O PPdeG avoga por un “modelo en rede” que garanta a competitividade dos aeroportos galegos, fronte á propaganda do BNG e o desleixo do PSdeG

“Necesitamos conexións aéreas estables, estratéxicas e coordinadas; non que a señora Pontón veña a facer propaganda cos aeroportos nin que o señor Besteiro se poña de perfil”, dixo hoxe a secretaria xeral do PPdeG e viceportavoz do Grupo Parlamentario Popular, Paula Prado. Neste punto, defendeu un “modelo en rede” que garanta a competitividade dos aeroportos galegos.

Para a deputada popular, a iniciativa do BNG na que reclama a transferencia a Galicia das competencias en materia de aeroportos, é un intento de lavado de cara e de botar balóns fóra, xa que, tal e como sinalou, nos asuntos clave para o futuro económico e social de Galicia, os independentistas sempre “pulsan o botón do non”. “Aquí, moi bravos, pero, en Madrid, moi mansos”, engadiu.

Neste senso, salientou a falta de análise e rigor e afondou nas consecuencias que tería para a nosa Comunidade: desconectar a Galicia do mapa e a súa perda de competitividade. Por iso, insistiu en que as competencias en materia de aeroportos deben seguir correspondendo ao Goberno central, ao tempo que advertiu de que a xestión por parte das autonomías podería ser inconstitucional, tal e como xa alertou AENA.

Segundo apuntou, “autogoberno non é acumular transferencias ao chou”, senón xestionar aquelas para as que Galicia está máis preparada. “Non falamos de transferencias ao por maior, senón do que podemos facer mellor que o Goberno central”, remarcou. Neste punto, instou aos independentistas a que apoien as transferencias que a nosa Comunidade si pode xestionar de maneira máis áxil e eficiente por proximidade e experiencia; tales como ás do ingreso mínimo vital, a AP-9, aeródromos non comerciais e ás autorizacións de traballo das persoas estranxeiras.

Asemade, fixo referencia ao “agravio comparativo sen precedentes” ao que ten sometido o Goberno central a Galicia con respecto a outras Comunidades: peor conectividade, rutas perdidas e billetes máis caros. E mencionou, asemade, os 3.000M€ da débeda que mantén Pedro Sánchez coa dependencia e que o Goberno central “fannos pagar” por unha das autopistas máis caras de España, mentres as xestionadas polo Executivo galego “son as máis baratas” do país.

DIÁLOGO PARA DEFINIR O FUTURO AÉREO GALEGO
Fixo fincapé, tamén, en que “fronte á nada” que fai o Goberno de Pedro Sánchez en materia de infraestruturas e mobilidade, está o Executivo de Alfonso Rueda que inviste 13M€ ao ano nos tres aeroportos galegos en promoción turística en orixe. E que, como xa anunciou, colaborará, tamén, aportando 100.000€ por cada nova ruta confirmada. Neste punto, avogou polo diálogo entre administracións para que todas se “impliquen para definir o futuro das conexións aéreas en Galicia”.

Sobre a proposta do BNG na que solicita o traspaso de 50 competencias, Paula Prado advertiu de que “non teñen ningún plan, só queren ruído e pancartas, pero ningún ben para Galicia”. Recalcou a hipocrisía dos nacionalistas que reclaman unha policía galega, pero que, pola contra, son incapaces de pedir que se cubras as 163 vacantes na Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA); que piden unha ordenación do litoral e, ao mesmo tempo, son contrarios a instalar ningún proxecto na costa; ou que solicitan unha planificación e xeración enerxética, pero non queren nin enerxía eólica nin solar nin o biogás.

Roberto Rodríguez: “A AP-9 debe ser unha vía de circulación libre de cargas, gratuíta e xestionada desde Galicia”

“A AP-9 debe ser canto antes unha vía de circulación libre de cargas, gratuíta e xestionada desde Galicia”, reclamou o deputado do Grupo Popular, Roberto Rodríguez, cando se cumpre 218 días da prórroga do Executivo de Pedro Sánchez á concesión da autoestrada.

Así, durante a súa intervención no pleno do Parlamento, fixo fincapé no “trato discriminatorio” co que o Goberno do Estado, coa complicidade necesaria de socialistas e nacionalistas galegos, “castiga, unha e outra vez, a Galicia”. E contrapuxo a situación dos usuarios recorrentes da AP-9, que non desfrutan dunha bonificación do 100%, coa dos usuarios que transitan pola AP-1 ou a AP-7, que “pagan cero euros”.

“Galicia ten ben claro cal é a solución: rescate e transferencia”, salientou. Neste senso, a proposición non de lei do Grupo Popular avoga porque se transfiran a titularidade e as competencias e que, ao tempo, se aproveite a oportunidade de, tralo ditame da UE, se rescate. E é que, tal e como sinalou, a prórroga tradúcese en “menos cartos no peto dos galegos e en máis no peto da concesionaria”. Neste senso, informou dun incremento das tarifas do 5% con respecto ao ano pasado.

Así, Roberto Rodríguez volveu incidir no “maltrato” e no “boicot” do Goberno central. Tras recordar, primeiro, as 60 “labazadas” en forma de prórroga á tramitación da lei de transferencia e, máis tarde, recordar a negativa do PSOE ao traspaso; esixiu “un trato xusto” para as galegas e os galegos: “Unha AP-9 100% galega e 100% gratuíta”.

“PECAN CONTRA GALICIA”
Mentres o BNG está “emperrado en ser o nacionalismo que máis barato lle sae a Sánchez e máis caro lle sae aos galegos”, dixo, nin o Goberno galego nin o PPdeG deixarán de reclamar o rescate e transferencia desta infraestrutura esencial para Galicia.

Para o deputado popular, PSdeG e BNG “pecan contra Galicia”, cando por España se liberan de pago máis de 1.000 quilómetros, pero en Galicia se pagan as peaxes máis caras da historia; cando negan o rescate, pese a que hai 1.000M€ para o doutras autoestradas con concesión en vigor; cando, pese ao ditame da UE, permiten que a concesionaria bata récord de beneficios; e cando castigan a Galicia, porque non lles vota. Así, denunciou a hipocrisía dos grupos da oposición, que, aquí, “levantan a man, pero, en Madrid, baixan a cabeza”.

Para rematar, referiuse á chamada de atención da UE ao Goberno central, por non adoptar medidas en defensa dos intereses dos usuarios desta autoestrada, e ao avanzar que se mantén firme na súa intención de chegar ata o TXUE se a Administración central non ofrece unha solución satisfactoria.