O PPdeG destacou o éxito do Bono Activa Comercio na provincia de Ourense, ao acadar, nesta edición, 897 establecementos adheridos e 24.636 bonos descargados. Unhas cifras que se traducen nun impacto económico inmediato para a provincia de preto de 400.000€ en descontos mobilizados e un volume de negocio de case 1,7M€ en compras realizadas.
Durante unha visita a varios establecementos de Xinzo de Limia, os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Cristina Campero e Miguel Viso, puideron comprobar a “excelente acollida” que esta iniciativa ten entre comerciantes e consumidores. Tal e como remarcaron, o Bono Activa Comercio, impulsado pola Xunta de Galicia, sitúase, ano tras ano, como un dos programas máis valorados pola súa “repercusión directa nas familias, nos autónomos e no mantemento do emprego”.
Tal e como dixo a deputada popular, en concellos como o de Xinzo de Limia, onde o comercio de proximidade supón un piar fundamental para a actividade económica, “este tipo de iniciativas contribúe a xerar consumo e confianza”. Pola súa banda, Miguel Viso puxo o foco na capacidade do programa para revitalizar as vilas do interior e favorecer a competitividade dos pequenos negocios fronte ás grandes plataformas: “Cada compra feita nun establecemento local é unha aposta polo emprego, pola vida das nosas rúas e polo futuro do rural galego”.
UNHA MEDIDA EFICAZ DE APOIO AO PEQUENO COMERCIO
O Grupo Popular destacou a aposta continuada da Xunta de Galicia por este programa, que, para a edición deste 2026, contou cun orzamento inicial de 2,5M€ e coa previsión de mobilizar máis de 8,5M€ en vendas en toda Galicia. Tal e como explicaron, os bonos permiten descontos directos de ata 30€ por persoa nas compras realizadas nos establecementos adheridos.
Os representantes populares remarcaron, tamén, que a Xunta continuará impulsando políticas activas de apoio ao comercio de proximidade, co obxectivo de fortalecer o tecido económico local, fixar poboación e garantir a vitalidade social e comercial dos concellos galegos.
