O Parlamento aproba por unanimidade instar ao Goberno central a que adopte medidas para garantir a continuidade do programa auxiliares de conversa

O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, por unanimidade instar ao Goberno central a que, de maneira inmediata, adopte as medidas necesarias para da unha solución ao conflito xurdido co programa de auxiliares de conversa, garantindo a súa continuidade.

Tal e como sinalou o deputado do Grupo Parlamentario Popular, Raúl Santamaría, este programa está “ameazado” pola falta de coordinación, improvisación e polas contradicións internas entre os ministerios de Educación e de Traballo e Economía Social. E cualificou de “absoluto desgoberno” o Executivo de Pedro Sánchez, por ser incapaz de coordinar dous ministerios que “manteñen criterios incompatibles” sobre un mesmo programa estatal.

E é que, segundo explicou, mentres o Ministerio de Educación –encargado do seu deseño, de fixar criterios e de establecer as condicións de participación- define este programa como unha experiencia de intercambio cultural; o Ministerio de Traballo está impulsando inspeccións e sancións millonarias ás comunidades autonómicas, como é o caso de Andalucía e Valencia: “É dicir, o Goberno cuestiona as normas feitas polo propio Goberno”. Por iso, a iniciativa do Grupo Popular avoga porque ambos departamentos de coordinen co obxectivo de establecer un marco xurídico e laboral claro, estable e común para todas as comunidades autónomas, que dea seguridade ás administracións educativas e evite interpretacións dispares por parte da Inspección de Traballo.

O deputado popular afeou que a nova convocatoria do programa saíse publicada sen que se modificase nin unha soa condición, polo que acusou ao Goberno central de que, sendo coñecedor da inseguridade xurídica, non fixera absolutamente nada: “Se o programa está mal deseñado, por que o Ministerio de Educación o segue convocando? E se o programa é correcto, por que o Ministerio de Traballo sanciona ás comunidades autónomas?”.

Neste senso, recordou que a Xunta xa advertiu, en múltiples ocasión, desta situación, a través de cartas, contactos técnicos e iniciativas parlamentarias; pero que a resposta do Goberno sempre foi a mesma: “inacción total”. “Galicia paga, xestiona e cumpre, pero quen crea o problema é o Goberno central”, lamentou Santamaría, tras salientar que, dos 5,2M€ do custe total do programa, a Xunta asume 4,8M€.

Neste punto, puxo en valor os anos que Galicia leva apostando polo plurilingüismo, reforzando o inglés nas aulas, fronte a un Goberno que está a pór en risco un programa que leva máis de 15 anos funcionando e que contribuíu a que, a día de hoxe, os estudantes galegos teñan o mellor nivel de inglés de toda España. Galicia conta este curso con arredor de 690 auxiliares, procedentes de 19 países distintos, que colaboran con preto de 800 centros educativos repartidos por 238 concellos.

Fronte á improvisación e á irresponsabilidade do Goberno central, o PPdeG seguirá defendendo os intereses do alumnado galego.

O Parlamento de Galicia insta ao Concello de Vigo a que desbloquee a construción da biblioteca pública do Estado, que leva 20 anos paralizada

“Nove localizacións, nove ministros e case vinte anos esperando”, así foi como a deputada do Grupo Parlamentario Popular, Patricia García, resumiu “a auténtica historia” da biblioteca pública do Estado en Vigo, “unha infraestrutura eternamente anunciada, pero nunca executada”. E recordou que, desde o ano 2007, este proxecto leva atrapado “en burocracia, improvisación e propaganda política” polo “bloqueo” do Goberno local de Vigo.

O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, unha proposición non de lei do Grupo Parlamentario Popular na que insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Concello de Vigo para que, no prazo máximo dun mes, lle ceda ao Goberno de España a parcela, sita na Rúa Lalín, prevista a construción da biblioteca. Asemade, a iniciativa –que saíu adiante sen votos en contra- avoga porque, de maneira inmediata, o Executivo central adopte as medidas necesarias para impulsar, nos vindeiros meses, a licitación do proxecto de construción, establecendo un calendario detallado para a redacción do proxecto, a licitación das obras e a execución da infraestrutura, así como porque se garante a consignación orzamentaria suficiente para a súa construción, evitando novos atrasos ou incumprimentos.

“Que o concello cumpra coa cesión definitiva da parcela e que o Goberno cumpra dunha vez licitando e executando esta infraestrutura”, sinalou. “Sen cesión –engadiu-, non hai licitación e sen licitación non hai biblioteca”. Por iso, continúa sendo, na práctica, un proxecto anunciado, pero inexistente, sen avances administrativos. “Porque Abel Caballero é o rei das infografías; Pedro Sánchez, o rei das escusas. Un vende maquetas e o outro vende titulares”, apuntou.

UNHA REDE BIBLIOTECARIA INSUFICIENTE
“Moita foto, moita recreación virtual, moita rolda de prensa, moita frase grandilocuente, e moi pouca execución”, denunciou a parlamentaria popular, para continuar lamentando que Vigo conta cunha rede bibliotecaria “claramente insuficiente”. Neste punto, instou a Abel Caballero a que deixe de buscar culpables, porque a culpa de que Vigo non teña esta infraestrutura é de que “leva 20 anos anunciando a mesma biblioteca”, sen ter completado aínda a cesión dos terreos. E recordou proxectos do actual alcalde de Vigo que, tras moito anuncio, quedaron no caixón, como o World Trade Center do Noroeste, o Peirao XXI ou o proxecto do novo concello na praza do Rei. “Non se pode normalizar e non cumprir”, dixo Patricia García.

Mentres o Goberno local se refería a unha biblioteca de 4.000 metros cadrados, “a Xunta defendeu unha infraestrutura á altura de Vigo, de entre 8.000 e 8.500 metros cadrados”, dixo a deputada popular.

Tras a intención do Ministerio de Cultura de licitar o proxecto neste 2026, a realidade é que, case chegados ao primeiro semestre do ano, non se ten producido ningún avance efectivo: non se publicou a licitación do proxecto, non existe proxecto construtivo redactado e non hai calendario certo para a execución das obras. Para Patricia García, o problema non é nin urbanístico nin técnico, senón político e administrativo, xa que o concello segue sen formalizar a cesión definitiva da parcela ao Ministerio de Cultura e o Goberno central, sen licitar o proxecto.

Para rematar, cualificou de “cómico” a emenda proposta polo Grupo Parlamentario Socialista, xa que, tal e como indicou, non se pode recoñecer a posta en disposición dos terreos cando nin sequera está formalizada a cesión. “Porque –continuou- quen segue sen facer os seus deberes é o Concello de Vigo e quen segue sen mover ficha é o Goberno de España”.