O PPdeG pon en valor a receita de “unión e escoita” de cara ás eleccións municipais, na Xornada de Convivencia dos populares de Pontevedra

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, participou hoxe as Xornadas de Convivencia do PP da provincia de Pontevedra, un encontro para poñer en valor a “receita” de “unión e escoita” que caracteriza aos populares, de cara ás próximas eleccións municipais de 2027. Así o ratificaron o centenar de participantes durante as actividades lúdicas e de formación celebradas na Bodega Lagar de Pintos, en Ribadumia, onde tamén estiveron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López.

Ademais, alcaldes, voceiros municipais, conselleiros, deputados, senadores, delegados territoriais e persoal técnico asistiron a este punto de encontro baixo o lema “As túas ideas, o noso proxecto”.

O presidente dos populares galegos, que participou nun pequeno paseo polo entorno, destacou o proxecto do PP da provincia de Pontevedra, baixo o liderado de Luis López, á fronte dun partido que goberna en 25 municipios. Así, animou aos asistentes a continuar “engraxando a maquinaria de gañar eleccións” do PPdeG, poñendo a vista nas próximas eleccións municipais de 2027 e agardando que esa receita de escoita e atención aos veciños siga funcionando para acadar aínda máis alcaldías o próximo ano.

Pola súa banda, o presidente provincial tamén subliñou o traballo realizado nos 61 concellos da provincia, con proxectos “fortes e cohesionados”. Do mesmo xeito, reivindicou durante a xornada que o PP é o partido co que máis se identifican os pontevedreses, tras gañar consecutivamente as catro derradeiras eleccións celebradas na provincia.

Os asistentes desfrutaron dunha xornada de coaching sobre xestión de comunicación e de actividades lúdicas, onde se puxo en valor o espírito de equipo dos populares. Este encontro culminará mañá cunha andaina polo entorno de O Grove.