus plans de investimento a curto, medio e longo prazo, e que será o punto de partida da execución da nova iniciativa”, indicou.

Por outra banda, o portavoz popular criticou “o trilerismo e a mentira dos socialistas galegos ao afirmar na súa iniciativa que Airbus se vai do polo aeronáutico de Rozas”. “Airbus segue a ser un socio estratéxico deste polo aeronáutico lucense, plenamente operativo e plenamente comprometido”, asegurou Rubén Lorenzo.

“Se alguén está escatimando o posible en investimento en defensa é o Goberno socialista de Pedro Sánchez, porque xa explicarán como se avanza en industria de defensa se o propio país non compromete investimentos que axuden a fixar en Galicia os proxectos industriais en materia de defensa”, manifestou o portavoz popular, quen lembrou que “son vostedes cativos dos que non queren nin oír falar de investir nin un euro en defensa, porque dependen deles para seguir ocupando o Goberno de España”.

O PPdeG critica a contradición e incoherencia do PSdeG ao pedir en Galicia consensuar unha estratexia contra a política arancelaria de EE.UU. ao tempo que boicotean en Madrid calquera acordo

A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, criticou hoxe no Pleno do Parlamento galego a “pura contradición e incoherencia dos socialistas galegos porque, mentres en Galicia piden consensuar unha estratexia ante a nova política arancelaria de Estados Unidos, en Madrid, onde teñen responsabilidade de goberno, boicotean calquera acordo e non aceptan ningunha das propostas formuladas polo Partido Popular”. “Ante esta ameaza externa, a Xunta reaccionou con axilidade e acerto, poñendo instrumentos ao servizo das nosas empresas e ao sector produtivo galego”, indicou.

Cristina Sanz lamentou que aos socialistas “non lles interesa cambiar de socios e nin tan sequera nestas cuestións tan importantes son capaces de subscribir unha alianza co principal partido de España para protexer aos nosos sectores exportadores”.

Neste sentido, explicou que, desde o punto de vista económico, “o independentismo, aquí en Galicia representado polo BNG, está moito máis próximo das ideas proteccionistas de Trump que o Partido Popular, porque nós defendemos con convencemento o libre mercado convencidos de que os países non se enriquecen pechando fronteiras, senón abríndoas e xerando oportunidades de negocio”.

REPRESENTA SÓ O 2,58% DAS EXPORTACIÓNS

“A imposición unilateral de barreiras comerciais que defende Trump no só encarece os produtos, senón que tamén fragmenta as cadeas de valor e xera incerteza nos mercados financeiros”, indicou a viceportavoz popular, quen avanzou que “probablemente o impacto das medidas anunciadas por Trump en Galicia non sexa moi elevado ao representar tan só o 2,58 por cento das nosas exportacións, e iso que Estados Unidos tense convertido nun destino estratéxico para sectores de alto valor engadido como o agroalimentario, o vitivinícola, o cárnico, o metalúrxico ou o automobilístico”.

Cristina Sanz lembrou que “mentres Galicia amosou axilidade, capacidade de reacción e interlocución neste novo escenario, o Goberno de España non está a ter o mesmo dinamismo”. Deste xeito, considerou “sorprendente que os socialistas galegos propoñan a implantación dun plan específico para Galicia, porque iso demostra que ignoran as accións xa en marcha na Comunidade galega, que abarcan precisamente o que solicitan agora e incluso van máis alá”.

TRABALLAR DE XEITO COORDINADO

Neste sentido, manifestou que “consideramos fundamental traballar de xeito coordinado co Goberno central e a Unión Europea para defender os intereses das empresas galegas, á espera de coñecer como queda o escenario arancelario”. “Aínda así, o Goberno galego xa puxo en marcha, con carácter inmediato e anticipándose aos efectos da nova política arancelaria dos Estados Unidos, un conxunto integral de medidas deseñadas especificamente para apoiar aos sectores produtivos galegos”, sinalou.

En concreto, a viceportavoz popular referiuse ao Servizo de consultoría especializada en internacionalización, que axudará ás empresas a redeseñar a súa estratexia exterior e explorar mercados menos expostos ou emerxentes; ou as liñas Galicia Exporta Empresas, Galicia Exporta Organismos Intermedios ou o programa Foexga, centradas en reforzar a presenza internacional das pequenas e medianas empresas galegas.

O Grupo Popular afirma que Galicia conta cunha estratexia educativa coherente e planificada, cun impacto directo no benestar do alumnado, na estabilidade do profesorado e no equilibrio territorial

A portavoz de Educación do Grupo Popular, Cecilia Vázquez, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que Galicia conta “cunha estratexia educativa coherente, planificada e avalada polos feitos, cun impacto directo no benestar do alumnado, na estabilidade do profesorado e no equilibrio territorial”.

Cecilia Vázquez lembrou que a Comunidade galega ten unha das mellores ratios de alumno por docente de toda España (9,8 sobre unha media estatal de 11,4) e inviste 1.000 euros máis por alumno que a media española.

Neste sentido, lembrou que “este ano comezamos a desenvolver o acordo de mellora do sistema educativo de Galicia, que contén 17 puntos clave entre os que destacan a redución progresiva das ratios por aula, pasando de 25 a 20 alumnos; a ponderación do alumnado con necesidades educativas especiais, o que permite asignar máis recursos humanos e materiais; a mellora dos agrupamentos no rural, reducindo de 18 a 14 o número máximo de alumnos por aula en educación infantil con cursos combinados; ou evitando o peche de 200 aulas, que en tres anos chegarán a 900”.

FORMAR, NON ADOUTRINAR

“A educación está para formar, non para adoutrinar”, aseverou a portavoz popular, quen apuntou que “os centros educativos son espazos para o coñecemento, a igualdade de oportunidades e o pensamento crítico, no para introducir discursos partidistas ou intereses políticos”.

Deste xeito, cuestionou a BNG e PSdeG “por que lles molesta tanto que se garanta a neutralidade ideolóxica no ensino? ou forma parte do seu plan de mellora educativa utilizar as aulas como plataforma política?”, porque insistiu que “os nenos e nenas van ao colexio a aprender, no para ser orientados ideoloxicamente, polo que calquera intento de usar o sistema educativo como ferramenta de propaganda debería ser rexeitado por calquera forza que diga defender un ensino público e plural”.

Cecilia Vázquez rematou a súa intervención asegurando que “un dos principios que guía o modelo educativo galego é garantir as mesmas oportunidades para todo o alumnado, viva onde viva” e explicou que “o 40 por cento dos centros están en zonas rurais e para eles a Xunta destina un 28 por cento máis de investimento que nas zonas urbanas”.

O Grupo Popular destaca o esforzo, profesionalidade e a capacidade da investigación mariña que se realiza en Galicia para recuperar a plena capacidade produtiva das rías galegas

O portavoz do Mar do Grupo Popular, Miguel Fidalgo, defendeu hoxe no Pleno do Parlamento galego “o esforzo, a profesionalidade e a capacidade da investigación mariña que se realiza en Galicia co obxectivo claro de recuperar, canto antes, a plena capacidade produtiva das nosas rías”. Neste sentido, criticou ao BNG por “desprestixiar aos investigadores, biólogos, químicos e técnicos que traballan arreo para garantir que os nosos peixes e mariscos sigan sendo os mellores do mundo”.

Miguel Fidalgo puxo de manifesto que “os que son capaces de afirmar que non hai datos, que se ocultan estudos ou que non se fai nada con eles, son os mesmos que recoñecen na súa iniciativa que a Xunta leva máis de 30 anos tomando datos ambientais da franxa costeira; que a ría de Arousa é, con diferenza, unha das máis estudadas do mundo; que Galicia conta cun Observatorio costeiro plenamente operativo desde hai máis de 15 anos; ou que existe unha rede de estacións oceanográficas que miden, de forma continua, variables como a temperatura, a salinidade, o pH ou a turbidez da auga”.

POTENTE ESTRUTURA

Máis en concreto, o portavoz popular subliñou que Galicia conta “cunha potente estrutura de centros de referencia, como o Intecmar, o Cetmar, o CIMA, o Igafa, o CESGA, Meteogalicia ou o Observatorio Costeiro e as asistencias técnicas ás confrarías”. Así mesmo, dixo que se investiron 24 millóns de euros no reforzo do labor dos preto de 350 profesionais que se dedican á investigación mariña en Galicia, ao tempo que se conta con máis de 250 membros da comunidade científica e máis de 4.100 profesionais involucradas nun plan de traballo específico en 11 áreas estratéxicas. “Sen esquecer o Plan de competitividade e sostibilidade do marisqueo 2024-2025, que mobilizou xa máis de 70 millóns de euros en liñas de axuda deseñadas en colaboración co propio sector, atendendo as súas necesidades reais”, dixo.

“Galicia é unha potencia en Europa porque somos a rexión pesqueira que conta cos centros de investigación máis importantes do continente; porque levamos máis de 30 anos estudando o noso mar, porque vivimos del e porque entendemos que sen coñecemento non hai sustentabilidade nin futuro; e porque temos as mellores augas do planeta, que temos a responsabilidade de coidalas e melloralas, e iso só e posible desde a colaboración, a investigación e a planificación”, afirmou.

O Grupo Popular cualifica de “paradoxo que a mesma organización política que máis bloquea a implantación de industria en Galicia, pretenda ilustrarnos sobre como evitar a deslocalización”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, cualificou de “paradoxo que a organización política que máis se ten esforzado por bloquear a implantación da industria en Galicia, hoxe pretenda ilustrarnos sobre como evitar a deslocalización da mesma industria que bloquea”, no debate esta mañá no Pleno do Parlamento galego da proposición de Lei do BNG para a consolidación, afianzamento e radicación empresarial en Galicia. “O primeiro paso para evitar a deslocalización de empresas, que non está contido nesta proposta nacionalista, é permitir que estas se instalen en Galicia sen atravesar un calvario de bulos e manipulacións”, indicou.

Alberto Pazos asegurou que, “fronte ao pomposo título da proposición de lei do BNG, non contempla nin unha soa medida para a consolidación, afianzamento ou radicación de empresas en Galicia, nin propón unha soa media para evitar a deslocalización empresarial”.

ESTRATEXIA CLARA EN MARCHA

“O Goberno galego xa ten impulsado un amplo abano de medidas enfocadas a favorecer a implantación de iniciativas empresariais e industriais en Galicia, a través dunha estratexia de política industrial baseada na planificación e alonxada do populismo, do alarmismo e da xenofobia empresarial”, afirmou o portavoz popular. En concreto, explicou que esta estratexia “está sustentada en principios claros, como a estabilidade económica e política, garantías de seguridade xurídica e respecto á liberdade de empresa e establecemento”.

Porén, lamentou que “a alternativa xa é coñecida: ruído, algarada, mobilización social, descualificación ao traballos dos técnicos, un compendio de hipocrisía e arbitrariedade no que un mesmo grupo político pode afirmar unha cousa e a súa contraria sen inmutarse”. “Un día aplaude o respaldo dos técnicos a un proxecto industrial e outro descualifica o respaldo deses mesmos técnicos a outro proxecto; un día négase apoio a un proxecto que non pecha o ciclo produtivo e ao seguinte se veta outro que si o pecha; ou aplauden a unha industria por instalarse nun concello ao mesmo tempo que tentan expulsala doutro concello”, indicou.

“É unha mostra máis da constante contradición na que vive a esquerda galega: ecoloxistas que vetan permanentemente calquera proxecto de enerxía verde, garantes do emprego industrial que vetan calquera iniciativa industrial en Galicia e, agora, combatentes da deslocalización empresarial que vetan a chegada de calquera proxecto á nosa terra”, manifestou o portavoz popular, quen rematou sinalando que “Galicia merece unha política industrial coherente, sostible e que redunde en beneficios para o conxunto dos galegos, e se o BNG quere contribuír a esta aspiración compartida pola inmensa maioría dos galegos bastaría con que deixaran de poñer paos nas rodas”.