O PPdeG salienta que o xacemento romano Aquis Querquennis compre 50 anos do inicio das escavacións convertido nun punto de referencia e atracción de visitantes do turismo cultural galego

Os deputados do Grupo Popular Juan Casares e José Luis Ferro, acompañados da alcaldesa Sandra Quintas, salientaron hoxe que, cando se compren 50 anos do inicio das escavacións arqueolóxicas no xacemento romano de Aquis Querquennis de Bande, este espazo converteuse nun punto de referencia e atracción de visitantes a esta comarca da Baixa Limia ourensá no contexto do turismo cultural galego, sobre todo no ámbito histórico patrimonial.

O xacemento romano de Aquis Querquennis, situado na parroquia dos Baños do concello de Bande, constitúe un dos conxuntos arqueolóxicos máis representativos da romanización do noroeste peninsular, tanto polo seu estado de conservación como pola súa importancia estratéxica na antiga Vía Nova, que unía Bracara Augusta (actual Braga) con Asturica Augusta (Astorga). En concreto, trátase dun antigo campamento militar romano, datado no século I d.C., que inclúe restos do campamento, do mansio, termas e outras estruturas lixeiras vinculadas á presenza militar e ao tránsito imperial.

MEDIA DE 30.000 VISITANTES CADA ANO

Os deputados populares lembraron que as escavacións no xacemento de Aquis Querquennis iniciáronse en 1975 da man do profesor Antonio Rodríguez Colmenero e desde entón este enclave consolidou o seu papel como recurso patrimonial, educativo e turístico, cunha media de 30.000 visitantes cada ano.

“O traballo que se está a desenvolver neste xacemento, así como o interese que suscita entre os seus visitantes, reforza o papel dun concello do interior como é o de Bande no contexto do turismo cultural galego, sobre todo no ámbito histórico patrimonial”, manifestou o deputado popular José Luis Ferro.

Neste sentido, Juan Casares subliñou que “a actividade investigadora e patrimonial que desenvolve o conxunto arqueolóxico de Aquis querquennis supón afondar no coñecemento dun elo máis da cadea histórica que define a Galicia como terra senlleira e ancestral”.

Pola súa banda, a alcaldesa Sandra Quintas afirmou que “o Concello de Bande aposta por aumentar a visibilidade deste xacemento como recurso patrimonial, histórico e turístico, así como por potenciar a oportunidade que abre á cooperación interterritorial con outras localidades unidas pola Vía Nova”.

Así, con motivo da celebración deste 50 aniversario do inicio das escavacións neste xacemento, o Concello ten previsto un programa de actividades para poñer en valor o traballo de investigación e conservación realizado; achegar á cidadanía e visitantes a relevancia histórica do enclave; reforzar a proxección de Aquis Querquennis como recurso patrimonial e turístico de relevancia autonómica; e promover o respecto polo patrimonio cultural como elemento de identidade colectiva.

O PPdeG sitúa a rehabilitación integral do IES Alfredo Brañas de Carballo como unha mostra máis do compromiso da Xunta coa educación pública

O deputado do Grupo Popular e portavoz do PP en Carballo, Rubén Lorenzo, xunto á tamén deputada Ethel Vázquez afirmaron hoxe que a rehabilitación integral do IES Alfredo Brañas de Carballo, que suporá un investimento superior aos 1,7 millóns de euros, “é unha mostra máis do firme compromiso da Xunta coa educación pública”. Estas obras mellorarán as condicións de traballo do profesorado e a calidade do ambiente para estudar do alumnado, convertendo o IES Alfredo Brañas nun espazo máis acolledor, eficiente e cómodo.

Esta actuación, que deu comezo recentemente e teñen un prazo de execución de nove meses, permitirá modernizar estas instalacións educativas mellorando a súa eficiencia enerxética, o confort térmico e acústico, a accesibilidade e a calidade dos espazos.

En concreto, a intervención prevista pola Xunta no IES Alfredo Brañas inclúe a renovación das carpintarías exteriores, a mellora do illamento térmico, a instalación de sistemas de iluminación máis eficientes e a adecuación de espazos interiores e accesos ao edificio, reducindo así o consumo enerxético e contribuíndo á sustentabilidade ambiental.

Rubén Lorenzo e Ethel Vázquez explicaron que esta actuación se enmarca na segunda fase do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta, a través da que se investirán 200 millóns de euros nos vindeiros catro anos para transformar os centros educativos galegos en espazos modernos e adaptados ás necesidades actuais.

Na primeira fase deste plan, a Xunta investiu case un millón de euros nos centros educativos de Carballo, con obras tan demandadas como o salón de actos deste IES Alfredo Brañas.

O PPdeG salienta en Becerreá a importancia dos traballos de prevención para evitar a orixe e propagación dos incendios forestais

As deputadas do Grupo Popular Encarna Amigo e Katy Varela salientaron hoxe en Becerreá a importancia da realización de traballos de prevención para evitar a orixe e propagación dos incendios forestais nos montes galegos. Neste sentido, fixeron un chamamento á colaboración cidadá para a prevención e loita contra os incendios forestais avisando directamente ao teléfono 085, aínda que tamén se pode chamar ao 900815085 para facer denuncias anónimnas de actividades incendiarias.

Nun encontro celebrado con persoal das brigadas de bombeiros forestais do Distrito VII, no que comprobaron os traballos de creación de cortalumes feitos entre os montes de Cereixal e Furco no concello de Becerreá, Encarna Amigo e Katy Varela puxeron en valor o “traballo silencioso, pero fundamental, que este persoal leva a cabo na prevención dos incendios forestais, unha mostra do seu empeño e paixón polo coidado do monte”.

Segundo se recolle no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA), o plan de prevención afonda nos traballos de creación de áreas cortalumes e faixas auxiliares de pistas, na mellora das pistas forestais, nos tratamentos silvícolas preventivos e nas queimas prescritas. Ademais, lévase a cabo a revisión e o mantemento dos máis de 5.000 puntos de auga repartidos por todo o territorio galego.

As deputadas populares explicaron que “o principal obxectivo deste plan de prevención é evitar, primeiro, que o lume se produza e, no caso de producirse, minimizar os danos causados pola súa propagación”. Deste xeito, descataron o traballo de prevención realizado polas brigadas forestais para xestionar a biomasa en zonas estratéxicas mediante técnicas silvícolas adecuadas, co fin de reducir a perigosidade e o risco de incendio forestal, ao tempo que se adecúa unha rede de infraestruturas preventivas para acceder nas mellores condicións e no prazo máis corto de tempo aos lumes forestais.