Ruben Lorenzo chama á calma e reivindica un proceso “rigoroso e garantista” na avaliación da planta de biogás da Laracha

O deputado popular Rubén Lorenzo salientou hoxe na Comisión 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento que a preocupación da veciñanza de Soandres e do conxunto do municipio da Laracha “é absolutamente lexítima” e merece “todo o respecto e acompañamento institucional”, ao tempo que puxo en valor o papel do Concello da Laracha, que está a informar e apoiar aos veciños no proceso de presentación de alegación á planta de biogás da Laracha.

Lorenzo lembrou que o proxecto da planta atópase actualmente en fase de información pública, “un proceso aberto, transparente e regulado por lei que garante a participación de toda a cidadanía”. Neste sentido, destacou a elevada participación na recente reunión informativa celebrada no auditorio municipal, que rexistrou unha grande afluencia de veciños interesados en coñecer os detalles da iniciativa.

“O camiño correcto é informar, explicar e escoitar”, subliñou o deputado, quen tamén advertiu de que “hai quen prefire xerar alarma e desinformación en lugar de contribuír a un debate rigoroso”, en referencia a determinadas actitudes observadas durante o encontro.

No tocante ao procedemento administrativo, Lorenzo insistiu en que a Xunta de Galicia “ten a obriga legal de tramitar todos os proxectos que se presentan, o que non implica en ningún caso avalalos”. Así, explicou que a viabilidade da planta dependerá exclusivamente dos informes técnicos independentes elaborados por organismos competentes en materia ambiental, sanitaria, de patrimonio e de xestión de residuos.

“Se o proxecto non cumpre cos requisitos esixidos, non sairá adiante. Así de claro”, afirmou, ao tempo que destacou que Galicia aplica criterios técnicos esixentes, incluíndo as Mellores Técnicas Dispoñibles en materia de olores, para garantir a protección da saúde e do medio ambiente.

O deputado tamén criticou a iniciativa presentada polo PSdeG, asegurando que “recolle como novidades cuestións que xa están plenamente vixentes ou reguladas pola normativa actual”, como a participación pública, a existencia de informes independentes ou a planificación estratéxica.

Especialmente crítico foi coa autoemenda socialista que propón suspender o procedemento de autorización do proxecto. “A Xunta non pode suspender un procedemento administrativo sen causa legal. Facelo sería ilegal e vulneraría dereitos básicos”, advertiu Lorenzo, quen cualificou esta proposta de “incoherente”, ao pedir paralizar o proceso xusto cando está aberta a participación pública.

Finalmente, Rubén Lorenzo anunciou o voto en contra do seu grupo parlamentario á proposta socialista, aclarando que esta posición “non supón en ningún caso desatender a preocupación veciñal nin posicionarse a favor ou en contra do proxecto”, senón rexeitar “unha iniciativa mal formulada e unha autoemenda que carece de encaixe legal”.

“O importante é garantir que as cousas se fagan ben, con rigor, transparencia e todas as garantías. Galicia conta cun dos sistemas de avaliación ambiental máis esixentes, e só sairán adiante aqueles proxectos que cumpran estritamente a legalidade”, concluíu.

Katy Varela defende no Parlamento que a CHMS cumpra coas súas obrigas de mantemento e limpeza dos ríos da súa competencia

A deputada autonómica e portavoz do Partido Popular de Monforte, Katy Varela, defendeu no Parlamento de Galicia unha iniciativa para reclamar á Confederación Hidrográfica Miño-Sil que cumpra coas súas obrigas de mantemento e limpeza dos ríos e regatos da súa competencia.

Katy Varela explica que a proposta xorde despois das intensas borrascas e choivas rexistradas nos últimos meses, que puxeron de manifesto as deficiencias na xestión e conservación das canles fluviais. “Hai danos que son inevitables ante fenómenos meteorolóxicos extremos, pero moitos outros poderían evitarse cun mantemento axeitado por parte das administracións competentes”, defendeu.

A deputada popular denunciou que a falta de limpeza en ríos e regatos provocou situacións de risco e danos materiais en distintos puntos, como ocorreu en Monforte, onde varios barrios sufriron inundacións debido á acumulación de maleza, troncos e obstáculos que impedían o correcto fluxo da auga.

Varela puxo como exemplo o caso da rúa Montepando, onde os veciños tiveron que asumir do seu peto os custos da limpeza ante a inacción tanto do Concello como da CHMS.

A popular subliñou tamén a diferenza de actuación entre a CHMS e Augas de Galicia, destacando que o organismo autonómico conta cunha planificación continua e investimentos estables para o mantemento dos ríos, mentres que a confederación estatal carece de medios permanentes suficientes.

Ademais, Varela insistiu na necesidade de mellorar a coordinación entre administracións onde as competencias hidráulicas están repartidas en varios organismos. “Non se pode permitir que as confederacións actúen como simples sucursais ministeriais e non cumpran coas súas obrigas reais”, afirmou.

A iniciativa defende que á Xunta de Galicia se dirixa á Confederación Hidrográfica Miño-Sil para que leve a cabo unha correcta actuación de mantemento e limpeza dos ríos e regatos da súa competencia, ao tempo que solicita aos concellos que actúen nos tramos que lles corresponden.

O PPdeG contrapón as trabas do Executivo central para facilitar o acceso á vivenda coa “política efectiva de impulso” da Xunta

O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, contrapuxo, hoxe, a falta de compromiso do Executivo de Pedro Sánchez en materia de vivenda coa “política efectiva e de impulso” do Goberno de Alfonso Rueda.

Así, puxo en valor a medida anunciada polo Executivo galego para incrementar o teito máximo de renda ata catro veces o Iprem para facilitar o acceso a unha vivenda que, no caso das familias numerosas, este limiar elévase ata 4,5 veces. Do mesmo xeito, salientou a reserva do 30% das vivendas públicas en venda para as persoas de entre 36 e 45 anos; unha medida, indicou, que pon o foco, especialmente, naquelas nais e pais con nenos pequenos e que gozan de menos dispoñibilidade xeográfica.

Para Pazos, ambas as dúas medidas –aumentar o limiar de ingresos e a porcentaxe de vivenda reservada- van dirixidas, principalmente, á clase media, que, en moitas ocasións, se viu excluída doutras axudas públicas por non cumprir cos requisitos demandados. Neste senso, informou de que o Grupo Popular vén de rexistrar dúas iniciativas –unha pregunta e unha proposición non de lei- para que o Goberno galego dea conta no Parlamento de como se van materializar estas medidas.

Pola contra, referiuse ao Plan estatal de vivenda, do cal dixo que chega tarde, sen consenso nin planificación e que é “claramente insuficiente”. E recordou os efectos da normativa estatal que, segundo incidiu, provocou que, en menos dun ano, desaparecer máis da metade da oferta de inmobles: “A Xunta traballa para paliar esta crise con máis obras en marcha, menos impostos e máis axudas para rehabilitar”.

RESPECTO E EXEMPLARIDADE
Tras lamentar a actitude bronca e de hostilidade que protagonizou a pasada sesión plenaria do Parlamento de Galicia, o portavoz popular instou, hoxe, aos grupos da oposición a baixar o ton dos insultos e subir, pola contra, o dos argumentos e propostas.

“Insultar a memoria dunha persoa, chamar asasino fascista a quen presidiu, durante quince anos, o Goberno de Galicia pola decisión democrática do pobo galego, dista moito do respecto e da exemplaridade”, apuntou, para engadir que a confrontación no debate, si; pero “superar a liña do respecto, con descualificacións e ataques persoais”, non. “Os galegos non nos piden que esteamos de acordo en todo –engadiu-, pero si nos esixen estar á altura das institucións que representamos”.

Así, contrapuxo as formacións que “se alimentan do conflito e do permanente ruído” co PPdeG, que elixe propoñer medidas enfocadas nos problemas de Galicia e dirixidas a mellorar a calidade de vida dos galegos.