O PPdeG destaca que a Montaña de Lugo conta con 10 casas niño que permiten conciliar ás familias de xeito gratuíto

As deputadas do Grupo Parlamentario Popular, Raquel Arias e Nicole Grueira, destacaron que as 10 casas niño que funcionan na Montaña de Lugo brindan recursos de conciliación, con 50 prazas gratuítas, ás familias que viven en concellos que non dispoñen doutras ofertas para nenos de 0 a 3 anos.

Raquel Arias e Nicole Grueira tiveron ocasión de comprobar de primeira man o éxito desta iniciativa da Xunta, durante unha visita ás tres casas niño que funcionan no concello de Castroverde. Na recta final do actual curso 2025-2026, constataron o modelo de atención integral e personalizada que se proporciona nestes centros.

Cun máximo de cinco nenos e nenas por instalación, as casas niño atenden ata a 500 cativos e cativas en toda Galicia. Deste total, 150 corresponden á provincia de Lugo, grazas a un investimento da Xunta, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, de 2,8M€, durante o período 20205-2028, nos 30 centros existentes nunha vintena de concellos.

“As tres casas niño de Castroverde son un excelente exemplo de como é posible facilitar a conciliación persoal e laboral, ao tempo que se ofrece unha educación de calidade, de xeito completamente gratuíto, nos concellos do noso rural que non dispoñen doutras alternativas”, destacaron as deputadas populares.

“Ademais, contribúen a crear emprego e asentar poboación, precisamente, naqueles núcleos que presentan unha menor densidade demográfica”, incidiron tras departir coas responsables das casas niño e interesarse pola atención e coidados que reciben os pequenos que asisten en horario flexible.

MÁXIMAS GARANTÍAS DE CALIDADE
As casas niño ofrecen ás familias usuarias as máximas garantías de calidade, dado que a Consellería de Política Social e Igualdade esixe unha formación ou experiencia profesional específica e impón diversos requisitos nos inmobles.

Cómpre lembrar que Galicia foi pioneira en dotar de gratuidade a todas as escolas infantís, con independencia da súa titularidade. Deste xeito, máis de 32.000 familias poden levar aos seus fillos ao centro que elixan, con atención educativa de balde oito horas ao día e once meses ao ano.

Co inicio do curso 2026-2027, esta iniciativa –á que o Goberno galego achega máis de 68 millóns de euros procedentes de fondos propios- cumprirá cinco anos consecutivos. Para os fogares galegos supón un aforro de arredor de 4.000€, e permite á Comunidade liderar, por terceira vez consecutiva, a taxa de escolarización de 0 a 3 anos, con case un 65% e 15 puntos por riba da media nacional.

O Parlamento aproba estender os caixeiros de autoservizo ás 54 oficinas de emprego e garantir a “cobertura total” no territorio

O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, sen votos en contra, a iniciativa do Grupo Popular relativa a que a Xunta complete a implementación dos caixeiros de autoservizo nas 54 oficinas de emprego de Galicia, contribuíndo, así, á “cobertura total no territorio”.

O obxectivo, tal e como remarcou a deputada do Grupo Popular, Noelia Pérez, é “seguir construíndo un Servizo Público de Emprego máis útil, próximo e eficaz para todos os galegos”. Tras incidir nos caixeiros de autoservizo como unha alternativa “cómoda e autónoma” que complementa a atención presencial, referiuse á experiencia piloto que o Goberno galego puxo en marcha, a finais de 2024, en Pontevedra, Santiago e na Coruña e da que, “ano e medio despois, máis de 4.000 trámites avalan que esta ferramenta está a funcionar”. Explicou que estes tres caixeiros de autoservizo son dispositivos de uso sinxelo, cunha interface clara e menús intuitivos, que garanten o acceso universal, con independencia do nivel de competencias dixitais do usuario.

A deputada popular fixo fincapé no proceso de “transformación profunda” do Servizo Público de Emprego, no que a Xunta leva anos traballando: “De pasar dun modelo centrado case exclusivamente na tramitación administrativa a pasar a un modelo centrado nas persoas”. Así, Noelia Pérez puxo en valor a “estratexia global de modernización” das oficinas de emprego, onde, ademais da renovación e creación de novos espazos, a dixitalización figura como un dos seus piares fundamentais. E referiuse ao mal funcionamento actual do servizo estatal de emprego, afondando nas dificultades para conseguir cita previa para realizar trámites presenciais esenciais, tales como a solicitude da prestación por desemprego.

Neste senso, salientou a ferramenta “pioneira” EMi, que permite realizar o perfilado competencial de milleiros de persoas demandantes de emprego e que serve de apoio aos traballadores das oficinas e aos orientadores laborais. Tal e como explicou, “permite coñecer mellor os perfís profesionais, casar a oferta e a demanda, detectar necesidades formativas e que os profesionais das oficinas dispoñan de máis información para orientar mellor ás persoas”.

Neste proceso de transformación dixo que, tamén, gañou protagonismo a orientación laboral: “Galicia aposta por un modelo moito máis personalizado, ao incorporar 136 novos orientadores laborais”.

Paula Prado critica a “traizón” e a “hipocrisía” de PSOE e BNG coa transferencia da AP-9 para que Sánchez “aforre a conta do peto dos galegos”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defende que “Galicia merece máis” fronte ao “espectáculo político” que acurrala ao Goberno de Pedro Sánchez, o “indutor, financeiro e beneficiado do caso de corrupción máis grave da nosa democracia”. Así mesmo, critica a “hipocrisía” dos seus socios, o BNG, que “agochan a cabeza en Madrid e fan caso ao seu líder, quen pretende aforrar unha vez máis a costa do peto dos galegos”. Neste sentido, volveu esixir unha transferencia da AP-9 “sen trampas” fronte á “traizón” da esquerda.

Así o manifestou durante unha rolda de prensa na sede autonómica, na que defendeu que o PPdeG “seguirá reclamando o que lle corresponde a Galicia, sen medias tintas e sen recortes”, fronte a esa traizón de PSOE, BNG e Sumar, que rebaixaron o acordo unánime aprobado no Parlamento galego para a transferencia da AP-9. Lembrou tamén que o custo adicional calculado polo Goberno galego que suporía a nova proposta de transferencia ascendería a 3.938 millóns de euros.

“Non queremos versións rebaixadas e descafeinadas, pois abren a porta a impoñer hipotecas e obrigas aos contribuíntes galegos para aforrarllas a Pedro Sánchez”, explicou Prado, que lamentou que a listaxe de agravios con Galicia sexa “máis longa”, citando a falta de financiamento con cuestións como a educación, a dependencia ou o financiamento autonómico. Neste último punto lembrou o que dixo recentemente o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, sobre a falta de consenso coas comunidades autónomas, mentres outras se ven beneficiadas. “Os recursos que son de todos, debátense e repártense entre todos”, destacou.

A VOCACIÓN DE SÁNCHEZ: MANTERSE NO PODER

Tamén lamentou que a vocación de servizo público de Sánchez non exista, xa que o que ten é “moita vocación de si mesmo, de manterse no poder a costa de todo e de todos, con enganos e secuestrando apoios”.

“Mentres o PSOE falaba fai tempo dunha mazá podre, agora evita falar desa árbore enferma desde a súa raíz, que é Pedro Sánchez”, sinalou Prado, que lamentou que os socios de Goberno, o BNG, “enganen a todos os galegos e galegas, que lonxe de querer o mellor para Galicia, busca que o señor Sánchez siga mantendo o seu sillón na Moncloa”.

Para a número dous dos populares galegos, a líder do independentismo galego, Ana Pontón, forma parte dese sector do Congreso que non ve suficiente todo o que está acontecendo para convocar eleccións nacionais. “Por mor de que se dilúan máis as súas liñas vermellas, todos os españois estamos vivindo a máxima degradación da democracia”, criticou.