Rueda reivindica en Ourense o ADN do “sentidiño” e da “estabilidade” do PPdeG, coa “máquina” de gañar eleccións “sempre engraxada” de cara a municipais e xerais

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindica o ADN do “partido do sentidiño e da estabilidade”, que é “o que máis se parece aos galegos e aos ourensáns”. Así o manifestou durante a Xunta Directiva Provincial do PP de Ourense, no marco da rolda de reunións que se realizaron xa nas provincias de A Coruña, Pontevedra e Lugo, co obxectivo de “ter sempre engraxada a máquina” de gañar eleccións, como volveu definir ao Partido Popular o presidente autonómico.

Precisamente, referiuse ao ciclo electoral “intenso” que se vive en España (Estremadura, Aragón, Castela e León e agora Andalucía no mes de maio) e puxo o foco nas convocatorias que máis afectarán a Galicia: as municipais de 2027 e as xerais, “que serán cando a Sánchez lle conveña”, dixo.

Nun chamamento a intensificar o traballo “nos barrios e nos pobos”, fixo fincapé en que as eleccións “se gañan dende xa”, enxalzando esa labor diaria dende concellos, deputacións, Xunta de Galicia, Congreso ou Senado. Neste sentido, lembrou a tendencia de que o Partido Popular está sendo a opción maioritaria nas eleccións que xa se celebraron, proba de que os populares “escoitan” e “atenden” á cidadanía nas diferentes Cámaras e a veciñanza responde co seu voto nas urnas. Con todo, instou á militancia a “non dar todo por perdido, e menos nada por gañado”. Así o sinalou nunha xunta directiva na que tamén participaron o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.

A GALICIA EN POSITIVO, A GALICIA DA TRANSFORMACIÓN

Nesa receita do éxito do PPdeG nas urnas, Rueda apostou por continuar cos valores de “estabilidade” e “moderación” e puxo como exemplo o Goberno Galego como un goberno “que cumpre”, citando fitos como a educación gratuíta desde a escola infantil ata a universidade; o esforzo histórico en vivenda, co anuncio recente de máis medidas para facilitar o acceso das clases medias;  a sanidade pioneira, co centro de protonterapia e o proxecto de reforma da atención primaria, ou a busca de oportunidades para que Galicia siga medrando, como se fixo a pasada semana cunha viaxe institucional a China.

Sobre esta viaxe de traballo, o líder dos populares galegos afondou en que a visita “exemplifica que Galicia, unha rexión periférica, xa ten a entidade suficiente para ir a China, unha potencia mundial, a presentarse como un territorio atractivo para investir”. Así, remarcou que a transformación da comunidade autónoma nos últimos tempos é algo “a poñer en valor”, xa que a única forma de xerar riqueza, emprego e benestar é atraendo investimentos e industrias á nosa terra”.

En contraposición ao Goberno autonómico da “Galicia en positivo”, citou ao Goberno de Sánchez, que “non ten tempo nin para gobernar, nin para ocuparse dos problemas dos cidadáns, nin dos ourensáns”, cun PSdeG que “só cumpre ditados de Ferraz” e “pouco lle importa Galicia”. Aos socialistas súmase o seu socio do BNG, que “pensa que ser oposición é o mesmo que opoñerse a todo”.

LUIS MENOR ANUNCIA TRES NOVOS CONGRESOS LOCAIS EN XUÑO

Pola súa banda, o presidente do PP da provincia de Ourense, Luis Menor, repasou a actividade desenvolvida polo PPdeOU nestes catro meses de 2026 e que cualificou como “intensísimos”, coa celebración de cinco congresos locais, a creación de tres novas xestoras, incluída a de Novas Xeracións de Verín, e a constitución da primeira agrupación moza na Limia.

Na Xunta Directiva aprobáronse ademais tres novos congresos locais para o mes de xuño -Esgos, Manzaneda e Viana do Bolo-, mantendo así como principal desafío “a consolidación territorial do partido, actualizando e fortalecendo cada agrupación da provincia”.

Tamén se referiu á celebración da II Interparlamentaria ourensá e á creación do grupo Séniors en Acción, integrado por maiores que reivindican a súa capacidade para xogar un papel activo na política, ademais da organización, o próximo 9 de maio, da primeira romaría provincial do PP de Ourense, “coa que queremos transmitir esa imaxe de fortaleza e unión que nos caracteriza”.

Toda esta actividade, subliñou Luis Menor, está encamiñada a manter a maquinaria do partido “a pleno rendemento”, único xeito de mostrar ante a sociedade que “o noso compromiso con Ourense non ten meta”.

Ademais dos obxectivos políticos, como superar as 54 alcaldías actuais, recuperar a maioría absoluta na Deputación e ser decisivos na capital, o presidente provincial defendeu que o PP de Ourense lidera “a bandeira da reivindicación pola nosa implantación no territorio e o coñecemento profundo das necesidades da nosa veciñanza, con presenza constante en cada aldea e cada barrio, grazas a eses 473 concelleiros que temos por toda a provincia, o 55 % de todos os concelleiros”.

O PPdeG no Senado esixe ao Goberno central que actúe “de inmediato” para eximir de cotizacións ás mariscadoras afectadas polos temporais

O Partido Popular logrou aprobar hoxe na Comisión de Pesca do Senado unha iniciativa clave en defensa do sector marisqueiro, que reclama ao Goberno de España a exención temporal das cotizacións á Seguridade Social para os mariscadores e mariscadoras a pé en situación de inactividade forzosa. A iniciativa foi defendida polo senador lucense José Manuel Balseiro, quen denunciou a “inxustiza evidente” que sofren milleiros de traballadores do mar, obrigados a seguir pagando as súas cotas mesmo cando non poden traballar por causas alleas á súa vontade e reclamou ao Goberno de Sánchez que actúe “de inmediato”.

Durante a súa intervención, Balseiro criticou a “inacción” do Goberno de Pedro Sánchez, lembrando que o Goberno galego solicitou formalmente o pasado 13 de marzo a exoneración destas cotizacións sen obter resposta ningunha ata o momento. “Non admite máis atrasos, nin máis escusas, nin máis titulares baleiros. Falamos de xustiza e de dignidade”, subliñou.

“O EXECUTIVO CENTRAL NON ACHEGOU NIN UN SÓ EURO”

O senador popular puxo o foco na gravidade da situación vivida en 2026, con oito borrascas consecutivas que provocaron o peche dos bancos marisqueiros, a suspensión da actividade e a perda total de ingresos para centos de profesionais, na súa maioría mulleres. Fronte a isto, denunciou que o Executivo central “non achegou nin un só euro”, mentres segue esixindo o pago de cotas a quen non pode traballar.

A iniciativa aprobada -cos votos a favor do PP e do PNV, coa abstención do PSOE e a falta de asistencia do BNG- reclama a exención das cotizacións durante os períodos de inactividade derivados de causas de forza maior, que estes períodos computen como cotizados e que se estude a retroactividade da medida, incluíndo a devolución das cotas xa aboadas.

Dende o PP insístese en que se trata dunha medida “xusta, viable e de sentido común”, que xa conta con precedentes noutros sectores, e acúsase ao Goberno de “chegar tarde ou, directamente, non chegar”.

“Hoxe o Senado falou claro. Agora tócalle ao Goberno deixar de estudar e comezar a resolver”, concluíu Balseiro, quen advertiu de que “non se pode seguir castigando a quen sostén o litoral e as economías locais”.

O PPdeG urxe ao Executivo de Pedro Sánchez a sentarse cos sindicatos e chegar a unha solución na reforma do Estatuto Marco de sanidade

O portavoz do Grupo Parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, salientou, hoxe, a urxencia de que o Goberno central se sente cos sindicatos para acabar coas folgas que están a paralizar o Sistema Nacional de Saúde: “É hora de sentarse a solucionar o problema, non de agravalo”.

“Non pode pasar un minuto máis sen que se adopten medidas”, indicou Pazos, quen amosou a súa preocupación por como as mobilizacións están a afectar tanto á organización e planificación das axendas asistenciais como á atención que reciben os pacientes. Neste punto, apuntou aos case 200.000 actos médicos suspendidos. Así, reclamou máis vontade de diálogo do Executivo de Pedro Sánchez por chegar a un acordo na reforma do Estatuto Marco de Sanidade.

Alberto Pazos pediu, tamén, ao Goberno central a que informe do número de vivendas que, nos últimos cinco anos, leva construídas en Galicia. Así, fixo referencia a unha recente entrevista da ministra de Vivenda e Axenda Urbana na que aseguraba a entrega de 100.000 das 180.000 vivendas prometidas por Pedro Sánchez, durante a campaña electoral. Para Pazos, “esta afirmación contrasta coa realidade”, por iso, a proposición non de lei do Grupo Popular fai fincapé en coñecer “onde están esas vivendas e cando se fixo a entrega de chaves”. “Estaría ben –engadiu- que se nos informara se existen de verdade”.

NIN UNHA SOA MEDIDA EFECTIVA DO GOBERNO CENTRAL
Por outra banda, o Grupo Popular preguntará polo acordo acadado entre o Goberno galego e os sindicatos do ensino, no que se inclúen melloras para a etapa secundaria e que poñen o foco nas ratios, na atención á diversidade ou no horario docente. Tal e como sinalou, a previsión é que estas propostas de mellora se comecen a aplicar o próximo curso.

Asemade, preguntará pola negativa da Administración central a financiar a gratuidade da educación entre os 0-3 anos, xa que “ninguén sabe nada” do programa de gratuidade, anunciado para o pasado mes de xaneiro. “Máis e máis promesas incumpridas, máis e máis atrasos, e nin unha soa medida efectiva”, lamentou. E interesarase pola aprobación do novo decreto que institucionaliza o Diálogo Social en Galicia.

Para rematar, informou da comparecencia, a petición propia, da conselleira de Economía e Industria para dar conta das liñas de actuación da política industrial e enerxética de Galicia.

UN ANO DO APAGÓN
“Tal día como hoxe, hai un ano, España enteira fundíase a negro. Unha das doce economías máis grandes do mundo retrocedía, en escasos segundos, á Idade Media”, dixo Alberto Pazos, ao tempo que denunciou que, un ano despois, “ninguén asumira responsabilidade política algunha”.

O PPdeG urxe unha alternativa de mobilidade competitiva para os milleiros de usuarios do servizo ferroviario entre Vigo e Ourense

O PPdeG instou ao Goberno central a que adopte medidas urxentes para minimizar o impacto nos pasaxeiros das obras que se están a levar a cabo no tramo ferroviario entre Redondela e Guillarei. Un tramo que desde o pasado 7 de abril deixou de estar operativo, afectando ás conexións entre Vigo e Guillarei e Guillarei e Ourense.

Os parlamentarios autonómicos, Julio García Comesaña e Moisés Rodríguez, tras salientar os contratempos que están a provocar estes traballos en milleiros de usuarios, incidiron nas importantes carencias de planificación por parte do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, ao non prever ningún tipo de alternativas ferroviarias que permitan manter un servizo axeitado durante o período de obras, que se estima dun ano. Tal e como explicaron, a única opción ofrecida por Adif é o transporte en autobús –que desde Vigo a Guillarei é dunha hora- polo que consideraron urxente unha alternativa de mobilidade competitiva, no que se inclúa frecuencias por tren suficientes.

A conexión ferroviaria entre Vigo e Ourense, a través do tramo Redondela-Guillarei, constitúe unha infraestrutura estratéxica para Galicia, tanto pola súa función na vertebración territorial como pola súa relevancia na conexión internacional con Portugal e no transporte de mercadorías. De aí que reivindicaron a importancia destes traballos de modernización da liña e, tamén, da súa adaptación aos estándares de electrificación e capacidade vinculados ao Corredor Atlántico.

UN CALENDARIO DETALLADO DOS PRAZOS DE EXECUCIÓN
Amosaron a súa preocupación, xa que esta actuación non se limita ao tramo actualmente en execución, senón que existen fases posteriores pendentes entre Guillarei e Ourense, o que podería prolongar no tempo as afeccións ao servizo e consolidar unha situación de deterioro da conexión ferroviaria.

Ante a falta de información, os parlamentarios do PPdeG, reclamaron un calendario detallado, actualizado e transparente das obras na liña Vigo-Ourense, incluíndo as fases previstas entre Guillarei e Ourense, así como tamén os prazos de execución. E pediron que se acelere a redacción e execución dos proxectos pendentes neste tramo, co obxectivo de evitar novas interrupción prolongadas no futuro.

Durante a visita, os parlamentarios autonómicos, que estiveron acompañados do deputado nacional, Celso Delgado, a alcaldesa de Salvaterra, os portavoces de Tui e Salceda de Caselas e de varios representantes municipais de Vigo e O Porriño; informaron de que o Grupo Popular rexistrou unha iniciativa no Parlamento de Galicia que recolle todas estas demandas.

O Parlamento aproba instar ao Goberno a que asuma as súas obrigas e exonere das cotas á Seguridade Social ás profesionais do marisqueo

O Parlamentou aprobou, hoxe, sen votos en contra a iniciativa do Grupo Popular na que se insta ao Executivo de Pedro Sánchez a que asuma as súas obrigas legais e constitucionais coas traballadoras do mar galego e aplique a exención inmediata das cotas á Seguridade Social das profesionais do marisqueo.

Tal e como indicou a deputada do Grupo Parlamentario Popular, Nazareth Cendán, “a competencia é do Goberno central”. Durante a súa intervención na Comisión 8ª, explicou que suspensión da actividade extractiva na que se atopa nestes momentos o sector implica a ausencia de calquera tipo de ingreso para estas profesionais. Unha situación de inactividade forzosa que, pese a non ser imputable a elas, continúa a ser, salvo para as que cobren a prestación por cese de actividade do ISM, motivo de obriga do pago íntegro das cotas mensuais á Seguridade Social.

Para Cendán, isto xera “unha evidente desigualdade”, respecto a outros sectores que contan con mecanismos de protección antes causas de parálise de actividade. Por iso, considera urxente que o Instituto Social da Mariña (ISM) faga efectiva de inmediato este mecanismo. Nesta liña, e ante o anuncio por parte da directora do ISM de incluír unha pre emenda no proxecto de lei de medidas urxentes por danos meteorolóxicos, a parlamentaria do PPdeG reclama coñecer os detalles de dita proposta e se a exención vai ter ou non efectos retroactivos para as mariscadoras. “Vanlle devolver ás mariscadoras as cotas pagadas ata o momento?”, preguntou.

Asemade, a deputada popular afeoulle ao Executivo de Pedro Sánchez que non fora capaz de mobilizar “nin un só euros para as nosas mariscadoras”. Fronte a isto, puxo en valor os 23€ que o Goberno destina ao plan de recuperación.

E rematou lamentando a “pasividade sistemática demostrada e inaceptable do PSOE e BNG, en Madrid”.

APOIO AO SECTOR CONSERVEIRO DO ATÚN
Así mesmo, o Parlamento aprobou por unanimidade reclamar ao Goberno central unha firme defensa do sector conserveiro do atún ante as institución comunitarias, co fin, tal e como salientou Miguel Fidalgo, asegurar a competitividade empresarial e o emprego.

A iniciativa do Grupo popular recolle a preocupación do sector, ante o novo regulamento comunitario –nestes momentos, en elaboración- que establecerá os continxentes arancelarios da Unión Europea para determinados produtos da pesca, para o período 2027-2029, entre os que se atopan os lombos de atún. A normativa actual mantén en 35.000 toneladas ao 0% de arancel, o que demanda o sector, tal e como indicou Miguel Fidalgo, é aumentar ese volume ata as 55.000 toneladas, para o período de referencia, para non enfrontarse de novo a un esgotamento practicamente inmediato do continxente”.

Así, o deputado popular avogou por un axuste lóxico e unha solución “coherente, equilibrada e aplicable”, co obxectivo de que o sistema responda ás necesidades reais do mercado e que garanta unha cadea de produción estable durante todo o ano.

Galicia é a principal comunidade produtora de conservas de atún de España e xera arredor de 11.500 postos de traballo.