O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha iniciativa defendida polo deputado do Grupo Popular Julio García Comesaña na que se reclama ao Goberno de España que calquera futura lei sobre o desempeño da docencia e da ensinanza se elabore de forma consensuada coas comunidades autónomas, cun calendario de implantación realista e coa correspondente garantía de financiamento.
Durante a súa intervención na Comisión 4ª de Educación e Cultura, García subliñou que a proposta aprobada “non vai contra ninguén nin pretende bloquear melloras educativas”, senón que busca “defender os intereses de Galicia e reclamar seriedade, diálogo e financiamento suficiente ao Executivo central”.
O deputado popular advertiu que o Ministerio de Educación está a impulsar cambios “sen contar realmente coas comunidades autónomas, que son as que sosteñen e xestionan o sistema educativo no día a día”, e reclamou que se respecte o principio de cogobernanza.
ADIANTO DE GALICIA NAS MEDIDAS EDUCATIVAS
García puxo en valor o acordo educativo acadado en Galicia en 2023 cos principais sindicatos do ensino, que permitiu melloras progresivas nas condicións docentes con planificación e financiamento propio, e sinalou que o modelo galego “xa adiantou moitas das medidas que agora se presentan a nivel estatal”.
A iniciativa aprobada insta ao Goberno central a pactar coas comunidades autónomas o desenvolvemento da futura lei, garantir unha memoria económica suficiente e establecer un calendario de implantación realista que teña en conta as diferentes realidades territoriais, especialmente no ámbito rural e na dispersión poboacional.
“O que pedimos é sentido común: consenso, planificación e financiamento”, concluíu Julio García, quen defendeu que a medida supón “unha defensa do sistema educativo galego e da estabilidade necesaria para seguir mellorando a educación pública”.
RENOVACIÓN DO PLAN XERAL DE NORMALIZACIÓN DA LINGUA GALEGA
Na Comisión 4ª, o Parlamento de Galicia tamén aprobou a iniciativa do Grupo Popular para reafirmar o apoio á Lei de Normalización Lingüística e o impulso á renovación do Plan Xeral de normalización da lingua galega, adaptando as medidas do mesmo aos novos usos sociais do idioma.
O portavoz de Lingua do Grupo Popular, José Luis Ferro, subliñou durante a súa intervención que “hai cuestións sobre as que é lexítimo discrepar, pero a lingua galega pertence á categoría na que unha sociedade madura debe ser capaz de atopar puntos de encontro”, engadindo que “o galego non é patrimonio dun partido político, senón de todos os galegos”.
Ferro lembrou que os principais avances en materia lingüística en Galicia “naceron do consenso e non da imposición”, citando como exemplo a aprobación por unanimidade da Lei de Normalización Lingüística en 1983 e do Plan Xeral de 2004, “dous fitos construídos desde posicións políticas diferentes pero cunha convicción común: defender a lingua desde a unidade”.
“O máis sorprendente é que o BNG critique hoxe un proceso no que decidiu non participar. Mentres uns traballaban para construír consensos arredor da lingua galega, outros optaron por quedar fóra e instalarse, unha vez máis, na confrontación política”, afirmou José Luis Ferro.
O deputado popular destacou que o novo Pacto pola Lingua “está avanzando grazas ao compromiso de entidades culturais, expertos, profesionais e colectivos sociais que si entenderon a importancia de sumar e non de dividir”. “Hai moita xente facendo un traballo serio e rigoroso para fortalecer o futuro do galego desde o acordo e a responsabilidade”, engadiu.
“O BNG pretende agora desacreditar un proceso plural e aberto simplemente porque non foi quen de implicarse nel. Pero a realidade é que o Pacto pola Lingua segue avanzando con diálogo, con participación social e con propostas concretas para impulsar o uso e o prestixio do galego”, sinalou o deputado popular.
José Luis Ferro lamentou tamén que “o nacionalismo volva antepoñer a estratexia partidista ao interese xeral da lingua”. “Galicia necesita máis vontade de acordo e menos ruído político. O galego deféndese traballando e construíndo consensos, non tentando dinamitar os espazos de entendemento”, concluíu.
Finalmente, o portavoz popular pediu o apoio da Comisión á iniciativa do PPdeG , que se resume en dous puntos: reafirmar o respaldo á Lei de Normalización Lingüística e instar á Xunta a presentar unha proposta de renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que foi aprobada sen ningún voto en contra.
“Os grandes avances do galego sempre naceron dunha palabra: acordo”, concluíu Ferro.

