O PPdeG esixe que se manteña o texto acordado por unanimidade no Parlamento galego para a transferencia da AP-9 a Galicia

O PPdeG esixe que se manteña o texto acordado por unanimidade no Parlamento galego para a transferencia da Autoestrada do Atlántico (AP-9) a Galicia, tras coñecerse as emendas transaccionais pactadas por PSOE, Sumar e BNG e que rebaixan o acordo acadado por unanimidade no Parlamento de Galicia. “O único que evidencia é o interese destes grupos en marxinar ao principal partido de Galicia, que goberna na comunidade autónoma, ten maioría no Parlamento de Galicia e é a primeira forza do Congreso dos Deputados”, sinalaron os deputados do PPdeG.

Así o reclamaron hoxe na reunión da ponencia da Comisión de Transportes e Mobilidade Sustentable sobre a Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á nosa Comunidade. Os deputados nacionais galegos Celso Delgado, Pedro Puy e Tristana Moraleja lamentan que os mesmos grupos políticos “que estaban bloqueando o debate da transferencia da AP-9 no Congreso anuncien agora un texto alternativo” á proposición de Lei Orgánica que altera o aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia, “o texto que recolle a vontade dos galegos”.

Tras unha primeira lectura e aínda pendentes dunha análise xurídica e económico-financeira en profundidade, os populares aseguran que as emendas transaccionais pactadas polo PSOE, Sumar e BNG se apartan de “aspectos esenciais do texto demandado de forma unánime desde Galicia e que foron tomados en consideración polo Congreso en xuño de 2024 para a súa tramitación”.

FINANCIACIÓN ECONÓMICA

O deputado Celso Delgado instou nesta reunión ao BNG e PSdeG a explicar “por que eliminan ou cambian o texto das disposicións que inclúen obrigas económicas e financeiras do Estado para a transferencia da AP-9”. Insiste en que “é fundamental” que esta transferencia veña acompañada dos “recursos económico necesario para a súa xestión e para manter todos os compromisos adquiridos ata agora”.

A transferencia a Galicia da autopista debe vir acompañada de dous requisitos. Por unha parte, Delgado explica que o Goberno de Pedro Sánchez “debe seguir financiando os compromisos adquiridos”, dotando á Xunta de medios financeiros “para ampliar as bonificacións das peaxes nun vial cuxa concesión a Audasa remata en 2048”, salvo que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ditamine o contrario.

Ademais, a transferencia da AP-9 debe “suprimir” o incremento tarifario do 1% anual que Audasa aplica desde 2019 en concepto de compensación económica polas obras de ampliación da Ponte de Rande e da circunvalación de Santiago, “unha actualización que se manterá por un período de 20 anos e que foi acordada na época do expresidente Zapatero”. “O texto remitido desde o Parlamento de Galicia instaba ao Estado a amortizar esa subida”.

En definitiva, o deputado ourensán lamenta que o acordo entre PSOE, Sumar e BNG non concrete unha cuestión “tan relevante como é o financiamento por parte do Estado e que non cumpre coas expectativas e reclamacións que Galicia fixo por unanimidade”.

DICTAME DA COMISIÓN EUROPEA

Do mesmo xeito, os deputados do PPdeG amosan a súa preocupación ante a desaparición neste acordo dunha disposición na que se obrigaba ao Goberno de Sánchez a asumir as obrigas económicas e financeiras en caso de que se declarase a nulidade das prórrogas mediante as cales se acordou a ampliación do período concesional. “Ante o escenario derivado do ditame da Comisión Europea sobre as prórrogas da AP-9 na que Bruselas cuestiona o cumprimento da normativa comunitaria de contratación pública, a supresión desta disposición podería prexudicar enormemente a Galicia”, reiteran.

CONTINÚA O TRÁMITE LEXISLATIVO

Finalmente cos votos de PSOE, BNG, Sumar, Bildu, ERC, PNV e Junts aprobouse un informe da ponencia que recolle o expresado nas emendas. O Grupo Popular defendeu a vixencia da literalidade do texto aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia. Agora virá o debate lexislativo na Comisión de Transportes e despois no Pleno.

Os deputados do PPdeG recordan tamén que a Comisión Europea advertiu, ademais, de que España podería ser levada ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea se non adopta as medidas oportunas. “Trátase dun asunto de enorme transcendencia para Galicia”, conclúen.

O PPdeG reclama ao Goberno central “información detallada” do programa da sociedade pública estatal Casa 47

O PPdeG instou, hoxe, ao Goberno central a que dea información detallada sobre o programa da sociedade pública estatal Casa 47. Neste senso, reclamou coñecer os solos afectados en Galicia, o número e a localización das vivendas previstas e as características concretas dos proxectos.

“O que se sabe a día de hoxe de Casa 47 é que non se sabe nada”, dixo o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, quen lamentou que, en materia de vivenda, o Executivo de Pedro Sánchez aposte máis pola propaganda que polos feitos. Así, anunciou unha proposición non de lei, para o seu debate no vindeiro pleno do Parlamento, para que o Goberno central despexe a incerteza e dúbidas respecto deste programa.

A iniciativa demanda, ademais de coñecer os criterios de selección, adxudicación e xestión das vivendas estatais, garantir prezos verdadeiramente accesibles e unha cualificación permanente como vivenda protexida.

A DEFENSA DO NOSO LITORAL EN EUROPA
Por outra banda, o portavoz popular anunciou unha proposición non de lei relativa a “intensificar a defensa dos intereses de Galicia en Europa”, ante a pretendida reforma do Regulamento xeral de costas polo Goberno central, e tal e como propón o Goberno galego. Para Pazos, non se pode considerar ao Executivo central como un interlocutor válido, cando, precisamente, é quen pretende levar a cabo a reforma da normativa actual “sen transparencia, sen diálogo institucional, sen consenso e sen seguridade xurídica”. O obxectivo, tal e como remarcou, é que a Comisión Europea comprenda a especificidade do litoral galego.

Así mesmo, a iniciativa avoga pola suspensión cautelar da tramitación deste anteproxecto, a paralización das actuación que afecten aos dereitos de concesión e de propiedade, a convocatoria da Conferencia sectorial correspondente para abordar de forma consensuada a revisión da normativa estatal e porque se teñan en conta as alegacións presentadas pola Xunta, confrarías, organizacións empresarias e demais sectores afectados. O portavoz popular considerou que o Goberno central debería respectar as competencias asumidas por Galicia, e avaladas polo Tribunal Constitucional, en materia de ordenación e xestión integrada do literal.

O IMPACTO DA REFORMA DO SISTEMA FARMACÉUTICO
Asemade, o Grupo Popular preguntará, con carácter de urxencia, sobre o impacto que terá para a sanidade pública galega o novo Real decreto-lei de copago farmacéutico que o Goberno central formulou e aprobou de maneira “unilateral, precipitada e sen planificación” coas Comunidades. Así mesmo, interesarase polo plan integral de benestar dixital, posto en marcha pola Xunta, e que se configura como a folla de ruta para a xestión axeitada da tecnoloxía no ámbito educativo.

Ante o anuncio sobre un principio de acordo acadado entre BNG, PSOE e SUMAR, no Congreso dos Deputados, para a tramitación da transferencia da AP-9 a Galicia, os populares formulan unha pregunta oral. O portavoz popular lamentou que o texto non fose trasladado ao Partido Popular e instou a que se “respecte” o acordo acadado por unanimidade no Parlamento de Galicia.

Para rematar, avanzou que a conselleira do Mar comparecerá, a petición propia, para dar conta das medidas adoptadas para a recuperación dos bancos marisqueiros.