O Parlamento avanza na modificación do proxecto de Lei de saúde de Galicia, unha norma que reforza a protección do persoal sanitario fronte ás agresións

A Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia aprobou hoxe o proxecto de lei de modificación da Lei de saúde de Galicia, pola que se establecen medidas de prevención e protección integral contra a violencia no ámbito sanitario da nosa Comunidade.

A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, incidiu no carácter preventivo desta norma, e aproveitou para lembrar ás máis de 850 agresión sufridas polos profesionais do Sergas, en 2024: “A violencia non pode formar parte do traballo sanitario como un risco asumido”.

Así, a norma prevé a posibilidade de cambiar a persoa infractora de profesional sanitario ou de centro, e tamén de garantir a mobilidade laboral da vítima. Inclúe, tamén, a violencia dixital, ademais da física e verbal, como conduta reprochable; e sancións por agresións aos técnicos de emerxencias sanitarias e do 061.

Entre outras medidas, contempla a creación do Plan de prevención contra a violencia e o Rexistro galego de actos de violencia externa no ámbito sanitario.

UNHA LEI DE CONSENSO

A lei contou co voto a favor do Grupo Popular e do Grupo Socialista e coa abstención do BNG e do Grupo Mixto. Para a súa aprobación final, só resta o seu debate no Pleno do Parlamento.

Neste senso, a voceira popular puxo en valor o traballo realizado durante a tramitación parlamentaria, que permitiu mellorar o texto inicial a través do diálogo entre grupos. Neste sentido indicou que foron aceptadas 8 das 11 emendas presentadas polo Grupo Socialista.

Pola contra e tal e como lamentou a voceira popular, só se incorporou unha emenda do BNG, xa que “non foi posible alcanzar acordos de transacción”. “Ou as aceptabamos na súa literalidade –engadiu- ou non había acordo”.

Neste senso, Encarna Amigo afirmou que os independentistas confunden diálogo con imposición e volveu incidir no obxectivo da norma: un marco legal de protección efectiva para “quen cada día coida da nosa saúde”.

“Esta non é unha lei ideolóxica. É unha lei para protexer aos profesionais sanitarios” afirmou, destacando que “quen coida merece ser coidado. E quen salva vidas non pode traballar con medo”.