O Parlamento aproba instar ao Goberno central a aplicar medidas que reforcen a protección e a viabilidade do sector lácteo

O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, a través dunha iniciativa do Grupo Popular, instar ao Goberno central a que modifique a Lei da cadea alimentaria para garantir a súa eficacia e mellorar, así, o marco estatal e defender a viabilidade do “terceiro sector que máis riqueza xera en Galicia”.

Tal e como explicou o deputado do PPdeG, Miguel Viso, a proposición non de lei urxe á reforma do actual marco do paquete lácteo, co fin de incluír medidas enfocadas a evitar que un produtor teña que aceptar un contrato á baixa para non quedar sen recollida; facilitar unha revisión da venda, se as perdas son continuadas; e a asegurar a continuidade da recollida, mentres se negocian novos contratos. “Porque –salientou- sen estas garantías non hai negociación en igualdade, hai dependencia”.

Tras afondar en como o actual contexto está a producir efectos de desequilibrio no sector, incidiu en que o único con competencias para introducir as modificacións necesarias no marco estatal e garantir unha aplicación efectiva da Lei da cadea alimentaria é o Goberno central. “Cando un contexto cambia, as ferramentas tamén teñen que cambiar para dar unha resposta”, indicou. Así, esixiu ao Executivo de Pedro Sánchez a que defina un sistema claro e estandarizado do cálculo dos custes de produción, a que estableza uns índices públicos que sirvan de referencia real nos contratos, e que incorpore mecanismos de vinculación que eviten que os acordos queden desfasados. “Nun mercado ben regulado, o esforzo ten retorno; nun mercado mal aplicado, o esforzo convértese en perda”, dixo.

Do mesmo xeito subliñou a necesidade de reforzar de maneira inmediata os controis sobre os contratos, intensificar as inspeccións sobre a trazabilidade e a etiquetaxe, promover relacións comerciais equilibradas que garantan rendibilidade en todos os elos da cadea e evitar distorsións, derivadas da entrada de excedentes a prezos baixos.

A COMPETITIVIDADE DUN SECTOR ESTRATÉXICO
Durante a súa intervención, o deputado popular puxo en valor a competitividade da nosa Comunidade no sector lácteo, xa que, con máis do 42% do leite, Galicia é hoxe o principal territorio produtor de España. E é que a nosa Comunidade representa arredor do 1,6% do PIB galego e sustenta preto de 5.000 explotacións activas, o que supón máis do 55% dos gandeiros de todo o territorio nacional. Por iso, explicou que, cando o mercado se altera, “Galicia está ante un impacto que condiciona directamente o seu equilibrio económico e territorial”.

Asemade, Miguel Viso aproveitou para remarcar que a Xunta está a traballar no observatorio de prezos agrarios, o cal permitirá anticipar tendencias, mellorar a transparencia e reforzar a capacidade de resposta do sector. Fronte a isto, criticou a hipocrisía do PSdeG e a propaganda e o relato do BNG, que non se axusta á realidade de Galicia. Neste senso, lamentou o voto en contra do PSdeG á necesidade de modificar a normativa estatal e o paquete lácteo; e recordou que, no Debate de política xeral, os independentistas non apoiaron unha proposta do Grupo Popular para reforzar a protección do sector: “Mentres aquí soben o ton contra a Xunta, en Madrid, aplauden todo”.

O Parlamento aproba por unanimidade a iniciativa do Grupo Popular na que esixe unha AP-9 “100% galega e 100% gratuíta”

“A AP-9 debe ser canto antes unha vía de circulación libre de cargas, gratuíta e xestionada desde Galicia”, reclamou o deputado do Grupo Popular, Roberto Rodríguez, cando se cumpre 218 días da prórroga do Executivo de Pedro Sánchez á concesión da autoestrada.

Así, durante a súa intervención no pleno do Parlamento, fixo fincapé no “trato discriminatorio” co que o Goberno do Estado, coa complicidade necesaria de socialistas e nacionalistas galegos, “castiga, unha e outra vez, a Galicia”. E contrapuxo a situación dos usuarios recorrentes da AP-9, que non desfrutan dunha bonificación do 100%, coa dos usuarios que transitan pola AP-1 ou a AP-7, que “pagan cero euros”.

“Galicia ten ben claro cal é a solución: rescate e transferencia”, salientou. Neste senso, a proposición non de lei do Grupo Popular, que saíu adiante por unanimidade, avoga porque se transfiran a titularidade e as competencias e que, ao tempo, se aproveite a oportunidade de, tralo ditame da UE, se rescate. E é que, tal e como sinalou, a prórroga tradúcese en “menos cartos no peto dos galegos e en máis no peto da concesionaria”. Neste senso, informou dun incremento das tarifas do 5% con respecto ao ano pasado.

Así, Roberto Rodríguez volveu incidir no “maltrato” e no “boicot” do Goberno central. Tras recordar, primeiro, as 60 “labazadas” en forma de prórroga á tramitación da lei de transferencia e, máis tarde, recordar a negativa do PSOE ao traspaso; esixiu “un trato xusto” para as galegas e os galegos: “Unha AP-9 100% galega e 100% gratuíta”.

“PECAN CONTRA GALICIA”
Mentres o BNG está “emperrado en ser o nacionalismo que máis barato lle sae a Sánchez e máis caro lle sae aos galegos”, dixo, nin o Goberno galego nin o PPdeG deixarán de reclamar o rescate e transferencia desta infraestrutura esencial para Galicia.

Para o deputado popular, PSdeG e BNG “pecan contra Galicia”, cando por España se liberan de pago máis de 1.000 quilómetros, pero en Galicia se pagan as peaxes máis caras da historia; cando negan o rescate, pese a que hai 1.000M€ para o doutras autoestradas con concesión en vigor; cando, pese ao ditame da UE, permiten que a concesionaria bata récord de beneficios; e cando castigan a Galicia, porque non lles vota. Así, denunciou a hipocrisía dos grupos da oposición, que, aquí, “levantan a man, pero, en Madrid, baixan a cabeza”.

Para rematar, referiuse á chamada de atención da UE ao Goberno central, por non adoptar medidas en defensa dos intereses dos usuarios desta autoestrada, e ao avanzar que se mantén firme na súa intención de chegar ata o TXUE se a Administración central non ofrece unha solución satisfactoria.