Rueda destaca a importancia de “gañar máis concellos e alcaldías” na Coruña nas próximas eleccións municipais, co PP como “única alternativa” e garantía de “xestión e estabilidade”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, saca músculo da “xestión e estabilidade” que ofrece o Partido Popular, que define como “a única alternativa” posible de goberno, poñendo o foco nas eleccións municipais de 2027. Así, na Xunta Directiva Provincial do PP da Coruña, resaltou a importancia de gañar máis concellos e obter máis alcaldías, demostrando o proxecto dos populares a nivel local.

Así o manifestou Rueda durante a reunión -que encabezou xunto ao presidente do partido na provincia, Diego Calvo, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado–,onde aproveitou para poñer en valor a vitoria de Alfonso Mañueco nas eleccións autonómicas celebradas onte en Castela e León, onde o PP foi o partido máis votado, o que máis creceu e que ademais aumentou a súa distancia co PSOE.

O líder dos populares galegos lembrou á militancia da Coruña que España está inmersa neste ciclo electoral autonómico no que os españois están a darlle a maioría ao PP, con comicios en Estremadura, Aragón, onte mesmo Castela e León e proximamente Andalucía. Por este motivo, puxo o foco no futuro, co ciclo electoral das municipais, advertindo que en Galicia se parte dunha maioría absoluta que “hai que seguir gañándose día a día”.

EDUCACIÓN GRATIS, ESFORZO EN VIVENDA E SANIDADE PIONEIRA

O presidente do PPdeG animou aos populares a esforzarse sobre o terreo e a poñer en valor a xestión de “sentidiño e eficacia” levada a cabo en Galicia. Desta forma, destacou proxectos do Goberno galego como a educación gratuíta desde a gardería á universidade, o esforzo histórico en vivenda para chegar ás 10.000 vivendas públicas en 2030 ou a sanidade pioneira con proxectos como un centro de protonterapia.

Rueda contrapuxo todas estas iniciativas populares coa xestión de Sánchez e os seus socios independentistas, que conforman “un Goberno en barrena”, facendo referencia aos casos de corrupción e ás “cortinas de fume” como a plataforma de HODIO, a regularización de inmigrantes ou o bono transporte.

Foi crítico co papel de “recadeiro” de Sánchez do PSdeG e co nacionalismo “parapetado” tras pancartas para obstaculizar avances en Galicia, mentres que o PPdeG si defende a Galicia en Madrid e Bruxelas.

DIEGO CALVO:  “O OBXECTIVO É GAÑAR CON CLARIDADE”

Do mesmo xeito, Diego Calvo fixo referencia á importancia do ciclo político actual, poñendo en valor a organización e o traballo dos populares de cara ás próximas eleccións municipais, que augurou que “gañaremos con claridade” na provincia de A Coruña.

Puxo en valor o reforzo de equipos e estruturas, así como a importancia de escoitar á xente, “estando presentes en cada municipio”, co obxectivo de “afrontar con garantías ese reto electoral”.

Remarcou o papel dos congresos locais que se están celebrando por toda a provincia, como os de Culleredo e Mazaricos, felicitando aos presidentes locais destes municipios pola responsabilidade asumida para liderar o proxecto dos populares. “Sabemos que non é unha tarefa sinxela, pero tamén sabemos que cando o Partido Popular ten bos equipos nos municipios, os resultados chegan”, manifestou.

Tamén anunciou a próxima celebración dun congreso en Padrón e o reforzo de equipos en toda a provincia.

O PPdeG pon Lalín como referente de desenvolvemento económico e industrial para todos os concellos de Galicia

O PPdeG puxo en valor, hoxe, o desenvolvemento económico e industrial da comarca do Deza, especialmente, de Lalín. “É referente para todos os concellos en todos os ámbitos do rural galego”, dixo Alberto Pazos.

Neste punto, o Portavoz do Grupo Popular no Parlamento incidiu no pulo do Goberno galego ao proxecto de ampliación da cuarta fase do Parque Empresarial de Lalín 2000. Na actualidade, este polígono, que conta con preto de 540.000 metros cadrados, xa non ten solo dispoñible para o asentamento de máis empresas, así é que, tal e como informou, con esta ampliación se incrementará a súa superficie en preto dun 60%.

Tal e como indicou Pazos, trátase dun proxecto estratéxico para o Deza, que contribuirá ao seu desenvolvemento económico, facilitando o asentamento de novas iniciativas empresariais e permitindo, no caso de que o precisaren, a ampliación das xa existentes. Deste xeito, este polígono afianzarase aínda máis como un polo de dinamización económica e industrial, no que, a día de hoxe, conta con preto de 100 empresas e máis de 1.200 traballadores.

Os parlamentarios populares elixiron Lalín para celebrar a reunión semanal de grupo, continuando, así, coa rolda de visitas que realizan polo territorio.

LALÍN, LECCIÓN DE XESTIÓN E BO FACER
Acompañado do alcalde, José Crespo, o portavoz popular salientou a “lección de xestión e bo facer” deste concello, grazas a que hai planificación e moito traballo: “José Crespo é un referente para este partido, e para calquera outro, que queira apostar polo futuro do rural en Galicia”. “Conseguiuse –engadiu- que non apareza nas noticias pola perda de peso, senón por todo o contrario, porque aquí hai proxecto”.