Rueda apela ao modelo da ‘Galicia do si’ fronte ao “disparate” do Goberno de Sánchez e reivindica a Feijóo como o presidente “que España necesita”

O Pino, 13 de xuño de 2026. O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindica Galicia como “illa de normalidade” fronte ao “disparate, a loucura e as noticias que nos fan baixar a cabeza”, augurando que o Goberno de Sánchez “remate canto antes”, tralos casos de corrupción que acurralan ao Executivo. Para o cambio, espera que os galegos e galegas lle dean o mellor resultado nas urnas ao próximo presidente de España, o líder do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo, a quen o país, dixo “necesita máis que nunca”.

Así o manifestou esta mañá ante os 4.500 asistentes á tradicional Romaría Popular do Pino, na Área Recreativa da Magdalena deste concello coruñés. Alí animou aos galegos e galegas a “non fallarlle” a Alberto Núñez Feijóo, de quen destacou a súa “dignidade e resistencia, construíndo un partido que gaña todas as eleccións”. Ademais, lembrou os beneficios de que España teña un presidente galego, fronte a situación actual coa que “non hai ninguén ao temón, nin un presidente nin un ministro co que se poida falar e debater das cousas que importan a Galicia”. Para o presidente do PPdeG, a solución pasa polo cambio, con Alberto Núñez á fronte do Executivo central, “porque España necesita limpeza, decencia, dirección e sentidiño”.

GALICIA, LUGAR CONFIABLE PARA OS INVERSORES ESTRANXEIROS

Durante a súa intervención, quixo agradecer o apoio recibido para “seguir facendo a Galicia do si, onde os servizos funcionan”. Fixo referencia á sanidade pública pioneira, ao impulso sen precedentes na construción de vivenda, á educación gratuíta dende a escola infantil ata a universidade ou a captación de inversións estranxeiras. Neste último punto, agradeceu ao alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, a súa complicidade para que o xigante chino SAIC elixise Galicia para levantar a súa primeira fábrica europea de automóbiles eléctricos. “Todo isto é posible porque ven Galicia como un lugar confiable”, subliñou Rueda.

Pola contra, lamentou que “os do non”, o BNG, “sigan facendo o de sempre, opoñéndose a todo por sistema e pretendendo que Galicia sexa unha terra sombría”. Mentres, o PPdeG, dixo, “seguirá impulsando a Galicia Calidade, que avanza con sentidiño, humildade e sen faltar ao respecto, pero sendo firmes nas conviccións”. Así, puxo en valor o modelo da Galicia que goberna, “que abre os brazos ao mundo, que recibe e que comparte camiño en vésperas do Xacobeo 2027”.

Tamén desexou que para a próxima Romaría do Pino, haxa entre os asistentes un alcalde de A Coruña, outro de Ferrol e outro de Santiago. “Os nosos candidatos ás alcaldías son candidatos de goberno e van facer todo o posible para que nos sintamos orgullosos”, subliñou.

“O QUE É DE TODOS, DEBÁTESE ENTRE TODOS”

O líder dos populares galegos tamén se referiu a necesidade dunha reforma do financiamento autonómico que conte coas Comunidades, lembrando a postura firme de Galicia de que “os recursos que son de todos, repártanse e debátense entre todos”, tal e como manifestou recentemente nunha visita a Cataluña. Rueda insiste en que “Galicia non quere quitarlle nada a ninguén, pero a Galicia ninguén lle vai quitar nada”, reiterando que non participará en reunións bilaterais do modelo de financiamento e esixindo un trato equitativo para a nosa Comunidade.

DIEGO CALVO: “SOMOS O MODELO DO ESFORZO E A HONESTIDADE”

Pola súa banda, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, cualificou esta romaría como unha demostración de forza, de unidade e de que o Partido Popular está vivo, mobilizado, preparado e activado”.

Dirixíndose aos 4.500 asistentes, agradeceu o labor de todas as persoas que “dedican horas e horas da súa vida para mellorar os seus municipios sen pedir nada a cambio”.

Ademais, puxo en valor o modelo dos alcaldes do PPdeG, como un modelo de “esforzo, traballo, xestión, proximidade e honestidade”. Pola contra, lamentou a existencia doutro modelo, “o de quen converteu a política nunha sucesión permanente de escándalos, escusas e xustificacións”. Neste sentido, criticou o deterioro institucional “nunca visto, provocado polo PSOE”.

Calvo concluíu asegurando que o PPdeG está “disposto a volver gañar a confianza dos galegos e galegas” e, en clave nacional, asegurou que “Alberto Núñez Feijóo será o próximo presidente, o que merece España”.

O PPdeG destaca as iniciativas de emprendemento desde o rural galego que poñen en valor o territorio

O PPdeG puxo en valor as iniciativas de emprendemento que desde o rural está a pór en marcha o Goberno galego e que poñen en valor o territorio.

Durante unha visita ás instalacións da ecogranxa Teijeiro, en Eirexalba, no Incio, os deputados do Grupo Parlamentario Popular da Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes salientaron a aposta da Xunta “polo fomento das razas autóctonas”, a través de axudas a criadores, investigación, protección da raza e promoción dunha marca que “é sinónimo de calidade”.

Para a deputada Encarna Amigo, o proxecto de Carlos Teijeiro, dedicada á cría de porco celta en ecolóxico, “é un exemplo”, xa que mestura relevo xeracional e emprendemento. “Desde o rural, ponse en valor o territorio, foméntase unha das razas autóctonas de Galicia e prodúcense produtos de calidade”, engadiu.

Neste senso, a parlamentaria popular recoñeceu “o inxente labor” para chegar a xestionar parcelas de distintos propietarios, ata reunir 20 hectáreas de terreo. Durante a visita guiada, puideron comprobar como a crianza dos animais se realiza ao estilo tradicional, ao aire libre e alimentándose dos froitos do campo.

Ecogranxa Teijeiro, que conta co asesoramento da Asociación de criadores da raza porcina celta (Asoporcel), emprega técnicas pioneiras para o tratamento dos residuos, a través de procesos químicos e tecnoloxía que procuran o mínimo impacto no entorno.