Alfonso Rueda celebra a elección da “todoterreo” Nidia Arévalo como presidenta do PP de Mos, a un ano de loitar pola súa quinta maioría absoluta

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, define a Nidia Arévalo como unha muller “todoterreo” que desenvolve “un labor incansable” á fronte da alcaldía de Mos, con catro maiorías absolutas ás súas costas e co reto de “ir a pola quinta”. Para o líder dos populares galegos, que a veciñanza siga confiando nela dende 2007 é grazas aos seus valores de “traballo, empeño e vocación”, que agora se “intensificarán” coa súa proclamación como presidenta do PP local.

Así o manifestou hoxe no Congreso do PP de Mos celebrado no Auditorio do Multiusos das Pozas, con máis de 800 asistentes, e no que se proclamou a Nidia Arévalo como nova presidenta do PP local. No acto interviron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente do PP da provincia de Pontevedra, Luis López. Tamén asistiron o presidente saínte do PP de Mos, Camilo Augusto Martínez; a representante de Novas Xeracións de Mos, Sara Pérez; o exalcalde de Mos, Justo González e o exconcelleiro Alberto Méndez, entre outros representantes locais e autonómicos.

O presidente do PPdeG puxo a Nidia Arévalo como exemplo da “política municipal ben feita” e fixo un repaso pola traxectoria da nova presidenta de Mos, á que definiu como unha muller “con carácter; pero con respecto, educación e cos pés na terra” e asegurou que “volverá ser a alcaldesa de Mos” despois de “tantas vitorias e tantos momentos duros nos que soubo dar a cara”. Tamén se referiu a súa capacidade para facer equipos e ao seu papel como senadora, “multiplicándose, pero sempre coa cabeza posta en Mos e en Galicia”.

Para Rueda, a nova presidenta do PP de Mos “soubo entender sempre o que é este concello, cunha industria potentísima pola que loitou”. Así, “pelexa porque Mos non teña que renunciar a nada”.

O líder dos populares galegos tamén agradeceu a Camilo Augusto Martínez o seu traballo, porque grazas a iso “trouxo ao PP de Mos ás portas dunha quinta maioría absoluta”. Para o presidente dos populares galegos, “non hai nada sen partido e sen xente que dá a cara unicamente a cambio de saber que está contribuíndo a mellorar as cousas”, sinalou en referencia aos populares de Mos.

Ao remate, puxo de exemplo a políticas coma Nidia Arévalo fronte a unha oposición instalada nos “escándalos e disparates”, cun Goberno central “que avergoña, que hai tempo que acabou e se retorce para que poida seguir a única persoa interesada, Pedro Sánchez”. Neste sentido, reivindicou a necesidade de que Alberto Núñez Feijóo chegue á presidencia do Executivo, para “acabar co desgoberno”, “por Mos, por Galicia e polo noso país”.

PAULA PRADO SUBLIÑA O LIDERADO FEMININO

Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, definiu a Nidia Arévalo como unha alcaldesa “inesgotable”, cun “liderado feminino” propio das 32 rexedoras “valentes” do partido en Galicia, ás que recentemente se sumou Elena Candia ao rescatar a Lugo da parálise e o desgoberno no que estaba a cidade da man da oposición. Tamén augurou que de cara ás eleccións municipais de 2027 sexan máis as alcaldesas mulleres do partido, porque será un “síntoma magnífico” de bo funcionamento do partido.

A número dous dos populares galegos puxo en valor a traxectoria de maiorías absolutas “nada doadas” de Arévalo e desexoulle éxitos de cara ao reto do “plus” de compromiso que require estar á fronte da presidencia do PP de Mos.

“Nidia demostrou ser unha magnífica xestora, fronte aos que apostan só pola lea e a confrontación e acaban perdendo todas as oportunidades”, sinalou. Así, reiterou que a nova presidenta do PP de Mos é “un deses espellos de liderado feminino nos que mirarse”.

LUIS LÓPEZ: “O QUE FUNCIONA NON SE TOCA”

Pola súa banda, o presidente provincial do PP, Luis López, louvou o traballo da agrupación local, “xa que se non sería imposible ter acadado catro rotundas maiorías absolutas” desde o ano 2011 e considera que esta nova etapa orgánica, coa alcaldesa Nidia Arévalo, “vai ser continuísta, porque o que funciona non se toca, pero ao mesmo tempo vai supoñer un sopro de aire fresco que sempre é necesario”.

Ademais, destacou o “enorme traballo” de Camilo Augusto ao fronte do partido desde o ano 2009 e cualificou ao PP de Mos de “exemplo” para toda a provincia pola súa capacidade de mobilización e pola súa atención aos veciños baseada nunha proximidade máxima.

NIDIA ARÉVALO ASUME O RETO “MÁIS COMPROMETIDA CA NUNCA”

Durante a súa intervención, Nidia Arévalo reivindicou a transformación experimentada por Mos nas últimas décadas, asegurando que o municipio “pasou de ser un lugar de paso a converterse nun lugar para vivir, investir e construír futuro”.

A nova presidenta do PP local destacou avances en servizos básicos, humanizacións, vivenda pública, educación infantil, desenvolvemento industrial e captación de proxectos estratéxicos, subliñando que “todo o conseguido foi posible grazas á estabilidade, á planificación e ao traballo constante ao lado da xente”.

A alcaldesa, que anunciou a súa vontade de prsentarse ás próximas eleccións, asumiu ademais o reto de presidir o Partido Popular de Mos “máis comprometida ca nunca” e coa vontade de seguir fortalecendo un proxecto político baseado na proximidade, na xestión e na escoita activa dos veciños.

Defendeu o lema “Sabemos o que quere Mos” como reflexo dunha forma de facer política “pegada á realidade de cada parroquia e ás necesidades reais da xente”. Neste sentido, apostou por abrir unha nova etapa no partido cun equipo “renovado, preparado e con ganas de seguir traballando por Mos”, presentando unha estrutura formada por coordinadores de áreas e parroquias para reforzar a presenza territorial do PP local e manter o contacto permanente coa cidadanía.

A rexedora apelou tamén á unidade e ao traballo colectivo para afrontar os retos de futuro do municipio, marcando como obxectivo político “seguir merecendo a confianza maioritaria dos veciños” e traballar para acadar unha quinta maioría absoluta que permita “seguir garantindo estabilidade, proxectos e futuro para Mos”.

SAÚDOS DE RAJOY E FEIJÓO

O congreso celebrouse no Auditorio do Multiusos das Pozas, onde se reuniron máis de 800 asistentes. Ademais das intervencións, proxectouse un vídeo de saúdo de Mariano Rajoy e de Alberto Núñez Feijóo e tamén se fixo un recoñecemento aos integrantes das candidaturas do PP de Mos nas eleccións municipais dende o ano 2007.

O PP de Verín insta ao Goberno central a que axilice a homologación de títulos de formación superior para reforzar a inserción laboral cualificada

O PP de Verín instou, hoxe, ao Goberno central a que axilice a homologación de títulos de formación superior de estranxeiros para reforzar a inserción laboral cualificada e que lles permita acceder a postos de traballo acordes á súa formación.

O coordinador do PP de Verín e deputado autonómico, Víctor Baladrón, lamentou que o Executivo de Pedro Sánchez tarde unha media de entre tres e cinco anos para resolver un expediente, o que dificulta a integración laboral dos profesionais afectados. Neste senso, incidiu na súa alta cualificación e en como se ven atrapados nun limbo administrativo ao chegar a España e, polo tanto, “sen poder optar a postos de traballo para os que están formados”. “Esta demora –engadiu Baladrón- supón unha perda de talento e de oportunidades, tanto para as persoas afectadas como para o conxunto da sociedade”.

 Durante un encontro de traballo con Inma Hervella, responsable da área social do PP de Verín, e con Jackeline Osorio, encargada da área de atención a migrantes e á veciñanza estranxeira, o portavoz local, acompañado do deputado autonómico Juan Casares, abordou as principais preocupación deste colectivo, así como tamén as liñas de actuación que cómpre reforzar no ámbito da inserción laboral.

E recordou que, a principios deste ano, o Parlamento de Galicia, precisamente a raíz dunha iniciativa do Grupo Popular, solicitou ao Goberno central a que incrementase, con carácter urxente, a dotación de recursos humanos e materiais co obxectivo de dar resposta eficaz á tramitación das solicitudes de homologación, de declaración de equivalencia ou de convalidación de títulos universitarios estranxeiros que están pendentes de resolución, tendo en conta, ademais, as recentes sentencias do Tribunal Supremo.

INCLUSIÓN, FORMACIÓN E IGUALDADE DE OPORTUNIDADES

Por outra banda, Juan Casares recordou que o Goberno galego está a traballar na reclamación da asunción da competencia sobre autorizacións iniciais de traballo das persoas estranxeiras en Galicia. O obxectivo, sinalou, é poder axilizar os trámites e mellorar a resposta ao reto demográfico e ás necesidades reais do mercado laboral galego.

Así mesmo, fixo fincapé nas políticas orientadas a favorecer a inclusión, a formación e a igualdade de oportunidades. Referiuse á Estratexia Galicia Retorna, coa que a Xunta favorece a incorporación de coñecementos e experiencias de profesionais, nacidos ou residentes no estranxeiro, á industria local. E, tamén, ao programa Retorna Talento FP, unha iniciativa que permite que os galegos residentes no estranxeiro –tanto emigrantes como os seus descendentes- cursen formación profesional na nosa Comunidade e se incorporen ao mercado laboral.