Paula Prado reivindica o “compromiso” do Goberno galego co reforzo do dispositivo de prevención e defensa contra incendios forestais, “referencia nacional e internacional”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, puxo hoxe en valor o “compromiso do Goberno galego co reforzo” do dispositivo de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia, que é “referencia a nivel nacional e internacional”. Subliñou as “importantes melloras” que incorpora a actualización do Pladiga 2026 en materia de prevención, vixilancia e tecnoloxía, extinción e en medios materiais e humanos.

Así o manifestou a número dous dos populares galegos durante unha visita nas Nogais aos labores de prevención que realiza a Unidade Batracio -do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia- neste municipio lucense. Concretamente, están realizando rozas en pistas forestais, creando e mellorando cortalumes e accesos a zonas de montaña. De feito, neste municipio xa levan actuado nos últimos meses en arredor de 20 hectáreas.

No encontro, no que tamén participou o alcalde, Jesús Manuel Núñez; o portavoz de Medio Rural do PPdeG no Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Viso, e outros cargos do partido na provincia, Prado remarcou que a prevención “non é exclusiva da Xunta de Galicia” e chama a atención sobre os concellos que aínda non se adheriron ao convenio con Seaga de xestión da biomasa nas faixas secundarias, co que a Xunta ofrece facilidades para que municipios e propietarios cumpran coas súas obrigas.

Concretamente, a secretaria xeral lamenta que a día de hoxe aínda hai concellos que seguen sen sumarse a este convenio. “O idóneo tería sido que se adheriran antes do 21 de marzo e enviar a planificación de traballos e actuacións antes do 31 dese mes, pero a realidade é que só o 30% o fixeron daquelas”. Incide en que “máis da metade dos concello que non se adheriron (8) son do partido que sempre pretende dar leccións: o PSOE”.

Pregúntase que leccións pode dar un PSOE que está á fronte “dun Goberno central sumido na corrupción e no escándalo diario, defendendo ao expresidente Zapatero, imputado, e ao seu líder Pedro Sánchez”. Do mesmo xeito, afeou que o BNG “siga mantendo no poder a Sánchez e que non consideren necesario convocar eleccións”. “O PSOE pasará a historia por estar á fronte do Goberno máis corrupto de España, e desta historia tamén forman parte os nacionalistas, socios e cómplices de Sánchez”.

Para Prado, ante a actualidade política que afecta ao Goberno, “o único que procede é que os cidadáns decidan que tipo de goberno queren para o seu país e o futuro de España”. “É fácil distinguir os que buscan solucións dos que só pretenden enredar”, engade.

Fronte aos do “ruído” e a “pancarta”, o PPdeG eríxese como o partido no que “confían” a maioría dos galegos e galegas e, ademais, é o “partido do rural”, gobernando no 60% dos concellos de menos de 5.000 habitantes, como é o caso das Nogais.

25 MILLÓNS DE EUROS ANUAIS PARA A XESTIÓN DA BIOMASA

A número dous do PPdeG fixo fincapé no esforzo do Goberno galego en materia de prevención, con máis de 75 millóns de orzamento neste 2026 co que se prevé actuar en case 34.000 hectáreas de superficie e, dentro dos cales, se dobra o investimento do convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias: 25 millóns de euros anuais e máis apoios para concellos e propietarios.

Xa no contexto do aumento de medios previstos polo Goberno galego para a campaña de incendios, os populares tamén destacan a incorporación de 42 novas brigadas, que implican 168 efectivos máis, o reforzo da unidade especialista en grandes incendios forestais (a UDEX), o aumento de medios aéreos e 16 novos bulldózeres para prevención.

UN ALCALDE QUE GOBERNA DENDE 2011

Ademais, Paula Prado puxo en valor o equipo de Jesús Manuel Núñez nas Nogais, onde goberna de forma continuada desde o 2011. Neste sentido, o alcalde popular acadou para o seu concello melloras en núcleos rurais, acceso ás axudas a domicilio, políticas sociais avanzadas e unha mellora das infraestruturas.

O alcalde aproveitou para poñer en valor as tarefas de prevención que realiza o Goberno galego nas Nogais “con todos os seus medios” e resaltou o “importante traballo” que fai a Unidade Batracio no Distrito VII. “A prevención é tarefa de todos”, engadiu, agradecendo o apoio do Goberno galego nas diferentes accións que “debemos realizar nos concellos, os particulares e as comunidades de montes”.

O PPdeG reclama un proxecto integral de restauración das infraestruturas deterioradas do litoral de Oleiros

O PPdeG, a través dunha iniciativa no Parlamento de Galicia, vén de reclamar un plan integral de reparación de todas as infraestruturas deterioradas –paseos marítimos, varandas, escaleiras, pasarelas e miradoiros- de todo o litoral de Oleiros.

Tras poñer o foco na falta de conservación continuada, os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Nazareth Cendán e Jesús Fernández, recordaron que nas últimas datas se produciron varios derrubes e desprendementos en distintas zonas, ocasionando un deterioro grave de toda esta contorna. Entre os puntos máis afectados, están: o parque Trece Rosas, a baixada ao paseo de Santa Cruz, as escaleiras de acceso á praia de Canide, a varanda na zona de Punta de Boi de Canto, a pasarela de acceso ao castelo de Santa Cruz, a baixada á praia de Bastiagueiro e os derrubes na praia de Naval e na zona do Xunqueiro.

Esta situación, ademais de xerar un evidente impacto negativo na imaxe do municipio, constitúe un grave problema de seguridade, ao pór en risco a integridade física dos miles de peóns que transitan diariamente por estas zonas. Por iso, Jesús Fernández reclamou que se proceda á súa sinalización e, no caso de que fose necesario, ao peche ou restrición de acceso en todas aquelas zonas onde exista perigo para a integridade das persoas.

FALTA DE COORDINACIÓN ENTRE CONCELLO E ESTADO
Tal e como sinalaron, estas incidencias non só responden aos efectos da climatoloxía adversa e á acción do mar, senón que, tamén, a unha “evidente falta de mantemento preventivo e correctivo de concello e do Goberno estatal”. Así, lamentaron a “preocupante” falta de coordinación e unha “inacción prolongada” das administracións competentes: o concello de Oleiros e a Demarcación de Costas –dependente da Administración central-; debido a que as responsabilidades sobre mantemento e conservación non están debidamente definidas e asumidas, derivando, polo tanto, nunha “inaceptable” parálise administrativa.

Para Nazareth Cendán, cómpre establecer un protocolo claro de mantemento periódico, no que se especifique as competencias de cada administración implicada, as obrigas de conservación ordinaria e extraordinaria e os mecanismos de coordinación interadministrativa, así como tamén unha contía orzamentaria para facer fronte tanto á reparación inmediata como ao mantemento futuro. Asemade, considerou prioritario realizar unha avaliación técnica completa do estado do litoral urbanizado, co fin de previr novos derrubes e anticipar actuacións en zonas de risco.

Por todo iso, o PPdeG urxe actuar de maneira inmediata para garantir a seguridade, restaurar as infraestruturas danadas e establecer un marco claro de responsabilidades que evite a repetición deste tipo de situacións.

 

 

O PPdeG denuncia o desleixo do Goberno central ante os problemas de acceso á fibra óptica na comarca de Condado-Paradanta

“É absolutamente inaceptable que, en pleno ano 2026, centos de fogares carezan de acceso á fibra óptica e ás conexións de alta velocidade”, así o denunciaron os deputados do Grupo Popular, nunha visita á comarca de Condado-Paradanta.

Os parlamentarios autonómicos, Felisa Rodríguez e Miguel Fidalgo, advertiron de que esta problemática está a afectar, tanto a concellos do rural como a núcleos próximos ás grandes áreas urbanas, dificultando “cuestións tan básicas como o teletraballo, a educación dixital, a competitividade empresarial, o acceso á administración electrónica ou, tamén, a fixación de poboación no territorio”. Neste senso, urxiron ao Goberno central a que, de forma urxente, actúe tome medidas para corrixir esta situación, xa que, tal e como sinalaron, as competencias en materia de telecomunicacións e despregamento de redes corresponden en exclusiva ao Goberno central.

E fixeron fincapé na “capacidade de financiamento sen precedentes” dos que dispón a Administración central, grazas aos fondos europeos vinculados ao Programa UNICO, cunha dotación superior aos 4.300M€: “Nunca antes houbo tantos recursos económicos para mellorar a conectividade no rural e, sen embargo, seguimos atopando fogares e empresas que continúan sen acceso á fibra, un servizo básico no século XXI”.

Durante a vista, na que estiveron acompañados do alcalde de Mondariz, Pablo Barcia, as voceiras de Mondariz-Balneario, Marisa Domínguez, e da Cañiza, Pilar Vicente, e a concelleira de Covelo, Lourdes Enes; recordaron que esta non é unha situación illada desta comarca, senón que zonas das provincias da Coruña, Lugo e Ourense atópanse nunha situación similar: “Non é problema puntual, senón estrutural, que afecta a unha boa parte do territorio galego”.

Á visita tamén asistiron os deputados autonómicos, Julio García Comesaña e Moisés Rodríguez, a deputada nacional, Irene Garrido, e a senadora Nidia Arévalo.

INICIATIVAS NO PARLAMENTO, CONGRESO E SENADO
Os representantes populares anunciaron, ademais, que continuarán impulsando iniciativas no Parlamento de Galicia, no Congreso dos Deputados e no Senado para esixir ao Executivo central que resolva estas deficiencias de conexión.

Neste sentido, lembraron que a Cámara galega aprobou por unanimidade unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, na que se instaba ao Goberno central a exercer as súas competencias e a resolver as carencias existentes, tanto no rural como nas entidades próximas ás cidades. A iniciativa aprobada tamén ofrecía a colaboración da Xunta de Galicia, a través da Amtega, para asesorar e colaborar tecnicamente no despregamento das infraestruturas necesarias.

Fronte ao Goberno de Pedro Sánchez, totalmente ausente nesta cuestión, a Xunta leva máis de 15 anos traballando para avanzar na mellora da modernización tecnolóxica de Galicia. Grazas aos sucesivos plans de banda larga, estendeuse ADSL en centos de núcleos, levouse cobertura móbil a miles de entidades e ampliouse a fibra óptica a centos de zonas do territorio galego.

Así, os deputados populares puxeron en valor o labor desenvolvido a través da Oficina do Plan de Banda Larga e da Oficina de Asesoramento a Concellos, que prestan apoio técnico e asesoramento ás entidades locais galegas para facilitar o despregamento das redes de telecomunicacións. “Non podemos permitir que haxa galegos de primeira e de segunda dependendo do lugar no que viven. A conectividade é hoxe igualdade de oportunidades, cohesión territorial e futuro para o rural”, concluíron.