O Parlamento pide ao Goberno que axilice a publicación do Plan Estatal de Vivenda para garantir a continuidade das convocatorias en marcha

O Parlamento aprobou, hoxe, reclamar ao Goberno central a publicación inmediata do Plan Estatal de Vivenda 2026-2030, xa que, tal e como advertiu o portavoz de Vivenda e Urbanismo do Grupo Popular, Moisés Rodríguez, o atraso está a xerar unha situación de incerteza que pode comprometer a continuidade das convocatorias xa en marcha polo Executivo galego.

Durante a súa intervención na Comisión 2ª, o parlamentario popular recordou que o plan caducou en 2025 e que, a día de hoxe, a Administración central aínda non informou de ningunha data: “Non hai plan nin calendario nin comunicación algunha”. Para Moisés Rodríguez, 2026 leva camiño de ser un ano perdido a efectos da aplicación do plan de vivenda. E é que, tal e como apuntou, no escenario máis optimista, as Comunidades non poderán convocar ata o último semestre do ano axudas do bono alugueiro mocidade, para a adquisición de vivendas por menores de 36 anos, para a promoción de vivenda protexida por promotores privados, para a rehabilitación ou a eficiencia enerxética.

PROPAGANDA, CERO FEITOS
“Propaganda, cero feitos”, dixo Moisés Rodríguez, quen informou de que “este atraso implica que Galicia non poida mobilizar este ano 80M€. Así, salientou a “situación preocupante”, ao indicar que se iniciou un novo período de programación, sen que se dispoña dun marco estatal claro, consensuado e operativo.

Tras recordar que a lei do Goberno central nacera coa promesa de conter os prezos, garantir o acceso á vivenda, ampliar o parque de alugueiro e protexer aos inquilinos; sinalou que a realidade é ben distinta: prezos máis caros, menor oferta e unha fonda inseguridade para propietarios e inquilinos.

Para rematar, o deputado popular contrapuxo a parálise do Executivo de Pedro Sánchez co Goberno galego, o cal, antes de que remate este primeiro trimestre, terá activadas todas as axudas financiadas con fondos da Comunidade.

Miguel Viso: “O Parlamento galego dá un paso firme en defensa do sector primario cun plan extraordinario fronte á escalada de custos”

O portavoz de Medio Rural, Miguel Viso, destacou hoxe a aprobación en Comisión dunha proposición non de lei impulsada polo PPdeG para reclamar ao Goberno de España un plan extraordinario e urxente de apoio ao sector primario, co obxectivo de facer fronte ao forte incremento dos custos enerxéticos e de produción.

“Hoxe falamos do que sostén Galicia: un sector que non se detén, que garante alimento nas nosas mesas, vida nos nosos pobos e actividade económica no territorio”, afirmou Viso, quen puxo o foco na situación límite que atravesan miles de familias do rural galego. O portavoz popular advertiu de que o incremento dos custos derivados da escalada do conflito internacional en Oriente Medio está a ter unha “repercusión profunda e crecente” no sector agrario, afectando directamente á rendibilidade das explotacións e á seguridade alimentaria. Neste sentido, lembrou que o encarecemento do gasóleo agrícola rolda o 35%, mentres que os fertilizantes superan o 25% de subida, chegando a urea a incrementarse ata un 30%.

“Non son cifras abstractas, son custos reais que agricultores e gandeiros están asumindo cada día, sen capacidade de repercutilos no prezo final”, subliñou, incidindo en que o sector primario “é o elo máis feble da cadea” e traballa con marxes cada vez máis reducidas.
Ante esta situación, a iniciativa aprobada recolle a necesidade de que o Goberno de España active un plan extraordinario que inclúa axudas directas para compensar o incremento do gasóleo agrario, bonificacións fiscais, apoio específico para o encarecemento dos fertilizantes e liñas de financiamento preferente con avais públicos para garantir liquidez ás explotacións.

Ademais, deféndense medidas fiscais de carácter xeral como a rebaixa do IVE da enerxía ao 10%, a supresión do imposto de xeración eléctrica e a redución do IVE dos produtos esenciais, incluíndo carne, peixe, conservas e produtos lácteos.

Viso salientou, tamén, a importancia de reforzar o sistema de seguros agrarios, mellorar os mecanismos de control para evitar prácticas especulativas e impulsar accións que poñan en valor a calidade dos produtos galegos, ao tempo que se garante a produción de proximidade e se reduce a dependencia de terceiros países. Así mesmo, a proposta inclúe unha autoemenda para garantir que as medidas fiscais adoptadas polo Estado non repercutan negativamente no financiamento das comunidades autónomas. “Apoiar ao sector primario non pode facerse a costa dos servizos públicos esenciais”, advertiu.

No ámbito autonómico, o Parlamento de Galicia insta tamén á Xunta a complementar estas actuacións con apoios específicos dentro das súas competencias para asegurar a viabilidade das explotacións agrarias e gandeiras galegas.

“O que está en xogo non é só unha actividade económica, senón o equilibrio territorial, a fixación de poboación no rural e o futuro de Galicia”, concluíu Miguel Viso, quen apelou á responsabilidade de todas as forzas políticas para dar unha resposta “urxente, proporcionada e á altura das circunstancias”.
ADAPTAR A NORMATIVA DA PAC Á REALIDADE GALEGA
O Parlamento de Galicia aprobou tamén unha iniciativa do PPdeG para instar á Xunta a trasladar ao Goberno de España a necesidade de modificar a normativa da PAC co fin de adaptala á realidade do campo galego. En concreto, reclámase recuperar a posibilidade de empregar o Rexistro de parcelas non declarables como alternativa á obriga de achegar o NIF nas parcelas de máis dunha hectárea.

Segundo explicou o portavoz de Medio Rural, Miguel Viso, esta medida permitiría reducir a carga administrativa que soportan agricultores e gandeiros, especialmente nun contexto de minifundio e elevada dispersión parcelaria, “onde cumprir con determinados requisitos pode resultar inviable”.

Ademais, a iniciativa aprobada aposta por implementar estratexias contra o fraude “máis realistas e eficaces”, baseadas en instrumentos útiles para evitar usos indebidos das parcelas, sen introducir trabas que dificulten a actividade diaria do sector primario.

Alberto Pazos: “Fronte a un PPdeG que ten propostas, está ‘o modelo do non’ do BNG e o ‘non modelo’ do PSdeG”

“Fronte a un partido que ten propostas e fronte a un goberno que goberna, está o ‘modelo do non’ do BNG e o ‘non modelo’ do PSdeG”, dixo, esta mañá, o portavoz do Grupo Parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, tras coñecerse o rexistro da solicitude da comparecencia do Presidente da Xunta no Debate de Política Xeral.

Neste senso, apuntou que este debate, que coincidirá coa metade da lexislatura, servirá para que o Goberno galego faga balance e fixe obxectivos para o curto e o medio prazo, así como tamén “poderá abordar os principais fitos da Galicia que funciona”. E avanzou que o PPdeG formulará propostas para consolidar aínda máis a senda da estabilidade de Galicia e para incidir na mellora da calidade de vida dos galegos, principalmente, para quen viu agravada a súa situación nos últimos tempos, como consecuencia dos conflitos bélicos e polas políticas de asfixia do Executivo de Pedro Sánchez.

“O BNG volverá ser o do ‘non polo non’ a todo, o da política do slogan e o da política da pancarta”, remarcou Pazos, para quen os independentistas viven afastados da realidade de Galicia e desconectado dos problemas reais e do día a día dos galegos. Así mesmo, fixo fincapé na perda de relevancia do PSdeG na Cámara galega, derivada, segundo explicou, polo seguidismo ás políticas do BNG ou por actuar como unha sucursal da Moncloa en Galicia: “A condición do PSdeG é ser o altofalante de Pedro Sánchez en Galicia”. “Se os independentistas –engadiu- son os do modelo do non, os socialistas son os de non hai modelo”.

A GALICIA QUE FUNCIONA
O portavoz popular contrapuxo a normalidade democrática e a estabilidade de Galicia coa España “de bloques e de caos”.

Neste senso, recordou que, nos sete anos que leva de mandato Pedro Sánchez, só se celebrou un único Debate sobre o Estado da Nación. Tras destacar o rigor e a xestión con sentidiño do presidente Rueda, incidiu en que Pedro Sánchez goberna sen marxe de manobra, atado ás directrices que lle marcan os seus socios do independentismo catalán e vasco. “Pedro Sánchez só está centrado na matemática electoral para poder seguir manténdose no Goberno”, subliñou.

Asemade, puxo en valor as políticas en materia de vivenda, o investimento histórico en gasto social, a gratuidade tanto en escolas infantís como nas matrículas universitarias, o apoio aos sectores produtivos, o impulso ao Xacobeo e as medidas de rebaixas fiscais. Para Alberto Pazos, Galicia preséntase como “unha solución” e non como un problema para o conxunto dos cidadáns.

O PP esixe ao Goberno de Sánchez dende o Parlamento de Galicia a mellora integral da N-120 ao seu paso pola provincia de Lugo e a construción dos terceiros carrís prometidos

O Partido Popular esixe ao Goberno de Sánchez a mellora integral da N-120 “non parches” para garantir a seguridade viaria nesta estrada de titularidade nacional ao seu paso pola provincia de Lugo que, na actualidade, o seu estado “provoca múltiples rebentóns nos vehículos polas fochancas que seguen a aparecer, especialmente, entre Monforte e Sober”.

O Parlamento de Galicia aproba, na Comisión de Infraestruturas, sen ningún voto en contra a iniciativa do Grupo Popular a instancia das deputadas Katy Varela e Raquel Arias que inclúe tamén a construción dos terceiros carrís prometidos polo Goberno de Sánchez.

A portavoz municipal de Monforte e deputada autonómica Katy Varela lembrou que “non é a primeira vez que falamos da N-120 nesta lexislatura”, unha estrada fundamental para a vertebración das provincias de Lugo e Ourense na zona da Ribeira Sacra. Así lamentou que “xusto agora que agardamos a súa declaración como Patrimonio da Humanidade, as súas comunicacións están no peor estado posible”.

Varela apuntou que “nesta mesma Cámara se aprobou por unanimidade fai case un ano unha iniciativa que instaba ao Goberno central a que levar a cabo unha mellora integral da N-120 entre Valdeorras e Ourense, destinando a tal fin, os fondos precisos e incorporando terceiros carrís de adiantamento”. Pero “ata o de agora fixo entre pouco e nada: un mísero intento por facer pequenas e tímidas reparacións no termo municipal de Quiroga.

“Seguimos agardando a súa rehabilitación integral para garantir un correcto estado que asegure aos seus usuarios un mínimo de seguridade viaria”, engade. A deputada popular porque considera insuficiente o orzamento anunciado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para a rehabilitación de case 1000 km en vías de Ourense e Lugo e incide en que “xa había problemas antes dos temporais deste inverno. Non é nada novo”, subliñou.

Varela engadiu que “tamén é esencial que se materialice o proxecto que dote de carrís adicionais á N-120 entre os puntos quilométricos 548,8 e 564,0” e, con respecto ao seu atraso, considera que “pon de manifesto a inacción do Goberno socialista” e as súas “promesas incumpridas” toda vez o proxecto de trazado foi aprobado en xaneiro do 2023, pero “as previsións non son optimistas”.

“Nada se sabe do proxecto construtivo e da licitación das obras, a pesar de que nesta mesma sala, en abril do ano 2025, se instara por todos os grupos ao Goberno central a dotar á N-120 de terceiros carrís dende Ourense ata Nogueira”, engadiu.

“DESIDIA” SOCIALISTA COA A-76
“A estrada N-120 carece de calquera alternativa de alta capacidade no tramo que vai desde a cidade de Ourense ata o límite coa provincia de León”, apuntou Varela. “A falta de avances na autovía A-76, por mor da desidia do Executivo central socialista, obriga a miles de ourensáns e lucenses a transitar diariamente por un firme cheo de fochancas”, subliñou.

O PPdeG consegue que a Comisión Europea estude a protección do silicio metálico e o silicio cálcico, “estratéxicos” para a industria galega

O eurodeputado do PPdeG Adrián Vázquez celebra a “disposición de colaborar” da Comisión Europea coa súa petición de protexer o silicio metálico e o silicio cálcico, materiais estratéxicos para as industrias siderúrxicas galegas e europeas, fronte ao crecemento das importacións doutros países (especialmente China). Con todo, Vázquez lamenta a “ambigüidade” da resposta do organismo, xa que non recoñece as consecuencias que sofre o sector.

Adrián Vázquez preguntou hai unhas semanas á Comisión Europea pola posibilidade de incluír estes dous compostos estratéxicos para Galicia nas medidas de salvagarda sobre ferroaleacións, que a Comisión Europea aprobou recentemente co obxectivo de protexer a industria siderúrxica da Unión Europea fronte o aumento das importacións. Trátase de materiais implicados na fabricación de aceiro e cruciais en industrias como a construción, a automotriz, a aeroespacial ou a militar.

Neste contexto, a Comisión Europea argumenta que estes dous compostos non se incluíran porque “naquel momento non cumprían os criterios de inclusión”, referíndose a que nin se observara un aumento das importacións de silicio nin se producía silicio cálcico na Unión Europea. Así, pese a confirmar que colaborarán coa industria para a súa defensa comercial, sinalan que o instrumento de salvagarda non prevé a modificación do ámbito de aplicación das medidas en vigor.

MEDIDAS CONTEMPLADAS

Sobre as opcións contempladas para axudar á industria, sinalan que os instrumentos poderán aplicarse nos casos nos que un aumento das importacións causen un prexuízo aos produtores da Unión Europea. No caso do instrumento antidumping ou antisubvencións, sería necesario demostrar tamén a existencia dese dumping ou da subvención.

En canto ao seguimento das importacións que tamén demandaba o PPdeG, a Comisión europea apunta que non dispón de información sobre o prexuízo causado aos produtores da Unión Europea, remitindo ás industrias afectadas para coñecer estes datos.

UNHA INDUSTRIA QUE EMPREGA A 1.800 PERSOAS

A Comisión Europea deu un paso importante para protexer a industria das ferroaleacións da Unión Europea —que emprega a unhas 1.800 persoas na UE— mediante a imposición de medidas de salvagarda definitivas a estas importacións. Esta decisión, tomada o pasado mes de novembro de 2025, puxo fin a un procedemento e investigación xudicial de 11 meses de duración.

As medidas definitivas impostas consisten en continxentes arancelarios específicos por país por tipo de ferroaleación, o que limita o volume de importacións para entrar na UE libres de dereitos. Estas medidas estarán en vigor durante un período de tres anos, que expirará o 17 de novembro de 2028.