Roberto Rodríguez, ao BNG: “De tanto dicirlle ‘si’ a Pedro Sánchez estanlle a dicir sempre ‘non’ a Galicia”

“De tanto dicirlle ‘si’ a Pedro Sánchez estanlle a dicir sempre ‘non’ a Galicia. Díganlle non e empecen hoxe por esta transferencia da AP-9”, instou o deputado do Grupo Popular, Roberto Rodríguez, ao BNG, a quen acusou de “rebentar” a vontade dos galegos “a cambio de nada”.

Tras denunciar que “pretenden que paguemos o que ten que pagar o Estado”, fixo fincapé en que Galicia quere a transferencia da AP-9, pero “non sobre a base dun pacto de traidores” que, logo de 70 prórrogas e 30 meses de boicot, rebaixa con aleivosía e nocturnidade, o acordo acadado por unanimidade neste Parlamento “ata límite inasimilables por humillantes”. “Acoitelan –engadiu- a Galicia polas costas”.

Foi en 2023, cando a Cámara galega aprobaba, por cuarta vez e co voto a favor de todos os grupos, solicitar a transferencia á nosa Comunidade da competencia sobre a xestión de dita autoestrada. O texto impoñía ao Estado a obriga de asumir os principais costes da concesión; isto é: as repercusións económicas e financeiras dos convenios en vigor, das actuacións en infraestruturas xa comprometidas e as necesarias no futuro, así como tamén, a dotación económica necesarias para ampliar as bonificacións e eliminar o incremento extraordinario do 1% durante 20 anos. Así, a nosa Comunidade recibiría, como o País Vasco ou Cataluña, “unha AP-9 libre de cargas”.

Pero no texto aprobado onte no Congreso –que o deputado popular cualificou do “colmo da desvergonza e a indignidade” de socialistas e nacionalistas-, desaparecen as condicións fixadas na Proposición de lei orixinal. “É un fito –continuou- da indignidade política”.

Para Roberto Rodríguez, os nacionalistas pasaron de asinar, no ano 2000, “o pacto de perdedores”, co que investiron presidente a Pedro Sánchez, a asinar un pacto de traidores, para “consumar a maior das traizóns a Galicia: “Logo de seis anos e medio, o que temos é a AP-9 máis cara da historia e o único gratuíto é o apoio do BNG a Sánchez”.

Así, dixo que o BNG quedou inhabilitado para falar de credibilidade e dignidade con este acordo: “Non sei se seguen a ser nacionalistas, pero nacionalistas galegos, non”. “Que ten ocorrido –preguntou Roberto Rodríguez- para que hoxe vaian votar en contra de vostedes mesmos?”.

O PPdeG esixe ao BNG que elixa entre ser “o socio necesario máis barato” de Sánchez ou defender a democracia

O PPdeG esixiu ao BNG que elixa entre ser “o socio necesario máis barato” de Pedro Sánchez ou defender a democracia. Neste sendo, a presidenta de NNXX de Galicia e deputada do Grupo Popular, Nicole Grueira, acusou aos nacionalistas a estar “cegos, xordos e mudos” ante un goberno cercado pola corrupción: “Cegos ante as evidencias incontestables, xordos ante os que reclaman exemplaridade e mudos ante os que demandan explicacións”.

A través dunha proposición non de lei, que foi aprobada, hoxe, na Cámara galega, a representante popular avogou pola urxencia de reafirmar o compromiso coa exemplaridade, o respecto institucional e a defensa dos principios que sustenta o Estado de Dereito. Unha urxencia que vén motivada pola sucesión de investigacións xudiciais e tramas de corrupción está a provocar unha crecente inquietude social e un evidente deterioro da credibilidade pública. “Unha macrocausa de corrupción”, apuntou, con 15 sumarios, 19 delitos e case un cento de investigados.

Nicole Grueira incidiu en que a iniciativa “non vai de siglas”, senón do respecto á democracia e da confianza nas institucións e no labor da política. E é que, tal e como salientou, “non podemos normalizar” que, por primeira vez na historia democrática deste país, un ex presidente do Goberno se sente no banco dos acusados por presunta organización criminal, tráfico de influencias e falsidade documental; nin se condene, tamén por primeira vez, a un fiscal xeral do Estado.

UN GOBERNO QUE NON REPRESENTA A NINGUÉN
Do mesmo xeito, instou aos grupos da oposición a “elixir co seu voto” se están coa Unidade Central Operativa (UCO), cos xuíces que perseguen o delito e coa democracia ou se, pola contra, con quen intenta boicotear a UCO, sobornar fiscais ou perseguir a xuíces.

“Cando a corrupción acurrala ao PSOE a culpa é da xustiza e dos periodistas que destapan todas estas tramas e irregularidades”, sinalou a deputada popular, quen remarcou que nun Estado de Dereito nin os xuíces nin os fiscais nin os xornalistas son os adversarios políticos.

Segundo salientou, o Goberno central xa non representa a ninguén, nin á xuventude nin ao conxunto da cidadanía, porque “está máis preocupado en atender os seus escándalos de corrupción que os problemas de todos”. “Que pode esperar a xuventude galega do PSOE, acurralado pola corrupción e do BNG, quen mellor defende a Sánchez”, salientou.

O PPdeG di que o esforzo inversor na catedral de Santa María de Lugo é o “claro exemplo” do compromiso do Goberno galego coa cidade

O PPdeG salientou que o esforzo inversor do Goberno galego na catedral de Santa María de Lugo é o “claro exemplo” do seu compromiso firme coa cidade. Así, a deputada do Grupo Parlamentario Popular, Cristina Sanz, puxo en valor os máis de 2,5M€ que a Xunta leva destinados ao proxecto de conservación e rehabilitación “deste gran valor patrimonial e cultural”.

Tras a finalización dos traballos de reparación e eliminación das humidades existentes na cabeceira da catedral, onde se sitúa a capela da Virxe dos Ollos Grandes; a deputada popular informou de que se avanzará coa restauración do cadeirado do coro lígneo de Francisco de Moure –cunha antigüidade de máis de 400 anos e formado por un total de 66 cadeiras-. O proxecto atópase, actualmente, en fase de licitación –o prazo para presentar ofertas vén de rematar a finais do mes de maio- e conta cun investimento superior os 285.000 euros.

Tal e como apuntaron, está pendente de licitación a rehabilitación dos espazos da panda oeste do claustro da catedral de Lugo. Unha actuación, subliñaron os deputados populares, coa que se acometerá a mellora da accesibilidade a da eficiencia enerxética, a posta en valor do espazo abovedado e a recuperación do espazo para a usos culturais. O Goberno galego prevé nestes traballos un investimento de preto de 1,8M€.

Segundo recordou Manuel Mato, este conxunto de actuacións de conservación, restauración e rehabilitación forman parte do Plan catedrais de Galicia do Goberno galego e cofinanciado polo programa Galicia FEDER 2021-2027. “O obxectivo é devolverlle todo o seu esplendor a esta xoia artística para que siga sendo un foco vivo de cultura, devoción e turismo”, finalizou.

Nesta liña, o Grupo Popular vén de rexistrar unha pregunta oral para que o Goberno galego informe de todo o traballo desenvolvido ata o momento na liña de protexer e conservar este “extraordinario testemuño da evolución da arquitectura relixiosa”.