Paula Prado sinala como “antidemocrática” a actitude de PSOE e BNG ante a moción de Lugo

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, sinala como “antidemocrática” a actitude tomada polo PSOE e BNG ante a moción de “impulso” do PP de Lugo. “Continúan na escalada de insultos, de odio e manipulación dun proceso democrático”, denuncia tras o acontecido onte na cidade: “Cruzaron unha liña vermella ao tratar de facer todo o posible por boicotear o pleno municipal”, remarcou sobre o cambio de hora, a convocatoria da manifestación e “poñéndose do lado de quen insulta e agride a representantes municipais democraticamente elixidos”.

Así o afirmou na súa visita a XXXV Festa da Filloa de Muimenta, xunto ao alcalde de Cospeito, Armando Castosa, e os responsables de Cultura e de Facenda do Goberno galego, José López e Miguel Corgos, respectivamente, así como por outros representantes políticos. Na cita, a número dous do PPdeG volveu condenar a “escalada de odio” e lamentou que PSOE e BNG se centren en “frear un proceso absolutamente legal, sen ser capaces de defender a súa xestión no goberno bipartito”. Cando o Partido Popular trata de traballar pola cidadanía e Lugo, socialistas e nacionalistas “só teñen interese en frear a moción, un proceso que validaron cando se tratou de que Pedro Sánchez chegase a Moncloa”.

Prado remarcou o apoio do PPdeG a Elena Candia e a todos os compañeiros e compañeiras de Lugo, que contan cun “proxecto para Lugo, pensado en resolver os problemas dos veciños”. “Elena Candia será alcaldesa e reactivara a cidade, porque merece un goberno mellor e saír da inacción”, engadiu.

FESTA DE INTERESE TURÍSTICO DE GALICIA

Paula Prado tamén puxo en valor as políticas de promoción turística e gastronómica de gobernos populares como o de Cospeito, na celebración desta cita gastronómica consolidada no calendario festivo da provincia de Lugo e declarada de Interese Turístico de Galicia.

Alí comprobou de primeira man a vontade e o esforzo da veciñanza implicada na festa. “Esta celebración é mostra do poder da xente do rural e o PPdeG sempre vai estar ao seu carón, apoiándoos e impulsando políticas útiles”, sinalou.

A numero dous dos populares galegos aproveitou para felicitar ao rexedor pola acollida deste evento senlleiro, así como por xerar “estabilidade” e “boa xestión” nun concello no que leva gobernando dende 1991. Así, puxo en valor iniciativas xa consolidadas como esta Festa da Filloa de Muimenta ou a Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), celebrada hai apenas unhas semanas e na que se reafirmou o sector gandeiro como motor do rural galego.