O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, saca músculo da “xestión e estabilidade” que ofrece o Partido Popular, que define como “a única alternativa” posible de goberno, poñendo o foco nas eleccións municipais de 2027. Así, na Xunta Directiva Provincial do PP da Coruña, resaltou a importancia de gañar máis concellos e obter máis alcaldías, demostrando o proxecto dos populares a nivel local.
Así o manifestou Rueda durante a reunión -que encabezou xunto ao presidente do partido na provincia, Diego Calvo, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado–,onde aproveitou para poñer en valor a vitoria de Alfonso Mañueco nas eleccións autonómicas celebradas onte en Castela e León, onde o PP foi o partido máis votado, o que máis creceu e que ademais aumentou a súa distancia co PSOE.
O líder dos populares galegos lembrou á militancia da Coruña que España está inmersa neste ciclo electoral autonómico no que os españois están a darlle a maioría ao PP, con comicios en Estremadura, Aragón, onte mesmo Castela e León e proximamente Andalucía. Por este motivo, puxo o foco no futuro, co ciclo electoral das municipais, advertindo que en Galicia se parte dunha maioría absoluta que “hai que seguir gañándose día a día”.
EDUCACIÓN GRATIS, ESFORZO EN VIVENDA E SANIDADE PIONEIRA
O presidente do PPdeG animou aos populares a esforzarse sobre o terreo e a poñer en valor a xestión de “sentidiño e eficacia” levada a cabo en Galicia. Desta forma, destacou proxectos do Goberno galego como a educación gratuíta desde a gardería á universidade, o esforzo histórico en vivenda para chegar ás 10.000 vivendas públicas en 2030 ou a sanidade pioneira con proxectos como un centro de protonterapia.
Rueda contrapuxo todas estas iniciativas populares coa xestión de Sánchez e os seus socios independentistas, que conforman “un Goberno en barrena”, facendo referencia aos casos de corrupción e ás “cortinas de fume” como a plataforma de HODIO, a regularización de inmigrantes ou o bono transporte.
Foi crítico co papel de “recadeiro” de Sánchez do PSdeG e co nacionalismo “parapetado” tras pancartas para obstaculizar avances en Galicia, mentres que o PPdeG si defende a Galicia en Madrid e Bruxelas.
DIEGO CALVO: “O OBXECTIVO É GAÑAR CON CLARIDADE”
Do mesmo xeito, Diego Calvo fixo referencia á importancia do ciclo político actual, poñendo en valor a organización e o traballo dos populares de cara ás próximas eleccións municipais, que augurou que “gañaremos con claridade” na provincia de A Coruña.
Puxo en valor o reforzo de equipos e estruturas, así como a importancia de escoitar á xente, “estando presentes en cada municipio”, co obxectivo de “afrontar con garantías ese reto electoral”.
Remarcou o papel dos congresos locais que se están celebrando por toda a provincia, como os de Culleredo e Mazaricos, felicitando aos presidentes locais destes municipios pola responsabilidade asumida para liderar o proxecto dos populares. “Sabemos que non é unha tarefa sinxela, pero tamén sabemos que cando o Partido Popular ten bos equipos nos municipios, os resultados chegan”, manifestou.
Tamén anunciou a próxima celebración dun congreso en Padrón e o reforzo de equipos en toda a provincia.
