O PPdeG urxe ao Goberno provincial a rematar coas “escusas” e que poña en marcha a residencia de Becerreá para dar servizo a 140 familias

O portavoz do Grupo Popular no Parlamento, Alberto Pazos, urxiu, hoxe, á Deputación de Lugo a abrir a residencia de maiores e centro de día de Becerreá, tras coñecerse unha “sentenza demoledora” do TSXG que obriga ao Goberno provincial á súa posta en funcionamento.

Pazos referiuse ás 140 persoas que levan agardando para poder acceder a unha das prazas, tanto de residencia como de centro de día, e que, “inexplicablemente, levan máis de catro anos pechadas”. “Por un procedemento –engadiu- inacabable e incomprensible”. Neste punto, instou ao Goberno provincial a que “tome unha decisión o máis axiña posible”: “Remataron as escusas, xa non hai ningunha xustificación para que esta situación se prolongue máis no tempo”.

Acompañado do voceiro do PPdeG local, José Fernández, e do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, e tras manter unha xuntanza con representantes veciñais, puxo en valor todo o traballo realizado pola veciñanza e os representantes municipais, os que levan tempo manifestándose a prol de que a apertura das instalacións sexa unha realidade e que, tal e como salientou Pazos, “agora xa está referendada en vía xudicial”.

UN MODELO PÚBLICO DE XESTIÓN
Asemade, o portavoz parlamentario insistiu en que o modelo de xestión da residencia de maiores e centro de día de Becerreá ten que ser público, tal e como estaba comprometido nun inicio. Así, afeou o cambio de postura, o que cualificou de “incomprensible”, tras o investimento realizado e que “pagaron todos os lucenses”.

E criticou a dobre vara de medir e a “hipocrisía política permanente” de PSdeG e BNG, que, “en determinados foros piden que os servizos se presten de maneira directa, a través dun modelo público, pero que, en canto teñen a capacidade de decidir como se prestan, apostan polo contrario”.

Para Pazos, o modelo que ten que comprometer a todas as administracións é o da Xunta de Galicia: o de apostar por un sistema público de prestación de servizos. E remarcou o remate, neste primeiro semestre, da primeira fase do Plan de residencias e centros de día, que permitirá a apertura de 24; as 20.000 persoas beneficiarias do Servizo de Axuda no Fogar e os 10.000 galegos máis que, tal e como anunciou o presidente Rueda no pasado Debate de política xeral, recibirán o Bono Coidado nesta lexislatura.